02 diciembre 2008

TRIBUNA DE OPINION :
sorpresa e indignación

O Movemento polos Dereitos Civís acolle con sorpresa e indignación a noticia, difundida onte, do arquivo e sobreseimento das denuncias contra Construcuatro polo cobro de sobreprezos en vivendas de protección oficial. O auto foi emitido fai unha semana e comunicado onte os máis de trinta afectados, compradores dalgún dos pisos protexidos no barrio vigués de Navia. O feito de que a constructora saia indemne do proceso a pesar das máis que probadas irregularidades e ilegalidades cometidas non fai senón incidir na sensación de desconfianza cara a Xustiza existente na cidadanía, tal e como reflexaba xa a última enquisa do MpDC.
Segundo parece, o Xulgado de Instrución Número Dous de Vigo non considera particularmente grave que a empresa Construcuatro, da que é socio o presidente do PP en Pontevedra, Telmo Martín, cobrase cantidades adicionais en “negro” ós veciños, en contra lóxicamante da vontade destes. A xuíza non tivo en consideración os argumentos da acusación, que falaban de delictos de estafa e coaccións. Antonio Salceda, avogado dos afectados, anunciou a súa intención de recorrer a sentenza e de acudir ó Valedor do Pobo, e denunciou a falta de vontade de investigar realmente os feitos por parte da Xustiza.
Decisións coma esta derivan inevitábelmente nunha sensación de desprotección e impotencia nas víctimas, que perciben á administración de Xustiza coma un organismo parcial que tende a privilexiar a empresas e administracións nos seus conflictos co cidadán. Unha recente enquisa encargada polo Movemento polos Dereitos Civís demostrou que máis da metade das persoas consideraba que, nun preito entre ambos, a Xustiza tende a favorecer ás entidades públicas en detrimento dos particulares. A este deterioro da súa imaxe hai que engadirlle a indignación perante os retrasos nos procesos: oito de cada dez galegos afirmaban na citada enquisa que a resolución destes é “moi lenta”. O Movemento vése na obriga de sinalar que con decisións inxustas e parcias como a que nos ocupa, lesivas dos dereitos das víctimas, a Xustiza seguirá perdendo o respecto da cidadanía.
MOVEMENTO polos DEREITOS CIVIS