08 octubre 2009

Abogan por implantar una cultura de seguridad y salud en el Mar

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar, Paloma Rueda Crespo, avogou hoxe en Vigo pola implantación dunha cultura de seguridade e saúde no mar co apoio da Administración e das institucións, así como do sector pesqueiro. Foi durante a clausura dunha xornada sobre “A formación permanente para a seguridade e a saúde laboral no sector pesqueiro” que, coordinada polo CETMAR coa colaboración do ISSGA, celebrouse no Centro de seguridade e saúde laboral de Rande.

Acompañada por Adela Quinzá, directora do ISSGA, Paloma Rueda Crespo pechou un evento que enmárcase no proxecto Grundtvig-FEP, financiado pola Comisión Europea a través do Programa de Aprendizaxe Permanente, e no que participa como socia a Fundación CETMAR. Os primeiros resultados deste proxecto, que pretende promover o reforzo da formación continua nos traballadores do sector marítimo-pesqueiro, déronse a coñecer hoxe mediante a presentación dun informe sobre seguridade e saúde no traballo do sector da pesca, boas prácticas hixiénico-sanitarias para a produción pesqueira e alternancia entre traballo e formación.

Na súa intervención, a directora-xerente do CETMAR fixo fincapé no feito de que iniciativas coma o proxecto Grundtvig serven para avanzar “cara a conseguir unha situación de mellora que permita desterrar mitos e realidades do mundo do mar, e que achegue unha actividade máis segura para os nosos mariñeiros e mariscadoras”. “Centrar esforzos neste eido será sempre benvido e productivo, especialmente nos primeiros compases do traballo”, engadiu, ao tempo que incidiu na necesidade de “adecuar máis si cabe cada medida de seguridade, cada plan de riscos e cada avance” en materia de seguridade e saúde laboral “ás necesidades e condicións da actividade, sexa esta o marisqueo, a pesca de baixura ou outras ben diferentes”.


Finalmente, Paloma Rueda Crespo agradeceu á Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra e á Cooperativa de Armadores de Vigo, que tamén participaron na xornada presentando a súa actividade cara a implantación dunha cultura preventiva do sector, a súa implicación para a concienciación dos profesionais da pesca.

Dúas delegacións de técnicos e representantes do sector pesqueiro das entidades participantes no proxecto Grundtvig -Lega Pesca de Emilia Romagna e FAP-Pêche et Cultures Marines de Bretaña- asistiron á xornada en Rande e visitaron tamén o centro de formación A Aixola en Marín, acompañados por unha delegación do CETMAR, técnicos da Consellería do Mar e do ISSGA.