06 noviembre 2008

QUINTANA DESTACA QUE A COLABORACIÓN INSTITUCIONAL NO CONSORCIO TEN SUPOSTO QUE INCREMENTASE EN TRES ANOS NUN 65% AS PRAZAS EN EDUCACIÓN INFANTIL

VILA DE CRUCES (MORRAZO-tribuna).- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, salientou hoxe que a colaboración institucional entre Xunta de Galicia e concellos, que se leva a cabo no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, ten suposto nos últimos tres anos a cobertura dun servizo tan fundamental como é a educación infantil de 0 a 3 anos. “Se non houbera esta colaboración institucional sería impensable ter acadado nestes tres anos, nun período tan curto de tempo, un incremento do 65% no número de prazas infantís públicas de 0 a 3 anos”, sinalou Quintana. O vicepresidente explicou que a nova galescola de Vila de Cruces é outro exemplo máis da colaboración institucional que Galiza precisa, “a obra do País e unha obra de todos e todos debemos participar”. Anxo Quintana fixo estas declaracións na inauguración da galescola de Vila de Cruces, un acto no que tamén participaron a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, e o delegado provincial, Francisco Xabier Verea.
Quintana destacou o esforzo sen precedentes feito por este Goberno para apostar pola educación infantil dos máis pequenos. Un esforzo que levou a Galiza a pasar en 2005 de 6.595 prazas públicas para 0 a 3 anos e unha ratio de cobertura do 11% ata as 10.900 prazas públicas de hoxe en día, cunha ratio do 17,5%.
Grazas á colaboración institucional entre Xunta e concellos, “fomos capaces de que no ano 2005 só o 25% dos concellos do país tiñan escolas infantís públicas e agora son máis do 50%”. O vicepresidente dixo que é un avance importante, que “é bo para os nenos e nenas, pero tamén para o conxunto do país e para o futuro da xente, especialmente para as mulleres, porque ademais dun proxecto educativo, as galescola son un proxecto de igualdade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral”.