01 octubre 2009

Vilagarcía contará con un lugar de excelencia de la Vela

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- Converter o Centro de Tecnificación de Vilagarcía nun lugar de excelencia e de promoción da vela é o obxectivo da Secretaría Xeral para o Deporte, segundo anunciou hoxe o titular deste departamento no transcurso da visita que cursou á instalación ao cumprirse un ano desde a súa inauguración.

Durante a visita, José Ramón Lete Lasa coñeceu unha instalación que foi un dos obxectivos prioritarios no seu mandato como director xeral, etapa na que o proxecto recibiu o impulso decisivo para a súa construción.

José Ramón Lete Lasa explicou as reunións mantidas pola Secretaría Xeral para o Deporte desde a súa chegada coa finalidade de por en marcha unha instalación que pasará a denominarse Centro Galego de Vela e que será xestionado pola Federación Galega despois de retomar o acordo que hai catro anos subscribiron ambas as partes.

Nos últimos meses técnicos da Secretaría Xeral mantiveron conversacións co Concello de Vilagarcía, co Liceo Casino e coa Federación Galega coa finalidade de programar o funcionamento dunha instalación na que se desenvolverá un labor de iniciación, tecnificación e alto rendemento. Ao mesmo tempo tamén está previsto que albergue a futura escola municipal.

Nos plans de futuro, a Xunta de Galicia ten o obxectivo de incluír a instalación na rede de centros de especialización de alto rendemento (CEAR), por ese motivo o secretario xeral mantivo contactos co Consello Superior de Deportes que analizará o futuro funcionamento do complexo para posteriormente tomar unha decisión.

Nesa liña tamén están enfocadas as conversacións para que o Centro de Vela sexa a sede do equipo preolímpico español de match race feminino, no que Galicia é actualmente unha potencia a nivel nacional, xa que as dúas primeiras embarcacións no ranking español están formadas exclusivamente por regatistas da nosa comunidade.

A Secretaría Xeral para o Deporte está a traballar para lograr a definitiva dinamización dun centro que está chamado a ser clave no panorama deportivo de Galicia, tendo en conta a relevancia que as modalidades náuticas, e especialmente a vela, teñen na nosa comunidade, que conta cun potencial excepcional para converterse en referente mundial nesa disciplina.