REFERENCIA DO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA
QUE TIVO LUGAR NO PAZO DE RAXOI
O DÍA 1 DE OUTUBRO DE 2009,
BAIXO A PRESIDENCIA DO
SR. D. ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO
DECRETOS
CONSELLERÍA DE SANIDADE
• Decreto polo que se establecen as tarifas dos servizos sanitarios prestados nos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e nas fundacións públicas sanitarias
ACORDOS
CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS
• Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Campo Lameiro, para a execución do novo acceso desde a estrada PO-222 ao centro de saúde de Campo Lameiro, por importe de catrocentos cinco mil trescentos cincuenta e tres euros con oitenta e dous céntimos (405.353,82 euros)
• Acordo polo que se aproba a colaboración técnica e financeira da Xunta de Galicia co Concello de Tui, para a execución da obra de mellora do saneamento na comunidade autónoma. Colector xeral de San Simón. Concello de Tui (Pontevedra), por importe de novecentos noventa e catro mil setecentos trinta e tres euros con corenta e catro céntimos (994.733,44 euros)
• Acordo polo que se aproba a colaboración técnica e financeira da Xunta de Galicia co Concello de San Cibrao das Viñas (Ourense) concretada no financiamento ao 100% do custo da obra de construción dun centro verde, por importe de seiscentos cincuenta e oito mil oitenta e dous euros con setenta e catro céntimos (658.082,74 euros)
CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA
• Acordo polo que se declara o proxecto Centro Tecnolóxico de Compensadores de Dilatación (concello de Ordes), como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, para os efectos previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia
CONSELLERÍA DE SANIDADE
• Acordo polo que se autoriza a subscrición dunha cláusula adicional segunda ao concerto do 1 de setembro de 2007, subscrito entre o Hospital da Cruz Vermella e o Servizo Galego de Saúde, pola que se fixan os conceptos facturables, as tarifas dos programas de calidade para o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano 2009, por un importe de un millón novecentos sete mil euros (1.907.000,00 euros)
MOCIÓNS E PROPOSTAS
• Declaración institucional con motivo do Día Internacional das Persoas Maiores
INFORMES
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
• Informe sobre o Plan de reestruturación do parque móbil da Xunta de Galicia
• Informe sobre o protocolo de actuación e seguimento do virus da gripe A (H1N1) na Administración da Comunidade Autónoma
CONSELLERÍA DE SANIDADE
• Informe sobre o proxecto de acreditación conxunta das unidades analíticas dos matadoiros que efectúan diagnóstico de triquina
CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO
• Informe sobre a situación actual do proceso de integración da Fundación Gaiás-Cidade da Cultura de Galicia
CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR
• Informe sobre incremento de prazas en centros de maiores
O CONSELLO DA XUNTA APROBOU O DECRETO QUE ESTABLECE AS TARIFAS DOS SERVIZOS SANITARIOS PRESTADOS NOS CENTROS DEPENDENTES DO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE
O Consello da Xunta de Galicia aprobou esta mañá o Decreto polo que se establecen as tarifas dos servizos sanitarios prestados nos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e nas institucións sanitarias públicas, a pacientes que non sexan beneficiarios da Seguridade Social, así como naqueles casos en que, sendo beneficiarios, exista un terceiro obrigado ao pagamento que deba asumir o gasto sanitario.
Os servizos públicos de saúde deben reclamar dos terceiros obrigados ao pagamento o importe das atencións ou prestacións sanitarias facilitadas directamente ás persoas, incluído o transporte sanitario, a atención de urxencia, a atención especializada, a atención primaria, a prestación farmacéutica, a prestación ortoprotésica, as prestacións con produtos dietéticos, e a rehabilitación.
Considérase terceiros obrigados ao pagamento nos supostos de: asistencia sanitaria prestada aos asegurados ou beneficiarios do sistema de Seguridade Social pertencentes á mutualidade xeral de funcionarios civís do Estado, Mutualidade Xeral Xudicial ou Instituto de Forzas Armadas; asistencia sanitaria prestada aos asegurados ou beneficiarios nos supostos de empresas colaboradoras na asistencia sanitaria do Sistema de Seguridade Social; asistencia sanitaria prestada nos supostos de accidentes de traballo ou enfermidades profesionais a cargo das mutuas de accidentes de traballo; seguros obrigatorios; convenios ou concertos con outros organismos e entidades; e cidadáns estranxeiros nos supostos recollidos expresamente.
