REDONDELA (MORRAZO-TRIBUNA).- Os deputados do PP por Pontevedra, Ana Pastor, María Ramallo e Jesús Pérez Arca, levarán ao Congreso a “grave situación” que sofren os veciños da parroquia redondelá de Negros afectados polas obras do AVE.
Tras a xuntanza mantida a pasada semana cos colectivos veciñais e na que tamén participou a presidenta local do PP, Francisca Canal, e varios concelleiros deste grupo, os populares acordou presentar no Congreso dos Deputados unha proposición non de lei para esixir o cumprimento das medidas establecidas na Declaración de Impacto Ambiental e que na actualidade, segundo indican, “se están incumprindo de forma reiterada”.
Segundo se recolle na proposición non de lei que se presentará no Congreso, os veciños de Negros están a sufrir desde o inicio dos traballos, a comezos de 2008, serios problemas de saúde causados tanto polos ruídos e vibracións que provocan as tuneladoras durante a noite e que impiden aos residentes nas vivendas da zona conciliar o sono, como alerxias e afeccións respiratorias causadas polas emisións contaminantes.
Así mesmo, denuncian tamén que se están a imcumprir as normas de protección de acuíferos -co conseguinte perigo de contaminación e danos ao río Maceiras, recoñecido como un espazo de “gran vulnerabilidade”- e que a colocación inadecuada de barreiras metálicas na N-555 resta visibilidade aos condutores que por ela transitan, provocando un “perigo evidente para a seguridade vial”.
Por iso, instan ao Goberno central a que cree unha Comisión de Seguimento que poña freo á actual situación e garanta o cumprimento estricto das condicións establecidas para minimizar o impacto ambiental das obras, tendo especialmente en conta a protección da saúde e da calidade de vida dos veciños de Negros, a seguridade vial e o control da emisión de contaminantes.
Así mesmo, reclaman a elaboración inmediata dun plan de seguridade que permita que os traballos se desenvolvan con normalidade e causando o menor dano posible.
SITUACIÓN DE INDEFENSIÓN
Os populares recoñecen a importancia das obras de execución do Eixo Atlántico da Alta Velocidade e reiteran que os veciños nunca se opuxeron a elas, pero insisten en que iso non xustifica de ningunha maneira “os desmáns que se están a cometer” e que afectan a numerosas persoas, que se sinten nunha situación de “total indefensión”.
En atención ás súas demandas, o Grupo Popular no concello de Redondela presentara xa en agosto de 2008 unha moción para que o concello procedese á creación dunha comisión de seguimento que se encargase de comprobar a evolución das obras, de vixiar que non existise ningunha modificación respecto do proxecto inicial e de facer cumprir as medidas correctoras para garantir a protección fronte a ruídos e vibracións en áreas habitadas.
No entanto, a pasividade do concello, que optou por crear unha comisión política, “sen interese nin capacidade” para cumprir cos obxectivos marcados, levou a que un ano despois a situación dos veciños de Negros sexa xa “insostible”, segundo salienta a voceira popular Francisca Canal, que non dubidou en acudir aos representantes do PP de Pontevedra no Congreso para dar un paso máis na defensa dos “intereses e demandas lexítimas dos veciños de Negros”.