VIGO (MORRAZO-tribuna).- O tenente de alcalde, Santi Domínguez, asegurou este martes que nestes momentos “non hai ninguén que sexa capaz de xustificar os recheos do porto para garantir o seu desenvolvemento económico”. O nacionalista así o subliñou tras a reunión que mantivo hoxe coa directiva da Federación de Usuarios do Porto de Vigo, que cualificou de “moi cordial porque o BNG nunca se vai a negar a dialogar para buscar solucións”.
O tenente de alcalde manifestou que na actualidade non se teñen facilitado xustificacións para desenvolver máis recheos no Porto vigués, pero mantivo que “o BNG está disposto a abandeirar o diálogo e a ceder sempre e cando nos xustifiquen a necesidade do cambio”. Santi Domínguez demandou que se mostre o Plan de Usos e o Plan Estratéxico das instalacións portuarias, documentos básicos para debatir sobre as necesidades de crecemento do Porto. Neste sentido sinalou que o BNG si coincide coa Federación de Usuarios “na necesidade de chegar a un acordo rápido porque estamos nun momento histórico que non nos permite esperar”. É por iso que incidiu en que “queremos que se nos mostre o que se quere facer”, salientou.
Santi Domínguez subliñou que cando se quere chegar ao entendemento, “ningunha das dúas partes debe ter actitudes prexulgadas”, e aínda que afirmou que a postura do BNG ao respecto dos recheos “é clara”, amosou a súa disposición “a dialogar e a ceder se se xustifican as actuacións”.
Pola súa banda, o presidente da Federación de Usuarios, Gonzalo López Bravo, coincidiu co tenente de alcalde ao sinalar que o encontro foi “cordial pese a que inicialmente as posturas son antagónicas”. Neste sentido indicou que aínda que o BNG non acepta os recheos e a Federación de Usuarios defende actuacións no litoral e a ampliación das liñas de atraque, amosou a disposición da entidade que preside a “poñer da nosa parte para que a planificación sexa efectiva”. López Bravo indicou que a xuntaza tivo lugar no marco das reunións que a Federación de Usuarios está desenvolvendo para facilitar a mellora das infraestruturas portuarias e que quedaron emprazados co tenente de alcalde para manter novas xuntanzas posto que consideran que o consenso “é fundamental nun tema clave de cara ao futuro do porto”.