Tamén están obrigados ao pagamento os accidentes acaecidos cos ocasión de eventos festivos, actividades recreativas e espectáculos públicos no caso de que se subscribise contrato de seguro de accidentes ou responsabilidade civil, seguro escolar, e calquera outro suposto no que, en virtude de normas legais ou regulamentarias, o importe das atencións ou prestacións sanitarias deba ser a cargo das entidades a terceiros correspondentes.
A XUNTA APROBA A COLABORACIÓN ENTRE A CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E O CONCELLO DE CAMPO LAMEIRO PARA A EXECUCIÓN DO NOVO ACCESO AO CENTRO DE SAÚDE
• O concello deberá achegar o proxecto técnico, asumir a realización das xestións pertinentes para a obtención dos permisos, poñer a dispor da consellería os terreos precisos, e asumir, unha vez feitas ditas actuacións, a súa explotación e conservación
• O Goberno galego financiará o 100% da obra, achegando un importe total de 405.353,82 euros, distribuídos en dúas anualidades
• As actuacións supoñen un importante beneficio os máis de 2.000 veciños do concello
O Consello da Xunta aprobou esta mañá un acordo de colaboración co Concello de Campo Lameiro para a execución das obras do novo acceso desde a estrada PO-222 (Campo Lameiro – Codeseda) ao centro de saúde desta localidade pontevedresa.
O Goberno galego, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, financiará o 100% da actuación, achegando un importe total de 405.353,82 euros, distribuídos en dúas anualidades.
As obras obxecto desta actuación pretenden dar un mellor servizo aos usuarios do centro de saúde de Campo Lameiro, situado no núcleo da capital municipal e que, neste momento, se sitúa nun camiño asfaltado, na zona de Chanciña, pero de trazado sinuoso e estreito, que discorre entre varias vivendas. Tras a sinatura deste convenio, construirase unha vía de acceso ao centro desde a estrada PO-222.
As obras consistirán na apertura e urbanización dunha rúa incluída como tal nas normas subsidiarias de planeamento deste concello pontevedrés. Por todo isto, o departamento que dirixe Agustín Hernández encargarase de aprobar o proxecto técnico da obra, levar a cabo a contratación, execución, dirección control e recepción destas actuacións, ademais de correr co cento por cento do financiamento.
Pola súa banda, o Concello de Campo Lameiro deberá achegar o proxecto técnico, asumir a realización das xestións pertinentes para a obtención dos permisos, licenzas e autorizacións regulamentarias, poñer a dispor da consellería os terreos precisos para a execución das obras, e asumir, unha vez feitas ditas actuacións, a súa explotación e conservación.
A citada actuación supón un importante beneficio para os máis de 2.000 habitantes do concello, e entre as funcións da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas é a da ordenación do territorio, para o cal é necesario ter unha eficaz e segura rede de infraestruturas de comunicación.
A Xunta de Galicia en colaboración co Concello de Campo Lameiro trata de fomentar aqueles investimentos que resolvan problemas no desenvolvemento deste municipio, achegando unha maior calidade de vida aos seus cidadáns.
Para o bo funcionamento deste convenio constituirase unha comisión de seguimento formada por un representante da consellería e outro do concello que, entre outras funcións, propoñerán a interpretación, en caso de dúbida, do contido do acordo e propoñerán ás partes a resolución das posibles controversias que poidan xurdir na súa aplicación.
O CONSELLO DA XUNTA APROBA A COLABORACIÓN TÉCNICO-FINANCEIRA CO CONCELLO DE TUI PARA EXECUTAR O COLECTOR XERAL DE SAN SIMÓN POR UN IMPORTE DE CASE UN MILLÓN DE EUROS
• A esta actuación engadiranse obras nos concellos do Porriño, Salceda de Caselas e Mos para completar o sistema de saneamento do río Louro á rede de colectores da Edar de Guillarei
• A Xunta financiará o 100% das obras, que darán servizo a unha zona de máis de 1.500 habitantes e terán un prazo de execución de oito meses
• O colector de San Simón recollerá as augas residuais do río Louro que serán conducidas para, posteriormente, seren tratadas pola EDAR de Guillarei
O Consello da Xunta autorizou esta mañá a sinatura dun acordo polo que se aproba a colaboración técnico-financeira entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Tui, que ten como principal obxectivo a execución das obras do colector xeral de San Simón, ás cales se destinarán case un millón de euros, dividido en dúas anualidades.
