08 octubre 2009

La Xunta anuncia la apertura de 12 centros de día antes de fin de año

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- .- O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez, reiterou hoxe no Parlamento o compromiso deste organismo de abrir un total de 12 centros de día antes de finalizar o ano, o que suporá un total de 542 novas prazas.

En comisión parlamentaria, Roberto Rodríguez subliñou que de aquí a finais de ano entrarán en funcionamento os centros de día de Rois, Culleredo, Vigo-Coia, Tomiño, Porriño e San Sadurniño. No caso de Vigo-Coia xa se adxudicou o contrato para dotalo de mobiliario e material clínico, e nos de Culleredo, O Porriño e Tomiño xa se licitou o contrato para a mesma finalidade.

Tamén abrirán as súas portas antes de rematar o ano os centros de Begonte, Alfoz, Xinzo de Limia, Carballeda de Avia, Vilar de Barrio e A Bola, estes tres últimos co equipamento tamén xa licitado.

Na súa intervención, o xerente do Consorcio lembrou que a Xunta ven de comprometer un aumento de máis de 2.000 prazas en centros de día, alzheimer e residencias entre 2009 e 2010, e que para financiar esta ampliación se aumentará o orzamento destinado a este fin en preto de 24 millóns de euros con respecto ás contas de 2009. Só en centros de día do Consorcio, entrarán en funcionamento 542 prazas en 2009 e arredor de 370 en 2010.

En canto á dotación de persoal para os novos centros do Consorcio, nuns días publicarase no DOGA a convocatoria de apertura das listaxes de agarda dalgunhas categorías e ámbitos territoriais nos que xa están esgotadas, unha posibilidade prevista nas propias convocatorias e que permitirá facer frente ás actuais necesidades de persoal.

Non obstante, tamén anunciou que dende o Consorcio porase en marcha un proceso, contando coas organizacións sindicais, para redeseñar o actual sistema de listaxes de agarda de persoal. O obxectivo é dispor dun instrumento máis áxil e similar ao utilizado con carácter xeral na Xunta de Galicia.