26 mayo 2009

Enfrentamiento entre el Bloque y el Arzobispo de Santiago por la plaza de A Quintana

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Guillerme Vázquez, pide ao Arcebispado de Santiago de Compostela “ponderación” e lémbralle que a Praza da Quintana “é un espazo público que pertence a todos e a todas, que pertence ao pobo, e que non pode ser privatizado por nengunha confesión relixiosa”.

“Felizmente estamos nun Estado laico e as rúas e as prazas son de todos e de todas, e non de nengunha institución, por moi relevante que esta sexa. A Igrexa debería pronunciarse con maior moderación e non actuar con prepotencia”, avalía o portavoz nacional do BNG.

“A Igrexa católica goza en moitísimas ocasións da cooperación das autoridades civís para a realización de actos relixiosos nos espazos públicos. Ocupa as rúas das cidades e corta o tránsito durante as procesións, por pórmos un exemplo. Isto non debe levar á Igrexa Católica a pensar que os espazos públicos son seus e que pode facer un uso privativo de rúas e prazas”, engade Guillerme Vázquez.

O nacionalismo galego, afirma Guillerme Vázquez, continuará a manifestarse polas rúas de Santiago de Compostela o 25 de Xullo e a concluír a súa marcha na Praza da Quintana, onde todos os anos se reúnen miles de simpatizantes do Bloque Nacionalista Galego.

“Este ano farémolo con máis forza se cabe. A Praza da Quintana é do pobo galego, non de nengunha Igrexa”, di Guillerme Vázquez. “A estas alturas de século escoitar que a Praza da Quintana debe ficar acoutada como un espazo sagrado retrotráenos a outros tempos ben máis escuros en que a presenza da Igrexa Católica na sociedade era verdadeiramente abafante. Eses tempos felizmente pasaron e as confesións relixiosas deben practicarse no ámbito privado, sen invadir espazos que son dos cidadáns e das cidadás”.