19 noviembre 2008

Santi Domínguez anuncia a constitución da Mesa dos Mercados Municipais de Vigo e a redacción do Plan Estratéxico


VIGO (MORRAZO-tribuna).- Santi Domínguez anuncia a constitución da Mesa dos Mercados Municipais e a redacción do Plan Estratéxico
O tenente de alcalde e concelleiro de Comercio do Concello de Vigo, Santi Domínguez, anunciou este mércores a constitución “de xeito sistemático e periódico” da Mesa dos Mercados Municipais e a inminente redacción do seu respectivo Plan Estratéxico. O nacionalista así o explicou tras a reunión que mantivo cos xerentes dos sete mercados da cidade, Berbés, Bouzas, Cabral, Calvario, Porgreso, Travesas e Teis, e que cualificou de “moi satisfactoria”.
“Saímos moi satisfeitos desta xuntanza”, subliñou Santi Domínguez, quen explicou que a convocatoria da reunión tiña dous obxectivos fundamentais. Por unha banda decidiuse a constitución da Mesa dos Mercados Municipais, que terá un carácter “sistemático e periódico” e á que se lle otorgará un carácter oficial incluíndoa na orde do día do pleno correspondente ao mes de decembro. En segundo lugar, o tenente de alcalde sinalou que na reunión se falou da necesidade de elaborar un Plan Estratéxico, en colaboración coa Dirección Xeral de Comercio. Ao respecto, salientou que os representantes dos distintos mercados da cidade valoraron “moi positivamente” esta proposta, xa que se trata dunha demanda que veñen demandando dende hai anos. “O Plan Estratéxico marcará a folla de ruta a desenvolver nos mercados vigueses para os vindeiros anos”, destacou.
Santi Domínguez indicou que a vindeira semana procederase a encargar a elaboración do plan dos mercados a unha empresa especializada, “que traballará conxuntamente cos xerentes dos mercados e establecerá primeiramente unha diagnose da situación actual dos mercados municipais”. Ademais, o tenente de alcalde sinalou que na xuntanza celebrada hoxe os xerentes dos mercados municipais vigueses puxeron sobre a mesa a pertinencia de incrementar a coordinación entre os distintos departamentos do Concello que gardan relación cos mercados e de facilitar información sobre as distintas normativas que afectan aos mercados, como sanitarias e de consumo.
O xerente do Centro Comercial Vigo Vello, Anxo Méndez, quen tras a xuntanza exerceu de voceiro dos distintos mercados, valorou moi positivamente a posta en marcha da Mesa dos Mercados plantexada polo tenente de alcalde. Méndez salientou que esta iniciativa se celebrará cada dous meses e nela propondranse as melloras que necesitan os mercados, avaladas polo Plan Estratéxico “que se levará a cabo de forma inmediata”. Por outra banda sinalou que os mercados de Vigo “están nunha situación difícil”, pero que dado o seu “histórico de autoxestión” parten dunha posición de ventaxe respecto ao resto de mercados de Galiza. Neste sentido indicou que dende hai catorce anos, a autoxestión os ten levado a realizar melloras permanentemente. “A situación crítica esixe estar sempre na vangarda”, asegurou.