O departamento que dirixe Agustín Hernández financiará o 100% do custo das obras, que se executarán nun período de oito meses e que ao seu remate darán servizo a máis de 1.500 habitantes, que tamén se beneficiarán da EDAR de Guillarei. Cómpre destacar que o colector de San Simón recollerá as augas residuais do río Louro que serán conducidas para, posteriormente, seren tratadas pola EDAR de Guillarei.
Este tipo de obras responden á colaboración que establece a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas coas entidades locais para o desenvolvemento de infraestruturas, debido a que os concellos teñen un orzamento insuficiente para poder financialas.
Obras que se van realizar
As actuacións previstas neste convenio inclúen os treitos necesarios para conectar o saneamento existente na parroquia de Ribadelouro co colector xeral do Louro, para poder completar a conexión das redes de saneamento coa EDAR de Guillarei. Comprende a execución de 2.002 metros de colector na súa maioría de 315 milímetros e tres bombeos, situados en Porto de Bouzas, Cotarel e San Simón.
Para levar a cabo os colectores, terase que atravesar a estrada PO-342, e tamén existirán tubaxes baixo os ríos Louro e San Simón, mentres que o último cruza perpendicularmente un sendeiro que parte do Camiño de Portugués, no treito Tui-Redondela; outro tramo transcorre por unha vía de servizo da autoestrada AP-9 e unha afección ás estradas EP-2502 e PO-342. Neste proxecto tamén se inclúe a reposición dos servizos e pavimentos afectados por estas obras.
O Concello de Tui comprometeuse á entrega dos terreos e auga necesarios para a execución das obras, así como todas as autorizacións administrativas necesarias para a realización destas.
Por outra banda, mantén o compromiso de asumir a explotación, mantemento e conservación das obras e de levar a cabo os traballos ordenados pola inspección facultativa despois da súa execución.
Todas estas actuacións forman parte do compromiso da Xunta de Galicia de levar a cabo a mellora dos saneamentos da comunidade autónoma galega.
Edar de Guillarei
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licitou no mes de setembro a xestión do sistema de saneamento do río Louro e da estación de augas residuais de Guillarei, por un importe de case 4 millóns de euros. O sistema de saneamento do Río Louro recolle as augas procedentes dos concellos de Tui, O Porriño, Salceda de Caselas e Mos a través dunha serie de infraestruturas que comprenden unha rede de colectores xerais, tanques de tormenta, estacións de bombeo e estación de tratamento de augas residuais. As obras autorizadas hoxe polo Consello da Xunta terán continuidade con outras actuacións nos municipios citados.
Debido á magnitude do saneamento da bacía do río Louro e da Edar de Guillarei, Xunta e concellos apostaron por constituír un consorcio para a xestión e explotación do saneamento, da que formarán parte a Administración hidráulica de Galicia e os municipios beneficiarios. A participación da Xunta neste organismo será do 42,81%. Esta entidade será a encargada de xestionar o saneamento da bacía do río Louro.
O GOBERNO GALEGO FINANCIA O PRIMEIRO CENTRO VERDE DA PROVINCIA DE OURENSE, SITUADO NO POLÍGONO DE SAN CIBRAO, CON MÁIS DE 650.000 EUROS
• Trátase dunha infraestrutura na cal se depositan residuos industriais non perigosos para optimizar os custos de almacenamento, transporte e xestión
• A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas asume o investimento destas obras que se acometerán nun prazo de seis meses
• A Comunidade galega sitúase na vangarda no referente ao tratamento de residuos, ao dispoñer dunha sistemática xestión integral que garante o peche do ciclo iniciado coa recollida de residuos en orixe
O Consello da Xunta aprobou esta mañá un acordo de colaboración técnica e financeira entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o concello ourensán de San Cibrao das Viñas para a creación e instalación do que será o primeiro centro verde na provincia de Ourense. Trátase dunha actuación ambiental que conta co apoio económico do departamento que dirixe Agustín Hernández e cuxo importe ascende a 658.082 euros.
De xeito paralelo ás necesidades de tratamento de residuos urbanos, estimouse necesaria a creación de infraestruturas para o depósito de residuos de carácter industrial non perigoso que polas súas características e volume non son indicados para seren depositados fóra do ámbito das propias empresas que os producen. Ese tipo de instalacións son os chamados centros verdes. Na actualidade só hai en Galicia un centro verde en fase de construción que se isntalará no Concello de Monforte de Lemos e que xa leva executado o 20% dos traballos.
Esta acción, que beneficiará os residentes deste concello ourensá, está integrada e prevista dentro do programa de rexeneración de espazos degradados, incluído no Plan Xeral de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia. Este punto limpo estará situado no polígono industrial de San Cibrao das Viñas e o prazo de execución é de seis meses.
