16 diciembre 2008

PONTEAREAS: O BNG celebra un acto informativo sobre as vivendas protexidas do Paseo Matutino

PONTEAREAS (MORRAZO-tribuna).- O BNG de Ponteareas organiza un acto informativo para explicar o Plan de Vivenda Protexida en Ponteareas e as políticas levadas a cabo dende a Consellaría de Vivenda e Solo da Xunta de Galiza, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, “políticas encamiñadas a mellorar a calidade e o acceso a vivenda de todos os galegos e galegas”, segundo destacou onte o Responsábel Local Xosé Represas. O acto, no que intervirán Roberto Mera, concelleiro e membro da Executiva Nacional do BNG, Encarna Otero, Directora Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda e Eudosio Álvarez, Delegado Provincial da Consellaría de Vivenda e Solo, celebrarase este xoves, 18 de decembro, as 8 da tarde no Restaurante Ponteareas.

Para Xosé Represas, “o Plan Sectorial de Vivenda Protexida elaborado pola Consellaría de Vivenda e Solo supón unha grande oportunidade para Ponteareas, unha oportunidade para moitas familias e persoas que queren acceder a unha vivenda digna e de calidade, unha oportunidade tamén para xerar actividade económica e crear postos de traballo a través da inversión pública de máis de 6 millóns de euros, nun tempo de crise como o que se está a vivir”.
O Plan de Vivenda, a executar sobre máis de 40.000 m2, situados entre o Paseo Matutino e a estrada a Guillade, prevé a construcción en Ponteareas de case 200 vivendas de protección, ademais de reservar 9.500 m2 para zonas verdes para disfrute de todos os veciños e veciñas, terreos para novos equipamentos, servizos públicos e aparcamentos. Segundo Represas, “con estas actuacións, o BNG dende a Xunta pon en marcha un novo modelo de urbanismo en Ponteareas, un urbanismo ao servizo da xente, como sempre defendeu o BNG”. Ademais os nacionalistas destacan que “o fracaso da política urbanística do PP de Solla e Castro, que non foi capaz de poñer terreos a disposición da Xunta para vivenda pública nin para novas dotacións sociais. Este plan permite actuar sin esperar polo PXOM, que ata agora o goberno municipal do PP non foi capaz de aprobar”.