VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- Xosé Manuel Pérez Bouza insta ao Goberno a que inclúa este prefixo dentro dos números de tarificación adicional. O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, ven de presentar unha moción na Comisión de Sanidade e Consumo do Senado pola que lle demanda ao Goberno que regule a utilización dos prefixos telefónicos 905 “para protexer aos consumidores evitando situacións abusivas e fraudulentas”.
En concreto, a iniciativa insta ao Goberno a “regular o uso das liñas 905, incluíndoas, con carácter de urxencia, dentro dos servizos de tarificación adicional”.
Pérez Bouza lembra que tanto as organizacións de consumidores como, recentemente, o Consello Audiovisual de Cataluña, veñen denunciando o uso abusivo destes prefixos en concursos de televisións, estatais, autonómicas e locais. A súa tarifa é moi alta, situándose nunha media de 1,20 € por minuto.
Neste sentido, o senador lembra que os servizos de prefixo 905 “son un auténtico negocio tanto para as operadoras de telefonía como para as canles de televisión, xa que unha parte do prezo corresponde ao operador, e a outra págase pola participación no concurso, producíndose de feito unha tarificación adicional”.
Fai máis dun ano que o Goberno prometeu que se incluirían os 905 nos prefixos de tarificación adicional
A este respeito, o senador do BNG denuncia o incumprimento por parte do Goberno da promesa realizada hai máis dun ano polo daquela Ministro de Industria, Joan Clos, de regular o acceso aos servizos con prefixo 905, incluíndoos dentro dos servizos de tarificación adicional, co obxectivo último de protexer aos consumidores.
“Porén –denuncia o senador nacionalista- a día de hoxe a promesa non se cumpriu e atopámonos con que os servizos prestados a través deste prefixo, ao non estar considerado de tarificación adicional –a pesar de selo na práctica- seguen sen estar obrigados a cumprir co Código de Conduta que rexe as prestación destes servizos”.
Así, por exemplo, este código estipula para os prefixos incluídos (803, 806 e 807) a obriga de informar do prezo da chamada, as obras de protección dos menores así como a obriga de non alongar de xeito innecesario a duración da chamada.