Para levar a cabo a construción e instalación deste centro verde será necesario realizar movementos de terras, instalar unha plataforma de descarga de residuos, establecer colectores, así como unha caseta de recepción.
Este tipo de actuación é unha mostra clara da aposta do actual Goberno por unha adecuada valorización dos residuos. Na actualidade hai preto de 290 concellos que envían os seus residuos á valorización enerxética e 12 entidades locais apostan pola compostaxe.
Galicia na vangarda
Deste xeito, Galicia sitúase á vangarda no referente ao tratamento de residuos, ao dispoñer dunha sistemática xestión integral, consolidada e sustentable dentro do territorio nacional e comunitario que, coas infraestruturas dispostas nestes momentos, garante o peche do ciclo iniciado coa recollida fraccionada en orixe.
Esta progresiva incorporación dos concellos de Galicia a un adecuado tratamento dos seus residuos permitiu acometer as accións pertinentes para unha restauración dos espazos ocupados polos antigos vertedoiros
Cómpre recordar que é unha obriga da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas autorizar, vixiar, inspeccionar e sancionar aquelas actividades de produción e xestión de residuos no marco dos plans autonómicos de residuos. Por outro lado, a Administración autonómica establece unha colaboración técnico-financeira coas entidades locais para a execución de obras en materia de xestión de residuos, incluída a recuperación de espazos degradados por verteduras.
Centro verde
Os centros verdes son instalacións para a xestión de residuos industriais nos cales se realiza un tratamento conxunto: recepción dos residuos, agrupamento en lotes homoxéneos e almacenamento ata alcanzar un volume suficiente para seren transportados aos xestores finais, optimizando así os custos de transporte e xestión.
Nestes centros recóllense os residuos producidos por empresas e xestiónase de forma conxunta a entrega aos correspondentes xestores autorizados. As funcións dun centro verde son as seguintes: admisión e rexistro dos residuos industriais non perigosos e dos residuos especiais non perigosos; clasificación dos residuos e almacenamento separado segundo a súa natureza; optimización dos custos de recollida dos residuos, o que redunda nun beneficio para o seu produtor; e o transporte dos residuos industriais non perigosos almacenados na instalación ata os destinos finais: empresas de reciclaxe ou xestores autorizados.
Os centros verdes deberán dispoñer de varios contedores: para fluorescentes e baterías, de pilas, para tóner, para aceites e disolventes e para aerosois.
A XUNTA DECLARA O PROXECTO CENTRO TECNOLÓXICO DE COMPENSADORES DE DILATACIÓN DE ORDES DE INCIDENCIA SUPRAMUNICIPAL
O Consello da Xunta declara o Centro Tecnolóxico de Compensadores de Dilatación promovido por Macoga SA, situado no lugar de Leira, no concello de Ordes (A Coruña), como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal dado que a repercusión desta iniciativa transcende o ámbito municipal. O Goberno da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria, apoia o Centro Tecnolóxico de Compensadores de Dilatación de Macoga, líder mundial no sector, porque este proxecto representa unha oportunidade estratéxica con enorme impacto desde o punto de vista socioeconómico, así como na xeración de emprego.
Este proxecto ten como obxecto incorporar instalacións e edificacións existentes de produción de compensadores de dilatación ao Centro Tecnolóxico, de xeito que estean integradas nun grupo empresarial con proxección internacional e referente no seu sector. Coa declaración do Centro Tecnolóxico de Compensadores de Dilatación como proxecto de incidencia supramunicipal, estase a dar un paso máis na tarefa de ampliación das edificacións necesarias para aumentar a produción así como a investigación tecnolóxica e continuar co desenvolvemento do sector.
O CONSELLO DA XUNTA AUTORIZA O ACORDO EN RELACIÓN COAS TARIFAS E CONDICIÓNS DE FACTURACIÓN DOS CONCERTOS CO HOSPITAL DA CRUZ VERMELLA EN VIGO
• O departamento sanitario investirá neste ano un importe de 1.907.000 euros
O Consello da Xunta na súa sesión de hoxe autorizou o acordo polo que se autoriza a subscrición da cláusula adicional ao concerto entre o Servizo Galego de Saúde e o Hospital da Cruz Vermella, por un importe total neste ano de 1.907.000 euros.
En concreto, o Sergas fixa para o Hospital Cruz Vermella de Vigo os conceptos facturables, as tarifas, e os programas de calidade para o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2009.
