13 octubre 2009

Con las gafas de la Xunta : una de brotes verdes...

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O Observatorio Galego da Sociedade da Información (OGSI), ven de publicar a “Enquisa ás empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia 2008”, co obxectivo de analizar a situación e evolución das empresas das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) na Comunidade galega. A enquisa inclúe o maior número de indicadores sobre a implantación das novas tecnoloxías no tecido empresarial TIC de Galicia
Entre as principais conclusións do estudo, o OGSI destaca a evolución positiva das cifras de negocio do sector das TIC en Galicia, a súa capacidade para xerar emprego cualificado, o nivel de innovación tecnolóxica acadado así como as previsións de expansión do mercado TIC galego.
O OGSI -dependente da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica- permite co seu labor un mellor coñecemento da realidade do sector TIC, monitorizando a súa evolución. A xestión deste Observatorio está encomendada á Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico.

Caracterización do tecido empresarial TIC
A enquisa do OGSI destaca a posición estratéxica do sector TIC pola súa contribución á economía de Galicia así como pola súa capacidade de xeración de emprego. A cifra media de negocio das empresas TIC con todos os seus establecementos en Galicia, correspondente ao ano 2007 (últimas cifras dispoñibles cando se procedeu á recollida de datos), ascendeu a 2.373.111,8 €. O que supón un incremento constante que se cifra nun 22,3% no período 2006–2007 e sitúa o volume de negocio deste sector por riba dos 2.500 millóns de euros. O volume de negocio das empresas TIC segue procedendo maioritariamente da súa actividade no mercado galego, só o 26,4% da súa facturación corresponde a clientes emprazados fóra de Galicia.
O sector TIC galego está orientado maioritariamente aos servizos. O desenvolvemento de produtos software constitúe a actividade principal para o 49,3% das empresas do sector TIC, seguido dos servizos de software (44,9%) e de consultaría (41,5%) e, tras deles, os servizos de mantemento e “outsourcing” e a venda e instalación de hardware.

As TIC como xeradoras de emprego cualificado
O OGSI salienta a importante presenza de titulados universitarios no cadro de persoal das empresas TIC. O 51,1% dos postos de traballo corresponden a persoas con titulación universitaria superior ou media, principalmente vencelladas ao eido das TIC (38,1%); mentres que o persoal procedente da Formación Profesional sitúase no 20,7%. A enquisa revela ademais que aínda existen importantes diferenzas segundo o xénero, só tres de cada dez empregados no sector TIC son mulleres, se ben no último ano a súa presenza no sector experimentou un crecemento de 3,4 puntos porcentuais.
A formación nas empresas TIC é un factor chave de cualificación e competitividade, por iso, un 48,5% das empresas facilitaron formación TIC ao seu persoal no último ano. Nestas empresas, un 61,5% dos seus empregados/as asistiu ás actividades formativas relacionadas coas TIC.

Equipamento e servizos TIC
O estudo do OGSI afirma que o equipamento TIC está amplamente estendido entre as empresas do sector, reiterando os resultados ano anterior. Un 75% das empresas galegas do sector dispón de rede de área local sen fíos (WAN), 4,9 puntos porcentuais máis ca no ano 2007. Esta proporción ascende ata o 90,8% cando se trata da rede de área local convencional (LAN). A Intranet corporativa sitúase no 64,3%, cun crecemento de 2,9% respecto ao 2007, mentres que a porcentaxe de empresas TIC con servidores é do 86,8%.
A práctica totalidade das empresas TIC dispón de conexión a Internet a través de banda larga (97,1%), sendo o ADSL (54%) e o cable (34,6%) as modalidades de acceso máis contratadas. Cabe destacar a importante mellora experimentada na calidade de conexión á Rede: en 2008, un 66,5% das empresas TIC tiñan velocidades de conexión a Internet superiores a 4 Mbps fronte ao 53,5% do ano 2007.
En canto á presenza na Rede, un 84,6% empresas TIC dispoñen de páxina web, aínda que só un 26,5% afirma cumprir as normas de accesibilidade.
Máis da metade das empresas TIC galegas (52,2%) dispón de software libre, destacando a súa implantación nos servidores, e nun segundo lugar, nos postos de usuario, tanto no relacionado con paquetes de ofimática como no propio sistema operativo.
No capítulo do comercio electrónico, cabe salientar que o 77,6% das empresas TIC galegas con persoal asalariado realizou compras a través de Internet no último ano, matizando á alta o 75,1% da enquisa do ano 2007. As compras a través da Rede supuxeron o 31,4% do total das realizadas mentres que as vendas son unha actividade menos frecuente, só un 22,1% das empresas do sector emprega este medio para vender os seus produtos ou servizos, o que representa o 19,9% da cifra de negocio total.

Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico
Máis da metade das empresas TIC galegas introduciron bens ou servizos novos ou mellorados de maneira significativa no período 2005-2007. Cabe salientar as innovacións realizadas na optimización dos procesos empresariais (sistemas informáticos, xestión de compras, contabilidade,...) así como as relacionadas coa organización do traballo e a estrutura de xestión de integración dos distintos departamentos.
O peso deste segmento empresarial tamén se expresa claramente na súa contribución ao impulso e desenvolvemento da I+D. O 45,6% das empresas galegas do sector dispoñen de persoal con dedicación relacionada coa I+D e un 37,1% realizou proxectos de I+D+i no último ano.

Percepción estratéxica e prospectiva do mercado
Un 73,2% das empresas TIC con persoal asalariado considera que o sector TIC galego desempeña un papel importante na economía de Galicia como elemento xerador de riqueza e emprego. En canto á caracterización do momento actual da propia empresa, un 73,1% de empresas TIC afirma que están nunha fase de consolidación ou expansión.
A tres anos vista, nunha prospectiva de xeración de emprego e ampliación de mercado, o 39,3% das empresas prognostican unha fase de expansión do sector e un 35,3% consideran que haberá unha etapa de estabilidade.

Todos os informes e documentos do OGSI distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.ogsi.sociedadedainformacion.eu