PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Teresa Pedrosa, anunciou esta mañá as actividades que incluirá o programa «Xogarte no Museo», que confía en que sirva “non só para achegar os nenos da provincia á arte desde noviños, senón tamén para axudar ás familias a conciliar a vida laboral nas vacacións do Nadal”.
«Xogarte no Museo» é unha actividade promovida pola Deputación de Pontevedra para todos os nenos e nenas de entre 3 e 12 anos da provincia. Desenvolverase no Novo Edificio do Museo os días 22, 23, 24, 26, 29 e 30 de decembro e o 2 de xaneiro, de 9 a 14 horas pola mañá e de 17 a 20 horas pola tarde. Os sábados 27 de decembro e 3 de xaneiro só estará aberto de maná.
O obxectivo desta iniciativa, explicou Pedrosa, “é conseguir que os rapaces demostren as súas facetas máis artísticas a través de actividades diarias, mediante a realización das súas propias obras de arte. Dende collage ata postais, pasando por murais decorativos, ou incluso a súa propia constelación estelar”.
As actividades, que inclúen tamén contacontos, composición de puzzles de obras famosas e servizos guiados polos edificios do museo, serán totalmente gratuitas e non hai límite de inscrición. “O que sí pedimos”, aclarou a vicepresidenta, “é que os pais traian ós nenos a tempo para participar nas actividades, pola súa comodidade e pola dos nenos”. Neste senso, Pedrosa explicou que haberá tres quendas, “unha de 9 a 10, outra de 12 a 12:30 e outra, de 17 a 17:30”.
Semanas Brancas
Por outra banda, a vicepresidenta, que estivo acompañada na presentación polo director do Museo Provincial, Carlos Valle, e pola directora de Servizos Sociais, Marta Corrochano, anunciou tamén o inicio do programa “Semanas Brancas 2009”, que comezará “a última semana de xaneiro e concluirá a primeira semana de abril”. Pedrosa sinalou que “a estas alturas, xa se adheriron 20 concellos e están inscritos máis de 300 nenos de colexios da provincia”.