Así, a contía desagrégase en 1.578.000 euros para a facturación das estadías, outros 99.000 euros para custos de medicación e material sanitario na hospitalización de pacientes complexos, e outros 230.000 euros destinados ao desenvolvemento e consecución dos obxectivos de mellora de calidade no proceso asistencial.
O Servizo Galego de Saúde ten desde 2002 un concerto co hospital da Cruz Vermella en Vigo para a prestación de asistencia sociosanitaria dirixida a un tipo de usuarios que requiren dunha organización de coidados de media e longa estadía cun marcado compoñente social.
Entre os obxectivos acordados neste concerto destaca a mellora da calidade do proceso asistencial, tentando que a calidade sexa un elemento dinamizador na organización. Así, o centro establece un plan anual de calidade que especifica os obxectivos de calidade marcados para a atención ao paciente e usuario, de programas con enfoque á prevención e control de resultados, e a xestión da actividades asistencial ou de formación dos profesionais.
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL CON MOTIVO DO DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS MAIORES
Coa conmemoración nesta data do Día Internacional das Persoas Maiores, a sociedade demostra hoxe a súa gratitude e recoñecemento ao legado das xeracións que nos precederon. Un recoñecemento xusto a tódolos homes e mulleres que, co seu esforzo, contribuíron ao desenvolvemento da sociedade do benestar da que hoxe todos disfrutamos.
Para a Xunta de Galicia, esta conciencia cara aos nosos maiores é un dos piares sobre os que se asenta a acción de Goberno, a través de políticas integrais que lles permitan manter e fomentar un papel activo na nosa sociedade. A súa experiencia e aportación é unha riqueza da que non debemos nin queremos prescindir. O grao de avance e modernidade dunha sociedade pódese medir observando o protagonismo, relevancia, respecto e atención que outorga aos seus maiores. E Galicia é, e quere ser, unha sociedade moderna.
Entre todos e todas faremos de Galicia un país de todos e para todos. Unha terra que non é patrimonio de ningunha xeración en particular. Unha sociedade que conxugue o empuxe dos novos coa sabedoría dos maiores.
A Xunta propugna hoxe este principio, que transmite tamén a través de políticas concretas en favor deste grupo de idade, para minorar os efectos consubstanciais ao paso dos anos. Trátase de vivir unha segunda etapa con vantaxes como máis tempo libre, maior experiencia vital, posibilidade de dedicarse a aquilo que sempre se quixo facer, aproveitar para fomentar as relacións interxeracionais, etcétera.
Queremos substituír o illamento, a escasa participación ou a dependencia pola atención, a proactividade e a autonomía persoal. A posta en marcha dun Plan Integral das Persoas Maiores, con medidas como a aprobación dunha Lei das Persoas Maiores, será a mostra visible deste compromiso do Goberno galego.
A Xunta de Galicia fai hoxe un chamamento a toda a sociedade galega a integrar estes principios no seu día a día. A honrar aos nosos maiores, que fixeron o que hoxe somos, e a seguir o seu traballo na mellora constante da nosa terra.
A REESTRUTURACIÓN DO PARQUE MÓBIL DA XUNTA PERMITIRÁ OPTIMIZAR OS RECURSOS E AFORRAR 1,5 MILLÓNS ESTA LEXISLATURA
• O plan busca mellorar a xestión do servizo e ao mesmo tempo aplicar medidas de austeridade
• Elaborarase e difundirase unha guía de boas prácticas no uso do servizo do parque móbil e asociarase a cada condutor o servizo que supoña un menor desprazamento diario deste
O Consello da Xunta deu hoxe o seu visto e prace a un informe da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza sobre o plan de reestruturación do parque móbil da Xunta de Galicia, que busca racionalizar e optimizar os recursos, mellorar o servizo e acadar un aforro de 1,5 millóns nesta mesma lexislatura, o que significa recortar un 25% os gastos do parque móbil.
O plan de reestruturación xorde como resposta a unha dobre perspectiva: por unha banda, ante a necesidade de aplicar medidas de austeridade nun contexto de crise e de redución de ingresos e, por outra, ao ter detectado espazos claros de mellora na xestión deste servizo.
Os obxectivos específicos que se marca o plan son, no punto orzamentario, unha redución de custos nos gastos correntes, nos gastos de servizo de transporte contratados a terceiros e adecuar a frota de vehículos ás necesidades actuais da Xunta. A eles súmanse a mellora da xestión interna do propio parque móbil, mellorar a satisfacción dos usuarios do servizo e dos propios traballadores.
