26 mayo 2009

Se reabre polémica en torno a los peajes en las autopistas gallegas

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-En relación coas propostas para a peaxe da autoestrada Santiago-Lalín formuladas onte polo parlamentario socialista Pablo López Vidal, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas manifesta que:

Seguindo a política adoptada polo Goberno bipartito na anterior lexislatura, na que se liberaron as peaxes de Rande e A Barcala con cargo ás contas da comunidade autónoma a pesares de ser unha infraestrutura estatal, o PSOE quere que a Xunta de Galicia, co diñeiro de todos os galegos, siga asumindo o custe das peaxes do Estado, mentres o Goberno central subvenciona as tarifas das autoestradas noutras comunidades autónomas.

Desde a consellería destácase que logo de deixar un burato de 1.200 millóns de euros nos presupostos da Xunta de Galicia, os socialistas galegos pretenden que o Goberno autonómico continúe endebedándose mentres o Estado aforra a conta dos galegos.

Así, a Consellería reitera a súa postura de reducir as peaxes nas autoestradas de titularidade autonómica. Será unha iniciativa feita con coherencia, global, progresiva e universal, polo que se espera contar co apoio de todos os grupos parlamentarios para sacar adiante esta cuestión.

A Xunta aplicará á AP-53 as mesmas reducións que nas autoestradas autonómicas cando dita infraestrutura sexa transferida á Comunidade.

En todo caso, a Xunta insta ao Estado a arrimar o ombro mentres non se produce o traspaso, e a secundar nas súas autoestradas o esforzo que a Xunta de Galicia está disposta a facer nas de titularidade autonómica para rebaixar as peaxes. Lembra que a nivel estatal, o Goberno xa está a subvencionar peaxes de autoestradas, como ocorre co caso de Campomanes-León.