-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O Museo do Mar, tralo éxito obtido con A Memoria do Mar, está decidido a dar un paso máis na dixitalización do patrimonio marítimo de Galicia. O seu director, Pablo Carrera, acompañado por Primo Hernández e Roberto Hernández, da empresa Bimbios, presentou hoxe o proxecto AVET -Arquivo Virtual de Embarcacións Tradicionais-, pensado para catalogar e conservar os planos das embarcacións tradicionais galegas apoiándose na tecnoloxía de escaneado en 3D.
Este escaneado en 3D de última xeración, coñecido tamén como enxeñeiría inversa, proxecta un haz de luz sobre as embarcacións, do que en primeira instancia obtéñense imaxes en tres dimensións e, posteriormente, os planos. Carrera e os representantes de Bimbios fixeron hoxe unha desmostración ante os medios de comunicación cunha dorna e unha gamela das que se expoñen de xeito permanente no Museo do Mar, e da que obtiveron unha réplica virtual. Desta réplica poderanse extraer, ademáis dos planos, outro tipo de información, coma deformacións provocadas polo uso ou variantes particulares do carpinteiro de ribeira sobre o canon clásico dese modelo en concreto.
O proxecto consiste en utilizar esta tecnoloxía para crear un arquivo que serviría, en caso de que a empresa Bimbios obteña financiación das institucións e da empresa privada, para conservar o patrimonio marítimo galego de cara a futuras xeracións. Este arquivo, ademáis, podería ter un carácter didáctico-divulgativo e ser consultado libremente na web www.avet.com ou no mesmo Museo do Mar.
O proxecto, ademáis de polo Museo do Mar, está apoiado tamén pola Federación Galega pola Cultura Marítma e Fluvial (FGCMF) e a Asociación Galega de Carpinteiros de Ribeira (AGALCARI).