Para acadar estes obxectivos, unha das medidas que xa se ten posto en marcha é o alleamento de vehículos que non estaban a ser usados, que suporán un aforro en gastos e mantemento de máis de 350.000 euros, ademais da obtención de doce vehículos para servizos sociais mediante unha permuta e o montante que se saque da poxa que se levará a cabo o 17 de outubro.
Trátase só dunha medida máis do plan, que na súa vertente orzamentaria tamén aposta por asociar a cada condutor da Xunta o servizo que supoña o menor desprazamento diario deste, co conseguinte aforro de custos e mellora nas condicións de traballo para o empregado público. Esta mellora acadarase principalmente asociando a cada condutor o servizo que parta do lugar máis preto ao seu lugar de residencia, aforrando custos de desprazamento e horas de traballo.
Para iso, reasignaranse os efectivos, de tal xeito que se centralice nun só órgano da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a organización dos servizos que desenvolven todos os condutores, quedando excluídos aqueles que precisan condicións diferenciadas, tales como servizos de extinción de incendios, vixilancia ambiental, conservación de estradas ou servizos sanitarios. A centralización do servizo permitirá a súa racionalización e optimización.
Outra das actuacións pasa por aprobar unha instrución para regular a xestión e o control dos gastos de mantemento e taller do parque móbil, na cal se inclúe a actualización do inventario de vehículos para dar de baixa os non operativos, non axeitados ao servizo ou os que xeren un gasto excesivo. Tamén se centralizarán os gastos e será necesaria autorización previa de calquera reparación, servizo de limpeza ou gasto de mantemento.
Finalmente, no aspecto normativo, elaborarase e difundirase unha guía de boas prácticas no uso do servizo do parque móbil -tanto para usuarios como para traballadores-, e elaborase un novo decreto de regulación do parque móbil, xa que o actual ten case 15 anos e é recomendable un novo marco normativo máis acaído ás circunstancias actuais.
O borrador do decreto realizarase nos vindeiros meses e incluirá a definición do modelo, medidas de contención do gasto, adecuación e clasificación dos servizos, aplicación de novas tecnoloxías, seguimento e control dos gastos, formación e actualización dos traballadores, adecuación das condicións de traballo, aplicación de criterios ambientais e definición de procedementos.
A XUNTA APROBA UN PROTOCOLO PARA TENTAR DIMINUÍR A INCIDENCIA DA GRIPE A NAS SÚAS OFICINAS E ASÍ GARANTIR O SERVIZO AOS CIDADÁNS
• Cada centro directivo designará un equipo e un coordinador encargado de tomar as medidas de prevención necesarias e determinar as áreas, persoal e servizos esenciais
• Colocaranse carteis coa información das medidas de hixiene persoal recomendada e dispensadores de solución hidroalcohólica nas zonas de recepción ao público
• Para a valoración e control das medidas deste protocolo haberá unha comisión de seguimento que comezará a traballar a vindeira semana
O Consello da Xunta de hoxe deu o visto e prace a un Protocolo de actuación e seguimento do virus da Gripe A (H1N1) na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia co obxecto de tentar diminuír o impacto da enfermidade nas súas oficinas, nos traballadores e nos servizos prestados aos usuarios. Para a valoración e control no desenvolvemento destas medidas nas unidades administrativas da Xunta, constituirase a Comisión de seguimento do protocolo de continxencia fronte á gripe A (H1N1), que terá a súa primeira xuntanza no prazo dunha semana.
O protocolo de actuación será trasladado aos órganos de representación do persoal e delegados de prevención para ter informados ao máximo aos traballadores e evitar unha posible alarma social, posto que se trata dunha enfermidade considerada “común”. Ademais, o texto recolle que cada unidade de persoal realizará un control diario das incidencias que se produzan na súa consellería, informando ao respecto ao secretario xeral correspondente e, se a incidencia fose destacable, a propia comisión de seguimento.
Cada centro directivo designará un equipo e un coordinador para o desenvolvemento e o control das medidas que sexa necesario adoptar e contará, na medida do posible, co apoio do Servizo de Prevención de Riscos Laborais. Estes grupos determinarán as áreas, persoal e servizos esenciais (rexistro, información, atención ao público, etc.) que non deberían verse alterados polo impacto da pandemia; así como os documentos, procesos, programas, actividades e procedementos esenciais específicos de cada departamento que tampouco poden interromperse.
