09 septiembre 2009

Hernández anuncia inicio de obras para mejorar urgentemente SOGAMA

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- .- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, anunciou hoxe no Parlamento de Galicia o inicio inmediato das obras do Plan de Actuación Urxente para facer do vertedoiro de Areosa en Cerceda unha infraestrutura eficaz e eficiente. Con este plan preténdese adecuar o complexo medioambiental e o depósito controlado de residuos de Sogama á normativa vixente sobre o tratamento do lixo, e avanzar na eliminación do impacto ambiental existente na actualidade.

Tamén confirmou que a xunta xeral de accionistas de Sogama celebrada o pasado mes de xuño decidiu non repartir dividendos e destinar os beneficios ao fondo de reservas da sociedade, o que permitirá financiar os investimentos que se levarán a cabo en Areosa.

O máximo responsable do Medio Ambiente galego defendeu na Cámara galega que a auditoría realizada a Sogama puxo en evidencia problemas estruturais que padece o vertedoiro e establece as actuacións a por en marcha de forma uxente coas que se garantirá o perfecto funcionamento do mesmo.

Partindo das deficiencias detectadas pola auditoría, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas levará a cabo este plan de acción urxente, tanto correctivo como preventivo. A finalidade é adecuar o complexo medioambiental e o depósito controlado de residuos da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) á normativa vixente sobre o tratamento do lixo, e avanzar na eliminación dos efectos ambientais existentes na actualidade. Para levar a cabo esta acción medioambiental, o Goberno galego destinará preto de dous millóns de euros para a súa posta en marcha e aplicación.

Actuacións
A primeira das actuacións é a da construción do vaso 1, que terá un volume bruto de 258.300 m3, o que equivale a unhas 163.000 toneladas de residuos urbanos. O prazo de execución de catro meses.

A continuación procederase á execución do vaso 0, con capacidade para albergar aproximadamente 179.000 toneladas. Con estas dúas infraestruturas incrementarase a capacidade do vertedoiro nunhas 342.000 toneladas. Aínda que, na situación actual, o vertedoiro de Areosa estaría colmatado en 5-6 meses, cos dous novos vasos ampliarase a vida útil do mesmo en aproximadamente un ano máis.
De forma paralela, e ante a carencia de terreos no propio recinto, a entidade atópase traballando nun proxecto sectorial de incidencia supramunicipal a fin de proceder á súa ampliación.

Complexo Medioambiental
En canto ao complexo medioambiental, para que a súa xestión sexa a adecuada, o plan de actuación abarca tres zonas. A primeira consistirá na construción dun área de almacenamento de substancias perigosas, polo que se procederá á creación de zonas cubertas, debidamente impermeabilizadas e con superficie suficiente para segregar substancias segundo a súa tipoloxía, e cubetos para reter posibles derrames.

En segundo lugar, construirase un área de almacenamento de residuos perigosos, polo que se adecuarán e ampliarán os espazos destinados á almacenaxe deste tipo de residuos coas mesmas condicións de seguridade que no anterior.

A terceira fase de actuación incidirá no vertedoiro de residuos perigosos, para o cal se definirá un procedemento de explotación e mantemento que asegure un correcto estado de orden e de limpeza da instalación.

Planta de tratamento
Hernández insistiu en que os problemas ambientais céntranse de forma case exclusiva no vertedoiro de Areosa, non na planta de tratamento do complexo medioambiental, que está a funcionar de xeito normal e sempre, salvo momentos puntuais, dentro dos parámetros que establece a lei e que marca a Autorización Ambiental Integrada.

O conselleiro de Medio Ambiente explicou que o vertedoiro de Areosa é produto dunha falla de previsión inicial, e o que se pensou como un lugar para almacenar o lixo de xeito provisional, pasou a ser un vertedoiro de carácter permanente.

Agustín Hernández explicou que “ todo isto é a consecuencia lóxica dunha xestión onde o obxectivo era mirar para outro lado e onde era máis importante atopar unhas oficiñas en Santiago lonxe do cheiro dos problemas”.

Dende a Cámara galega, o máximo responsable da Consellería de Medio Ambiente subliñou que, fronte a esta maneira de actuar, o actual Goberno “identifica os problemas, transmítellos á sociedade e ás forzas políticas; pon as ferramentas e os orzamentos para arranxalos, tal e como o demostran as obras que xa están en marcha na actualidade; e articúlase un Plan de Xestión de Resíduos que ten por obxectivo resolver os problemas estruturais para sempre”.