CANGAS (MORRAZO-tribuna) .- Este día 26 de maio ás 20:00h celebrarase na sede de FECIMO en Cangas unha charla sobre un caso práctico de éxito levado a cabo por un comercio retallista galego, e levará por nome: “Novo formato de comercio e innovación na colocación e distribución do produto.” A experiencia de Aquié.
Neste caso ofreceuse á Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo a oportunidade de recibir a Dna. María Castro, responsable de Marketing do Grupo Cuevas, unha empresa ourensá que conta con 142 anos de historia e que recentemente reinventou o concepto de supermercado tradicional, aportando atractivo á imaxe do comercio a través do deseño dos establecementos e da distribución dos produtos no punto de venta.
Así nace o supermercado Aquié, seleccionado un dos 6 proxectos máis innovadores do mundo nos premios World Retail Awards 2009.
O Congreso Mundial de Venta ó Público 2009, xuntou a líderes mundiais do comercio retallista para discutir temas de vangarda desta industria. Ó finalizar o Congreso, celebrado este ano en Barcelona, tivo lugar a entrega de premios ós mellores minoristas, según categorías. Aquié participou como finalista da categoría de Innovación.
Estes premios, establecidos en 2007, axudan a coñecer os puntos clave e as tendencias da venta moderna. Os finalistas xunto cos gañadores proporcionan a inspiración e a dirección dos que se dedican á venta ó por menor.
Coa presenza do equipo creador de Aquié na sede de FECIMO, quérense aportar solucións imaxinativas e pequenas ideas que poden mellorar o servizo que ofertan os comerciantes da provincia, facendo fronte ao cambio que se está a producir nos hábitos de consumo dos clientes.