Ademais, o protocolo sinala que as unidades deben estar preparadas para a ausencia de traballadores definindo os procesos de traballo, establecendo pautas e material de hixiene laboral ou diminuíndo no posible as situacións que supoñan un aumento do risco de transmisión de enfermidades, como poden ser as reunións, viaxes e aglomeracións innecesarias. Neste sentido, recóllese a posibilidade de revogación dos permisos e vacacións concedidas aos traballadores cando sexa necesaria a súa incorporación para cubrir a baixa de enfermidade doutros compañeiros e prevese a posibilidade do teletraballo, en colaboración coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.
Medidas xerais de prevención
No relativo á prevención, o protocolo establece unha serie de medidas xerais, tales como colocar carteis coa información das medidas de hixiene persoal recomendada, remitir información a todos os traballadores, recomendar a utilización dos servizos sanitarios con responsabilidade, asegurar a existencia e reposición dos materiais de control da infección -como os dispensadores de solución hidroalcohólica que se colocarán visiblemente nas zonas de recepción ao público-, evitar compartir obxectos e saúdos de proximidade física (bicos e apertas) e extremar os servizos de limpeza en cada institución; tamén se tratará de manter as temperaturas adecuadas e unha correcta ventilación en cada departamento.
No tocante á prevención nos traballadores, recoméndase que se cubran ao tusir e esbirrar, laven as mans con frecuencia e manteñan a distancia mínima dun metro para asegurar a hixiene respiratoria; no caso de atoparse mal durante a súa xornada laboral aconséllase que queden na casa e que manteñan o tempo de exclusión recomendado polos facultativos (entre 24 horas e unha semana). Pola súa banda, aos centros recoméndaselles limpar máis a miúdo as superficies e obxectos que teñen contacto máis frecuente coas mans, airear con frecuencia e contar con material suficiente para a hixiene respiratoria e de mans nas zonas de entrada, seguridade, lavabos e salas de reunións e de espera.
A CONSELLEIRA DE SANIDADE INFORMA O CONSELLO DO PROXECTO DE ACREDITACIÓN CONXUNTA DAS UNIDADES ANALÍTICAS DOS MATADOIROS QUE EFECTÚAN DIAGNÓSTICO DE TRIQUINA
• Crearase una estrutura analítica cun laboratorio central acreditado que terá a responsabilidade da coordinación e supervisión do funcionamento destas unidades
• A iniciativa dá resposta ás exixencias da normativa europea
A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, informou esta mañá os membros do Consello do proxecto de acreditación das unidades analíticas dos matadoiros para o diagnóstico de triquina da Xunta de Galicia que está a desenvolver o departamento que dirixe. Neste sentido, indicou que a Consellería de Sanidade é pioneira en España na promoción deste novidoso proxecto, que supón un enorme esforzo humano e económico.
Con esta iniciativa preténdese crear unha estrutura analítica cun laboratorio central acreditado que teña a responsabilidade da coordinación e supervisión do funcionamento das unidades analíticas localizadas nos matadoiros que efectúen diagnostico de triquina. O seu obxectivo é dar cumprimento ás normativas comunitarias exixidas, mellorando a fiabilidade das probas realizadas, co menor custo económico posible.
A iniciativa comezou o pasado mes de xullo, e en só catro meses vai dar resposta a un imperativo legal sobre o cal non se tiñan iniciados os traballos polo anterior Goberno da Xunta e que servirá de modelo a seguir por outras comunidades autónomas. A súa finalización está prevista para xaneiro do 2010.
O proxecto da consellería dá resposta ás exixencias da normativa europea recollida no Regulamento (CE) nº 2075/2005, do 5 de decembro, polo que se establecen normas específicas para os controis oficiais de presenza de triquinas na carne.
Ata o de agora, as unidades analíticas podían acollerse a un período transitorio que finalizará o 31 de decembro de 2009, polo que a partir do 1 de xaneiro de 2010 todos os laboratorios que participen no control oficial deberán estar acreditados, incluídos os que estean situados en matadoiros.
O proxecto é froito do traballo técnico desenvolvido polos profesionais do Servizo de Laboratorios da Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación, do Laboratorio de Saúde Pública de Lugo e do Laboratorio do Centro Tecnolóxico da Carne.
