03 septiembre 2009

La Xunta se cepilla el llamado servicio de canguros

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A portavoz do BNG na Comisión de Igualdade do Parlamento Galego, Ana Pontón, denunciou esta mañá en rolda de prensa que o Goberno do PP ven de suprimir o servizo público de atención domiciliaria a nenos e nenas cuxa posta en marcha iniciara o anterior Goberno Bipartido.

Un proxecto piloto en 39 concellos que apoiaba a conciliación da vida laboral e familiar

Ana Pontón lembrou que o BNG dende a Xunta de Galiza, en concreto a través da Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, licitou o 6 de febreiro do presente ano un concurso público para adxudicar a prestación dun servizo de atención domiciliaria á infancia para o coidado de menores de 12 anos.

Tratábase dun proxecto piloto en catro áreas das catro provincias, que abranguía 39 concellos, e cuxo importe ascendía a 534.800 €. A deputada do BNG precisou que “dado que o prazo para adxudicar este concurso coincidía coa etapa do Goberno en funcións, a Secretaría Xeral de Igualdade acordou o 15 de abril suspender temporalmente a adxudicación do mesmo para que o fixera o novo Goberno”.

A Consellaría de Traballo e Benestar asegura que este servizo “non é un obxectivo necesario”

Sen embargo, Ana Pontón denuncia que o Goberno do PP, a través da Consellaría de Traballo e Benestar “decidiu o pasado 19 de agosto, aproveitando o período estival, desistir deste procedemento”, alegando, tal e como se recolle na acta de desestimento que “levar a termo este contrato non é un obxectivo necesario dentro das políticas que desenvolve na actualidade a consellaría correspondente”.

“O Goberno de Feijóo non acredita nas políticas de igualdade”

Para a deputada do BNG a decisión da Xunta de Galiza de suprimir a posta en marcha dun servizo de kanguros/as “demostra que o Goberno de Feijóo non só non acredita nos servizos sociais, tal e como está a demostrar na sanidade, na educación ou nas políticas de benestar, senón que demostra que non acredita realmente na igualdade”.

Ana Pontón subliñou que “o servizo de canguros/as ten moita demanda no noso territorio e cumpre unha función importante para que as mulleres poidan conciliar a vida laboral e familiar”.

En concreto, lembrou que as causas que se establecían para a prestación deste servizo son enfermidade do/a menor que aconselle a súa permanencia no domicilio familiar; enfermidade das persoas coidadoras; alteración do horario habitual de traballo das mesmas ou situación de busca de emprego ou asisTencia a cursos de formación das persoas coidaoras do/a menor

Iniciativa do BNG para que a Xunta poña en marcha este servizo antes de 2010

Ante esta situación, Ana Pontón anunciou a presentación dunha iniciativa do BNG no Pleno do Parlamento Galego pola que se insta á Xunta a que poña en marcha un servizo de atención domiciliaria á infancia antes do inicio do ano 2010.

Asemade, o BNG esixirá en sé parlamentar que o Goberno de Feijóo informe das verdadeiras razóns polas que decidiu privar aos galegos e galegas deste servizo e que dea conta do importe co que compensou aos licitadores ou candidatos do concurso público desestimado.