01 octubre 2009

F-009 louba “o rigor, a intelixencia e o tesón” que o escultor Buciños aplicou durante toda a súa traxectoria artística

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, puxo hoxe a obra artística de Manuel Buciños como exemplo de que “a comunicación das ideas e o debate honesto fan avanzar aos pobos por un camiño común”. Así o manifestou durante o acto de inauguración da mostra Arredor de si no Centro Cultural da Deputación do Ourense, onde salientou “o rigor, a intelixencia e o tesón” que este escultor aplicou durante toda a súa traxectoria artística.

“O traballo ben feito, a dedicación a construír unha obra coherente e sólida, sempre coa mirada posta no futuro, estes son valores absolutos que desexo que nos acompañen a todos os galegos, e que Buciños amosou na súa vida exemplarmente”, engadiu o titular da Xunta, quen cualificou a este artista como “unha persoa honesta coa súa arte, traballadora e aberta”. “Sen dúbida, ese carácter e esa forma de ser e actuar na vida fan da súa prolífica obra artística algo valioso para Galicia, en tanto que conforma e acrecenta o noso milenario patrimonio escultórico”, destacou.

Feijóo subliñou o acertado da elección do nome da mostra Arredor de si: “O texto cumio do xenial ourensán Ramón Otero Pedraio é a referencia perfecta para falar da obra dun mesmo, e das circunstancias que rodean a súa creación”.

O presidente galego destacou, ademais, que as 43 pezas que se inclúen na exposición “reflicten a necesidade de comunicarse de Buciños”, e a de expresar “temas e aspectos da vida universais e, ao tempo, xenuinamente galegos”. “A ledicia da amizade, o cariño fraternal, a maternidade ou o amor, están detrás de moitas das pezas presentes. As obras desta exposición están feitas para dicirlle algo á xente que as mira, para comunicar sentimentos ou suxerir emocións que todos podemos compartir”, concluíu.