PRESENTADO AO CONSELLO DA XUNTA O INFORME SOBRE A SITUACIÓN DA FUNDACIÓN GAIÁS-CIDADE DA CULTURA TRAS A SÚA DECLARACIÓN COMO FUNDACIÓN DE INTERESE GALEGO
A Consellería de Cultura e Turismo presentou hoxe no Consello da Xunta o informe sobre a situación actual da Fundación Gaiás-Cidade da Cultura tras a publicación no Diario Oficial de Galicia, o pasado 25 de setembro, da orde pola que se declara de interese galego e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
A declaración permite que a Fundación Gaiás-Cidade da Cultura acade a súa personalidade xurídica conforme a Lei de fundacións de Galicia, ao inscribirse a escritura pública da súa constitución no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Comunidade Autónoma. Do mesmo xeito, cúmprese cun requisito imprescindible para a súa fusión coa Fundación Cidade da Cultura logo do acordo dos respectivos padroados. A Consellería de Cultura e Turismo pretende coa fusión das fundacións devolver o carácter público á xestión da Cidade da Cultura e manter a colaboración coas entidades privadas que forman parte da Fundación Gaiás-Cidade da Cultura.
A Consellería de Cultura e Turismo traballa na redacción dos novos estatutos da Fundación Cidade da Cultura, que deberán ser aprobados polo Consello da Xunta unha vez que se leve a cabo a fusión e se integre nela a Fundación Gaiás-Cidade da Cultura.
A XUNTA AMPLIARÁ EN MÁIS DE 2.000 AS PRAZAS EN CENTROS DE DÍA, DE ALZHEIMER E RESIDENCIAS ENTRE 2009 E 2010
• Para financiar esta ampliación, o Goberno galego aumentará o orzamento para este fin en 24 millóns de euros, con respecto ás contas de 2009
• As prazas de centros de día públicas superarán as 1.700 o que supón un incremento de preto do 96%
A Xunta de Galicia ampliará en máis de 2.000 as prazas destinadas aos maiores galegos, que se reparten en centros de día, para enfermos de alzheimer e en residencias. Co fin de financiar esta ampliación, o Goberno galego aumentará o orzamento para este fin en 24 millóns de euros, con respecto ás contas de 2009.
Segundo un informe que aprobou hoxe o Consello da Xunta, en Galicia o 21,6 por cento da poboación galega -602.862 persoas- é maior de 65 anos. Con estas cifras, a comunidade galega é a terceira máis envellecida de España.
Por iso, o Goberno galego marcouse como prioridade a atención ás persoas maiores, o que pasa por ampliar a cobertura das súas necesidades para mellorar, ao mesmo tempo, a súa calidade de vida. Con este obxectivo marcado, a Consellería de Traballo e Benestar porá en marcha, durante os próximos quince meses, un importante incremento de recursos en servizos sociais.
Un dos datos máis destacables é o aumento en centros de día, onde as prazas se incrementarán nun 95,8 por cento. Actualmente funcionan 871, ás que se sumarán –antes de final de ano e en 2010- un total de 835, das cales máis de 400 o farán antes de que finalice o 2009. Deste xeito, ao final do ano próximo Galicia contará con 1.706 prazas neste tipo de centros.
Por provincias, estas 835 novas prazas divídense en: 310 na Coruña, 45 en Lugo, 240 en Ourense e 240 en Pontevedra.
Outros dos esforzos que acometerá o Goberno galego será na ampliación da cobertura para os enfermos de alzheimer. As 225 prazas actuais pasarán a ser 455 a finais de 2010, logo do incremento de 230 máis (102,2 por cento).
Na distribución provincial, as 230 prazas repartiranse do seguinte xeito: na Coruña, 85; en Lugo, 60; en Ourense, 30 e en Pontevedra, 55.
No que se refire as prazas residenciais, a Xunta traballará, especialmente, na atención aos maiores dependentes. Deste modo, entre 2009 e 2010, incrementaranse en 990 as prazas públicas, que se sumarán ás 4.374 prazas residenciais para dependentes que existen agora en Galicia. Esta ampliación suporá un incremento do 22,6 por cento.
Por provincias, A Coruña contará con 420 das 990 novas prazas; Lugo, con 330; Ourense, con 150 e Pontevedra, con 90.
En total, e polo tanto, o Goberno galego porá en marcha máis de 2.000 novas prazas en centros de día –que inclúe os de alzheimer- e residencias, que se engaden ás 5.470 que existen na actualidade (un 37 por cento máis).
Ademais, hai que ter en conta que fóra destas tres grandes tipoloxías de centros, tamén se aumentarán outros servizos como as vivendas tuteladas ou as residencias para “válidos”, é dicir, maiores non dependentes.
Para o financiamento do mantemento destas prazas en residencias e centros de día, a Xunta deberá aumentar o orzamento en 24 millóns con respecto ás conta de 2009, o que supón un incremento global do 30 por cento