VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o Goberno reaxustará a totalidade do Orzamento da Comunidade Autónoma para o ano 2009 antes do verán e que presentará, xa nas vindeiras semanas, un Plan de austeridade que abrangue a todos os departamentos autonómicos.
O presidente da Xunta considerou necesario “reaxustar a totalidade do orzamento” para o ano 2009 de “xeito inmediato” así como a presentación dun Plan de austeridade, coordinado pola Consellería de Facenda, que afectará a todos os departamentos autonómicos. O obxectivo, segundo indicou, é tratar de paliar “polo menos en parte”, aseverou, “o burato” nos ingresos que rolda os 600 millóns de euros, “100.000 millóns de pesetas”, explicou. Un burato que, segundo revelou un informe presentado hoxe pola conselleira de Facenda, se debe á redución sobre os ingresos inicialmente orzamentados para o ano 2009 polo bipartito.
“Estas dúas decisión económicas de refacer o orzamento na súa totalidade e de facer un Plan de austeridade que afecte ás Consellerías para paliar en parte o burato dos 600 millóns de euros detectados por falla de ingresos na comunidade autónoma será un dos compromisos que asumimos desde o punto de vista económico e que presentaremos antes do verán, no suposto dos orzamentos, e nas próximas semanas no que se refire ao Plan de austeridade”, remarcou o máximo mandatario autonómico.
A piques de completar os nomeamentos
No decurso da súa intervención o presidente galego deu conta tamén dos últimos nomeamentos de altos cargos do Goberno da Xunta que hoxe aprobou o Consello. Foron 15 os designados e, segundo avanzou Feijóo, a estrutura do Goberno galego se atopa xa practicamente ao 95 por cento de altos cargos nomeados, posto que o 60 por cento das consellerías teñen pechados os seus equipos e só falta un alto cargo en catro das consellerías para pechar as designacións da totalidade da estrutura da Xunta.
Non perder un minuto máis no Xacobeo 2010
Así mesmo, Alberto Núñez Feijóo salientou que hoxe tamén se pechou o equipo completo “que vai dirixir o Xacobeo 2010”, un equipo ”completo de tres persoas que quixemos presentalos conxuntamente”, apuntou. Trátase de José Manuel Rey Pichel, que será o novo director xeral de Patrimonio Cultural, unha persoa, en palabras de Feijóo “con ampla experiencia na administración autonómica e hoxe destinado nunha empresa pública dependente do Concello de Santiago”; de Carmen Pardo, nova secretaria xeral para o Turismo e ata o momento deputada por Ourense e “profesional do sector”; e de Ignacio Santos, que será o novo responsable da empresa pública Xacobeo, “un galego –en palabras de Feijóo-, nacido en Bueu destinado fóra de Galicia deste hai moito tempo e que entre outras cuestión era o director do Festival Internacional de Benicássim”, un dos festivais de cine máis importantes de España que concita máis de 250.000 persoas en cada unha das súas edicións.
“Pechamos a totalidade do equipo do Xacobeo”, aseverou o presidente galego indicando que “quixemos pechalo conxuntamente para que todos eles formen un equipo para non perder un minuto máis”.
“A situación do Xacobeo requiría e require non perder un minuto máis”, avanzando que espera presentarlle na vindeira semana o novo equipo ás autoridades civís e eclesiásticas e “empezar con algo no que levamos, certamente un retraso notable”. Nesta liña manifestou que mira “con envexa” a Madrid, que está preparada para ser candidata ás Olimpíadas do ano 2016 mentres que “nós, que non somos candidatos a ningunha sede porque somos sede permanente do Xacobeo do ano 2010, ata o de agora, non tiveramos avanzado nada ou case nada na organización deste evento fundamental, non só para o turismo senón para a imaxe de Galicia e para a economía galega do ano 2010”, concluíu.