
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A candidata do BNG ás eleccións ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, esixiu hoxe en Ribadavia ao presidente da Xunta de Galiza “a destitución inmediata de Roxelio Martínez como superdelegado da Xunta en Ourense”.
A candidata do BNG, que visitou esta mañá a capital do Ribeiro, denunciou que “o caso do ex-alcalde de Arnoia é un exemplo de como o PP dilapidou os miles de millóns de euros que chegaron a Galiza, sen aproveitalos para crear riqueza no país”.
“Con qué autoridade moral vai o PP pedirlle o voto aos galegos para as eleccións europeas cando mantén no seu cargo a Roxelio Martínez? Con qué autoridade moral vai o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, a pedirlle a Bruxelas que Galiza siga recibindo fondos europeos, cando mantén como superdelegado da Xunta en Ourense a un señor que foi condenado xa pola vía administrativa por malversación de fondos públicos e que agora tamén vai se xulgado polo mesmo pola vía penal?, preguntouse Ana Miranda.
Neste sentido, a candidata nacionalista subliñou que “os representantes do BNG no Parlamento Europeo poderán defender con lexitimidade, con autoridade moral, que Galiza siga recibindo axudas da UE, algo que non pode facer o PP”.
“Defenderemos en Europa aos viticultores do Ribeiro”
Por outra parte, Ana Miranda tamén amosou o compromiso do BNG para defender en Bruxelas “o modelo de viticultura galega, un modelo baseado na calidade e amparado polas denominacións de Orixe, como o que se practica no Ribeiro”.
Neste sentido, Ana Miranda subliñou que “os próximos anos van ser decisivos para a viticultura galega, xa que en Bruxelas vaise negociar a reforma da OCM do Viño”. Así, lembrou que “no ano 2015 está previsto que se liberalicen os dereitos de plantación, algo que prexudicaría ao modelo de Denominacións de Orixe, como a do Ribeiro·”. Por iso, insistiu na necesidade de que “o BNG estea presente no Parlamento Europeo para que os intereses dos nosos viticultores e viticultoras tamén sexan defendidos”·.