03 septiembre 2009

VIGO : a musealización de O Castro terá unha maqueta tiflolóxica e textos en braille para facela accesible aos discapacitados

Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O tenente de alcalde, Santi Domínguez, explicou este xoves que a musealización do xacemento arqueolóxico de O Castro prestará especial atención á accesibilidade e contará cunha maqueta tiflolóxica realizada en bronce. Durante a visita que realizou ao xacemento xunto aos concelleiros de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, Benestar Social, María Méndez, e Deportes, Xabier Alonso, o nacionalista subliñou que este proxecto mostra unha especial sensibilidade coas personas con deficiencias visuais, xa que tamén contará cun texto en braille que facilitarán a súa interpretación.

“Podemos comprobar xa o corpo definitivo do que se vai poder contemplar ao rematar a musealización”, destacou o tenente de alcalde tras o percorrido. Asegurou que o traballo “vai a bo ritmo”, de xeito que en dous ou tres meses “poderá estar completamente rematado”. Segundo afirmou Santi Domínguez, trátase dun “paso histórico para que os vigueses e viguesas poidamos visualizar o valor patrimonial do monte de O Castro”, xa que coa actuación que se está a levar a cabo “por primeira vez se poderá ter unha visión de conxunto da riqueza arqueolóxica do Castro”.

Santi Domínguez subliñou que o percorrido que se efectuará polo xacemento “será totalmente accesible” e os paneis informativos que se instalarán permitirán que sexa autovisitable, “aínda que tamén haberá visitas guiadas”, puntualizou. Ademais da cartelería e sinaléctica, utilizaranse tamén siluetas humanas castrexas en varios puntos do monte para guiar aos visitantes ata o xacemento. Neste sentido, estase a traballar na elaboración dun mapa de dispersión coa finalidade de definir a extensión e disposición do poboado na totalidade do monte de o Castro.

A musealización estará integrada, por unha banda, pola recreación dunha unidade doméstica, que permitirá mostrar como eran as vivendas do século I e como vivía unha familia. En concreto, esta recreación atópase fóra da área escavada nos anos oitenta e polos restos arqueolóxicos orixinais e está integrada por tres estruturas practicamente rematadas. Respecto ao resto dos vestixios castrexos, unha parte importante do proxecto consiste nos traballos de reescavación e limpeza de estruturas, que se completarán coa súa consolidación, para potenciar a súa función didáctica e permitirá a súa pervivencia e conservación.

Outro dos aspectos contemplados no proxecto refírese á instalación do valado perimetral. Este estará integrado por unha estrutura metálica, deseñada polos arquitectos Irisarri e Piñeira, cuxa función será a de protexer os restos musealizados e regular o acceso ao interior do xacemento pero permitindo a súa visualización. Por outra banda, está xa practicamente rematada a instalación dun sistema de drenaxe que impedirá a acción da escorrenta das augas nesta zona de forte pendente.

O tenente de alcalde salientou que a actuación neste xacemento xunto a musealización de Toralla supoñen un “avance importante” no desenvolvemento do plan museístico da cidade. Ao respecto adiantou que se levarán a cabo campañas divulgativas conxuntas co obxectivo de poñer en valor a riqueza patrimonial, histórica e turística da cidade.

De xeito paralelo a esta musealización estanse levando a cabo diversas investigacións como o estudo dos materiais arqueolóxicos para a reprodución dos obxectos que se van a amosar ou a lectura dos paramentos das casas castrexas co obxectivo de poder elixir que estruturas se amosarán ao público.