13 octubre 2009

Más psicología para los policías locales de Vigo

Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), en colaboración co Concello de Vigo, impartirá entre os días 9 e 13 de novembro un curso sobre psicoloxía aplicada á violencia de xénero e entrada policial en lugares pechados, segundo recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado venres.

O curso está dirixido principalmente aos membros do corpo de Policía Local –funcionarios de carreira- do Concello de Vigo, para os que están reservadas 12 das 20 prazas totais. O resto cubriranse con solicitantes doutros corpos de Policía Local que cumpran os mesmos requisitos, e terán preferencia os dos concellos próximos a Vigo.

O obxectivo deste curso é reflexionar sobre a violencia de xénero, dando a coñecer cuestións xerais sobre a comunicación humana, características psicolóxicas das situacións críticas, enfoques e técnicas psicolóxicas útiles na intervención policial en violencia de xénero, a importancia da autorregulación emocional, así como aportar información sobre o desgaste profesional e a súa prevención.

O prazo para a presentación de solicitudes remata o día 2 de novembro, e a inscrición é gratuíta. As clases impartiranse en horario de tarde, de 16.30 a 20.30 horas, na aula de formación da Policía Local do Concello de Vigo (Praza do Rei, s/n).

Os contidos que se abordarán neste curso abranguen asuntos como as situacións críticas, comunicación humana, conceptualización da violencia de xénero, agresor e vítima, violencia de xénero e intervención policial, primeiros auxilios psicolóxicos, autocontrol emocional, estrés e desgaste profesional en policía, réxime xurídico e operativa de aproximación en entradas de lugares pechados.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia ás persoas que acrediten a súa participación continuada nel.

Curso de tráfico
Doutra banda, a Academia tamén ofrecerá un curso sobre coñecementos e procedementos de actuación en materia de tráfico, dirixido aos membros do corpo de policía local do Concello da Coruña e concellos próximos. Este curso terá lugar entre os días 13 e 15 de outubro na sede da Policía Local coruñesa (Rúa Tui, 21).

Facéndose eco do sentir cidadán, a AGASP continúa coa súa serie de cursos sobre a problemática nas estradas galegas. Así, preténdense actualizar coñecementos e procedementos de actuación en materia de tráfico como a toma de datos e a instrución de dilixencias de atestados. Os contidos do curso repasarán a normativa de seguridade viaria, permisos de condución e os procedementos operativos ante diversos supostos relacionados coa seguridade viaria, especialmente as relacionadas coas últimas modificacións da normativa vixente.