13 octubre 2009

Novos tempos para A Estrada

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O Diario Oficial de Galicia de hoxe martes, 13 de outubro, publica o anuncio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas polo que se somete a información pública o estudio informativo e de impacto ambiental do proxecto de trazado da prolongación da autovía AG-59 ata A Estrada. Así o avanzou o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, o pasado sábado durante a presentación deste proxecto, nas instalacións da Academia Galega de Seguridade de A Estrada.

Cómpre sinalar que foi o Goberno anterior ao bipartito o que impulsou a autovía entre Santiago e A Estrada, e será o actual Goberno o que aposte pola continuidade ata A Estrada e Forcarei. As previsións do departamento que dirixe Hernández son que a Declaración de Impacto Ambiental estea lista no verán de 2010, e posteriormente –sobre o cuarto trimestre do vindeiro ano- que xa estea redactado o proxecto técnico de trazado. Nese mesmo trimestre empezarase de xeito paralelo co estudio informativo e de impacto ambiental da continuación deste proxecto, é dicir, do tramo Cerdedo - Forcarei. Con este calendario de actuación, o proceso de expropiación e a licitación das obras serán unha realidade no primeiro semestre de 2011.

O actual Goberno galego aposta pola denominada Alternativa A do estudo informativo, cuxa lonxitude é de máis de 11 quilómetros e suporá un orzamento superior aos 78 millóns de euros. Contará con 3 enlaces, 5 viadutos, 8 pasos superiores e 5 inferiores. Coa posta en marcha deste proxecto búscase darlle continuidade á autovía AG-59 e conectar o Concello da Estrada e a súa comarca con Santiago e a autoestrada da AP-53.

Nese senso, os tempos de percorrido do trazado Santiago - A Estrada, respecto das alternativas da estrada actual (AC-841/ PO-841), reduciranse nun 58,6%, ao pasar de 29 minutos pola rede provincial a 12 minutos pola futura autovía. Ademais, no momento en que este proxecto se atope completo, é dicir, ata o enlace coa N-541 (Cerdedo - Forcarei), o tempo de percorrido minguará en 37 minutos, ao pasar de 66 –por estrada convencional- a 37 minutos por autovía, un 56% menos.

Esta infraestrutura terá consideración de autovía, polo que se poderá circular a unha velocidade de 120 km/h, cun ancho total de 25,5 metros e dúas calzadas de 7 metros. Os concellos afectados pola construción deste vial son Santiago, Teo, Vedra, A Estrada e Cuntis, polo que o número de veciños beneficiados é de 144.085, cifra que se elevará a 150.771 cando se engadan Forcarei e Cerdedo.

Aforos
A necesidade de posta en servizo desta infraestrutura está xustificada polas cifras do volume de vehículos que circulan pola estrada Santiago-A Ramallosa e os que absorbeu o treito activo da AG-59. Así, mentres no ano 2008 un total de 11.194 vehículos circulaban diariamente pola AC-841, no ano 2009 esta media descendeu ata os 4.832 utilitarios aos día (un 55% menos), xa que a autovía ata A Ramallosa absorbeu un total de 6.156 vehículos. Está previsto que polo tramo da autovía entre A Ramallosa e A Estrada circularán un total de 5.873 vehículos, polo que o vial convencional pasará dos preto de 9.000 actuais a algo mais de 3.000 vehículos diarios.


Alternativa A
Dende a Xunta de Galicia apostase pola Alternativa A porque constitúe o proxecto con menos lonxitude de trazado. En consecuencia, é a opción que implica un menor volume de terras afectadas, é dicir, menor impacto ambiental. Ademais caracterízase por ter unha maior homoxeneidade, xa que o trazado vai paralelo aos eixes da AC-841 e PO-841 e os enlaces conectan de xeito máis directo coa rede viaria e coa variante da Estrada, incrementando o efecto vertebrador. Outro dos parámetros que a fai máis atractiva é o feito de que capte máis intensidade de tráfico.