VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia lamenta o anuncio feito polo Sindicato Labrego Galego (SLG) sobre a convocatoria dunha protesta o vindeiro mércores pola mañá, horas antes de que se celebre, esa mesma tarde, a reunión da Mesa do Leite.
O departamento que dirixe Samuel Juárez entende que a Mesa do Leite é o marco adecuado no que se deben tratar os problemas que afectan ao sector. A Consellería reitera o seu ofrecemento de diálogo con todas as partes implicadas.
A Consellería do Medio Rural lembra que este conflito existe desde hai varios meses e lamenta que sexa agora, cando o novo Goberno leva só un mes de xestión, cando o SLG decida convocar unha protesta. A Xunta de Galicia quere facer un chamamento ao sosego e á cooperación entre Administración, produtores e traballadores para acadar unha solución ao difícil momento que atravesa o sector lácteo na nosa Comunidade.