REDONDELA (MORRAZO-TRIBUNA).- O grupo de Novas Xeracións de Redondela denuncia a perda de cursos gratuitos para os mozos do municipio propostos pola Deputación de Pontevedra, “e todo por un simple capricho persoal do goberno local”, sinala a presidenta de NN XX e edil popular Laura Alonso.
O Concello alega que rexeitou a adhesión ao programa Actívate porque a cantidade de cursos que o compoñía era pouco, “cousa totalmente incerta”, asegura Alonso, xa que o programa daba a posibilidade de solicitar ata un total de 18 cursos diferentes, dende idiomas ata informática, fotografía ou prevención de riscos laborais, entre outros moitos.
Dende Novas Xeracións denúnciase a “deixadez” do goberno local en materia de xuventude, “que lle nega aos mozos e mozas de Redondela as posibilidades formativas e de ocio que si disfrutan outros municipios”. O peor da cuestión é o motivo, “pois todo se debe a que a Deputación de Pontevedra non está manexada por eles”, subliña a edil popular. “É intolerable que a mocidade redondelá esta marxinada nestes temas por un capricho persoal do goberno local, simplemente porque non lles convén politicamente subscribirse a nada que propón o ente provincial”, sostén a presidenta de NN XX. Claramente, “estamos perdendo oportunidades formativas gratuitas por decisión oportunistas do Concello”.
Nun exercicio, máis que preciso, de responsabilidade por parte goberno local, “deberían procurar que os mozos e mozas de Redondela estivesen o máis atendidos posible no que respecta ás políticas de xuventude, cousa que desgraciadamente a día de hoxe está moi lonxe da realidade no noso municipio”, conclúe Alonso.