01 octubre 2009

Ataque del presidente de la Xunta a los pretendidos presupuestos del Estado

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- “O resumo é fácil: os galegos pagaremos máis e recibiremos menos”. Así valorou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, os presupostos do Estado para o ano 2010. O mandatario galego asegurou que o seu Goberno se manterá “vixiante” sobre o cumprimento do Pacto do Obradoiro para a Alta Velocidade, e matizou que aínda que confía na palabra do ministro de Fomento, “hai partidas que haberá que explicar”.

O presidente da Xunta lamentou, ademais, a redución do 50% nas partidas orzamentarias relacionadas co medio ambiente, unha decisión que cualificou de “profunda decepción para Galicia”. “Todas as grandes infraestruturas medioambientais aprázanse, e todas as depuradoras urbanas diminúen o seu presuposto”, subliñou Feijóo, quen puxo como exemplo o caso da de Vigo que, no ano 2009, tiña presupostados 100 millóns de euros, e, en 2010, 9. “Constatamos que no ano 2009 había eleccións en Galicia, e que no ano 2010 xa non hai. De 100 a 9. Iso non ten ningunha explicación”, asegurou Feijóo, quen remarcou que o seu Goberno seguirá apostando por construír a depuradora de Vigo.

Pacto do Obradoiro e retraso nas autoestradas
No tocante ao cumprimento do Pacto do Obradoiro para a Alta Velocidade, Feijóo subliñou que o Goberno galego “non ten todos os datos dos que dispón o Ministerio de Fomento” e que, polo tanto, aínda que confía “na palabra” do ministro de Fomento, “hai cifras e partidas que nos teñen que explicar”. “O único que podo dicir é que neste momento estamos vixiantes para que ese pacto se leve a bo fin. Estaremos vixiantes para que a palabra do ministro de Fomento se cumpra”, asegurou.

O presidente galego si constatou que as infraestruturas viarias comprometidas sufrirán un retraso con estes presupostos. “Vemos que a autopista AP-9 non se vai ampliar nin mellorar; que a autoestrada Lugo- Ourense se retrasa; e que a Pontevedra- Vigo non segue un ritmo razoable para poder dar saída ao inmenso tráfico e ao colapso que cada día sofre a entrada e saída de Vigo”, engadiu.

Galicia, entre as comunidades máis afectadas pola subida de impostos
No transcurso da súa intervención, o mandatario galego referiuse á subida dos impostos aprobada polo Goberno central e asegurou que Galicia, como unha comunidade “de clase media”, será unha das máis afectadas pola subida nos tributos. “Pensamos que é unha decisión que non vai axudar a saír da crise; ao contrario, pensamos que a indiscriminada decisión de subir impostos a todos, incluídos os parados, incluídos os que cobran pensións non contributivas, vai en contra do que se está facendo nos países que están saíndo con maior celeridade da situación económica na que nos atopamos”, afirmou.

O presidente galego destacou, ademais, que “non é certo” que o Goberno de España estea apostando polo gasto social, e lembrou que as competencias en asuntos sociais están transferidas ás comunidades autónomas. “A proba de que non é certo é que a Lei de Dependencia segue sen financiarse por parte do Goberno de España. O que non se pode é computar como gasto social os subsidios do desemprego, que son a certificación do fracaso da política económica do Goberno”, concluíu.