09 septiembre 2009

VIGO / Sigue la Fiesta : nuevo ataque de Domínguez a Porro

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O tenente de alcalde, Santi Domínguez, asegurou este mércores que Corina Porro “utiliza o Plan Nouvel como cortina de fume” para non presentar o Plan de Usos do Porto e definir claramente cales son as súas propostas. Na súa opinión a presidenta da Autoridade Portuaria quere ter o Plan Nouvel no foco de atención para non falar do que realmente é importante neste momento, que é dotar ao Porto dun documento que esixe a lei. “¿Que é o realmente importante, darlle voltas ao Plan Nouvel ou dotar ao Porto dun Plan de Usos?”, pregúntase.

Segundo o nacionalista “é frívolo” estar continuamente falando de “Plan Nouvel sí, Plan Nouvel non” cando o Plan de Usos continúa agardando. Santi Domínguez lembra que o documento aínda non foi presentado pola presidenta da Autoridade Portuaria “ou polo menos o BNG non o recibíu”.

“A señora Corina Porro vén decindo que o importante é a actividade portuaria, pero para iso falemos do Plan de Usos e tamén de que espazos está disposta a que a cidade recupere”, sinalou o tenente de alcalde. Neste sentido Santi Domínguez asegurou que para o BNG tamén é moi importante a actividade portuaria e que non se perdan postos de traballo, pero precisou que se trata “das empresas relacionadas co porto e coa pesca”, xa que moitas das actividades radicadas non teñen vinculación algunha co mar. No mesmo senso, preguntábase como se contempla no Plan de Usos o futuro dos asteleiros, que son un sector fundamental da nosa economía “Queremos sentarnos e que nolo explique”, retou o tenente de alcalde.

Por outra parte, Santi Domínguez cualificou de “insulto aos veciños e veciñas do Casco Vello” as manifestacións realizadas pola presidenta da Autoridade Portuaria nas que aseguraba que a súa proposta de achegar O Berbés ao mar “é para pasear”. Ao respecto, o nacionalista afirmou que é “perfectamente compatible a recuperación de espazos coa actividade empresarial das industrias relacionadas co mar”.