19 noviembre 2008

FINANCIARÁN A CONSTRUCIÓN E O EQUIPAMENTO DO OBSERVATORIO ASTRONÓMICO DE COTOBADE

COTOBADE (MORRAZO-tribuna).- Despois das axudas iniciais da Deputación, a Consellaría de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, financiará a construción e o equipamento dun Observatorio Astronómico no Val de Almofrei, en Cotobade (Pontevedra). O investimento será de 149.870 euros (59.520 en 2008 e 90.350 en 2009) e realizarase grazas ao convenio que mañá aprobará o Consello da Xunta entre Innovación e Industria e a Asociación Canón de Pau, promotora da iniciativa.
O observatorio proxectado permitirá a observación astronómica afeccionada e a divulgación da astronomía mediante actividades observacionais guiadas, así como a través de charlas ou presentacións multimedia. Utilizarase tanto para actividades docentes a nivel universitario como para actividades didácticas para rapaces e divulgativas para o público xeral, promovendo o achegamento da sociedade galega ás actividades de I+D+i, en xeral, e á astronomía, en particular. O edificio consta dunha planta baixa cunha aula e unha sala de ordenadores, dunha planta alta destinada á cúpula do observatorio, de 12 metros cadrados, e dunha terraza cuberta.
A Asociación Canón de Pau, que promove a recuperación, a conservación, a popularización e a defensa do patrimonio galego, conta ademais nesta iniciativa coa colaboración da Asociación de Montes de Carballedo, que cedeu os terreos nos que se construirá o Observatorio, e a Asociación Astronómica Sirio de Pontevedra, que ven desenvolvendo actividades de divulgación sobre o coñecemento do cosmos.
O observatorio é un proxecto innovador que se complementa co Observatorio Científico construído recentemente en Forcarei, xa que conxuntamente crearían unha área científico-divulgativa para a astronomía. Supón un proxecto dinamizador no Val de Almofrei, dando pulo á oferta cultural e didáctica da zona de Pontevedra e Terra de Montes. O entorno permite o uso da aula non soamente para actividades astronómicas, senón tamén para outras de carácter ecolóxico, botánico, zoolóxico e xeográfico, sendo de utilidade educativa para os centros de ensino principalmente da provincia de Pontevedra.