10 septiembre 2009

F-009 presenta "a maior liña de financiamento circulante que xamais puxo a Administración autonómica a disposición dos autónomos, dos emprendedores...

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, presentou hoxe, logo da celebración do Consello, ‘o maior plan financeiro sufragado pola Xunta’ cun aporte económico de 150 millóns de euros ‘e que vai a xerar –explicou- un movemento económico de 400 millóns de euros, entre o mes de setembro e o mes de decembro deste ano 2009’. ‘Estamos –dixo- na maior liña de financiamento circulante que xamais puxo a Administración autonómica a disposición dos autónomos, dos emprendedores e das micro empresas’.

Segundo Feijóo, este plan, que foi explicado polo miúdo polo conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, supón un paso fundamental para iniciar unha recuperación económica, ‘imprescindible para os nosos mercados e imprescindible para os nosos ingresos’. ‘As cañerías financeiras –explicou- aínda non funcionan coa intensidade que o mercado require e a Xunta está disposta a xerar un movemento económico de 400 millóns avalando e poñendo a disposición 150 millóns do seu presuposto’.

Para o presidente da Xunta, esta iniciativa supón ‘unha solución real aos problemas reais, ‘e o problema real da economía –subliñou- é a dificultade para ter créditos e poder facer investimentos e manter as empresas en termos de competitividade’. Neste senso, aseverou que este plan supón afrontar liquidez, ‘e a liquidez é o principal problema actual do tecido empresarial galego, e esa liquidez é necesaria para as empresas grandes, para as microempresas e para os autónomos’.

En rolda de prensa, Feijóo recoñeceu que ‘non é fácil, nun momento de crise económica, facer unha selección de proxectos e acadar 150 millóns nun presuposto sempre cativo e nun presuposto que atopamos no mes de abril con deficiencias coñecidas desde o punto de vista de insuficiencias presupostarias detectadas’.

Pola súa banda, Javier Guerra subliñou que o obxectivo deste plan é garantir operacións de financiamento novas e afirmou que o proceso administrativo desde a chegada da solicitude ao Igape pode estar listo en 45 días aproximadamente.