13 octubre 2009

Parlamento : polémica de nuevo en relación a los impuestos

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O portavoz de Economía do BNG no Parlamento Galego, Fernando Blanco, denunciou hoxe que a supresión do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados aprobado hoxe polo Goberno do PP no Parlamento Galego “é unha reforma inxusta e insolidaria, que lle quita a este Goberno a falsa carauta da solidariedade e do consenso”.

O deputado nacionalista subliñou que a reforma “debería ter como obxectivo axudar ás persoas que están pasando máis dificultades a mercar unha vivenda, e para iso o BNG defendeu que a supresión do imposto se vinculase ao nivel de renda, e ao prezo e tamaño da vivenda”.

Neste sentido, denunciou que “a reforma que fan vostedes non establece un limite de renda para suprimir o imposto, algo que mesmo fan Comunidades Autónomas gobernadas polo PP, co que o Goberno de Feijóo está a aplicar as políticas máis de dereitas de todo o Estado”.

“Con esta reforma -advertiu- o que gaña 60.000 euros ao mes e merca un pazo vai pagar o mesmo en impostos que un traballador que gaña 1.000 euros e quere mercar a súa primeira vivenda”.

“Para mercar libros de texto si poñen límites de renda, para mercar unha vivenda non”

Por iso, Fernando Blanco cualificou a reforma “de inxusta, insolidaria e falta de consenso, porque rexeitaron todas as emendas dos grupos da oposición”.

Por último, o deputado do BNG denunciou “a falsa solidariedade do Partido Popular porque que houbera libros de texto gratuítos para todos parecíalles ofensivo e estableceron límites de renda para que mesmo unha familia mileurista teña que pagar, pero aquí, para mercar unha vivenda non poñen ningún límite de renda e fan barrra libre impositiva, co que ten a mesma desgravación un menor de 35 anos que gaña 60.000 euros ao mes que o que gaña 600 euros”.