08 octubre 2009

Mos dá un paso máis cara á acometida integral da rede de abastecemento nas zonas urbanas

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-Estes días estase a realizar a instalación do sistema de traída de auga no barrio sanguiñedense do Monte

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitou esta mañá acompañada de Ángel Pereira, concelleiro de Saneamento e Abastecemento, as obras de acometida da rede de traída de auga potable no Barrio do Monte, sito na parroquia mosense de Sanguiñeda. Estes traballos contan cun orzamento de 200.000 euros, pero a inversión total para a traída de auga na parroquia sanguiñedense ascende a 60.000 euros máis, correspondentes á acometida dunha nova rede de abastecemento, que vai dende a Avenida de Sanguiñeda ata a Ponte do Senlle, e que o Concello aproveitou para instalar durante a obra de humanización que se está a realizar tamén actualmente na estrada que une dito traxecto.

Durante a súa visita matinal para comprobar que os traballos se están a desenvolver conforme ó previsto no Barrio do Monte, a rexedora local declarou que “con esta obra estamos a dar un paso máis para cumplir a promesa contraída polo equipo de goberno que dirixo de dotar, antes de finais do presente ano 2009, a tódalas zonas urbanas de Mos de sistema de abastecemento”.

“Das catro zonas pendentes de instalación da traída de auga, dous xa teñen dita rede rematada, como son San Rafael e San Antoíño; outra zona, que é a de Sanguiñeda que hoxe estamos a visitar, está a ser acometida estes días; e por último, tan só queda a realización de melloras sobre a rede privada de abastecemento de Puxeiros, que foi asumida polo Concello de Mos a principios de ano e cuio proxecto está xa a piques de ser rematado”, explicou Arévalo.