13 octubre 2009

103 accidentes de tráfico en el puente del Pilar en Galicia

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana a un total de 141 persoas debido a 103 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende dende as 15.00 h. do venres, 9 de outubro, ata as 23.59 h. do luns, 12 de outubro. O maior número de atencións por sinistros rexistrouse o sábado, con 34 accidentes.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en toda Galicia, recibiu nestes días 123 chamadas en relación con accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 103 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061, que atenderon a un total de 141 persoas.

A porcentaxe de homes atendidos foi do 63% e a de mulleres foi do 37% . No que se refire ás idades dos feridos, obsérvase que un 60% dos atendidos ten entre 15 e 39 anos. Por provincias, Pontevedra foi a que rexistrou máis accidentes durante os desprazamentos destas datas, con 47 sinistros.

Provincia Procesos
A Coruña 36
Lugo 10
Ourense 10
Pontevedra 47
Total 103

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 142. Así, as UVI móbiles se mobilizaron en cinco ocasións; o helicóptero medicalizado acudiu a tres sinistros, as ambulancias asistenciais mobilizáronse en 116 accidentes; as concertadas en seis casos; e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais do 061 en caso de necesitarse prestaron asistencia en 12 sinistros.

En 121 casos os feridos foron trasladados aos centros hospitalarios correspondentes e en dúas ocasións ao centro de saúde ou Punto de Atención Continuada de Atención Primaria, mentres que 18 persoas lesionadas foron atendidas no propio lugar no incidente sen necesitar traslado e unha faleceu no lugar do incidente.