COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna).- O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco Álvarez, manifestou a súa confianza nas universidades para ser a base do sistema galego de I+D+i e anunciou que este ano o financiamento da Consellaría de Innovación e Industria ás Universidades ascende a 49 millóns de euros a través de convenios e convocatorias competitivas. Esta cantidade supón un incremento dun 88% con respecto a 2005, confirmando o “apoio crecente” ao sistema universitario. O conselleiro nacionalista tamén avanzou que o seu departamento incrementará nun 16% os fondos destinados en 2009 para as universades galegas.
Fernando Blanco fixo públicos estes datos na sinatura do acordo de colaboración asinado esta mañá cos reitores das tres universidades galegas, José María Barja, Senén Barro e Alberto Gago, para o reparto do Fondo de Calidade destinada ao Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento. A través deste acordo, a Consellaría inviste un total de 7.374.454 euros na “mellora da calidade e na procura da excelencia na investigación” dos grupos universitarios galegos. Segundo sinalou o conselleiro, a dotación para este fondo aumentou un 14% con respecto ao ano 2007.
Desta cantidade, o 54%, case 4 millóns de euros, irá parar á Universidade de Santiago de Compostela. Á Universidade de Vigo correspóndelle o 27%, é dicir, preto de 2 millóns, mentres que a Universidade da Coruña cobrará os 1,4 millóns de euros correspondentes ao 19% do Fondo.
“Primeiro paso” da cadea
Fernando Blanco lembrou que este fondo é unha das ferramentas da Consellaría de Innovación e Industria para financiar as universidades galegas, consideradas desde o goberno galego como “o primeiro paso” na xeración de coñecemento necesaria para “o desenvolvemento económico de Galiza” e a “mellora da calidade de vida das persoas”. Esta fonte de recursos súmase, como explicou o propio conselleiro, a outros convenios e ás convocatorias de Promoción Xeral da Investigación, de Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas, de Programas Sectoriais e ao “importante” apartado de Recursos Humanos. Estas actuacións conforman, en palabras do conselleiro, “o apoio ás universidades e a colaboración que a Consellaría mantén ano tras ano con estas”.
Lembrando o interese que desde o principio amosou o seu departamento por artellar un “auténtico sistema galego de I+D+i”, Fernando Blanco destacou o papel das tres universidades galegas como “inicio dunha cadea onde se parte dos coñecementos científicos para transformalos en aplicacións prácticas no sistema produtivo”. O obxectivo é, para o conselleiro, que continúen a “establecerse sinerxías” entre entidades de diferente natureza para que o sistema público de investigación “responda ás necesidades” do país.