10 septiembre 2009

La Xunta anuncia el comienzo "con normalidad" del curso escolar en las 4 provincias

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O curso escolar comezou con total normalidade nas catro provincias galegas, nas que máis de 193.000 escolares volveron ás aulas de Educación Infantil e Primaria.

Só unha ducia de centros en toda Galicia tiveron que retrasar ata o vindeiro luns o inicio das clases. O obxectivo desta pequena demora é evitar calquera posible molestia aos rapaces, derivada das obras de mellora das instalacións ás que se estaban a dar os últimos retoques.

Quen si puideron estrear curso e escola foron os alumnos e alumnas do colexio Rivera Casás e do CEIP de Galdín, que volveron ás aulas sen incidencias, grazas ao esforzo realizado pola Inspección, a Xefatura Territorial, os profesores, os representantes e todos os implicados na apertura do novo centro, que recibe o nome de CEIP de Cervo.

Polo demais, o CEIP Luis Pimentel da cidade de Lugo abrirá as súas portas o vindeiro luns 14 de setembro., xa que centro que está a realizar reformas cun presuposto de 500.000 euros. O retraso na apertura acordouse co claustro de profesores despois de que se recibira un informe técnico que recomendaba o aprazamento do comezo do curso.

No CEIP da Ponte de Doiras, no concello lucense de Cervantes, os oito alumnos e alumnas matriculados en Educación Infantil e o primeiro ciclo de Primaria quedaron agrupados nun aula, cun só mestre, en cumprimento do acordo de reagrupamento acadado entre a Consellería de Educación e os Sindicatos nunha mesa sectorial.

Na provincia de Lugo destacou a presenza do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, na inauguración do curso no CEIP Rosalía de Castro. O titular de Educación estivo acompañado polo Secretario Xeral, José Luis Vázquez, o Secretario Xeral de Universidades José Alberto Díaz de Castro, o Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, José Luis Mira, e o Director Xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal. Tamén estiveron presentes a directora do centro escolar María Luisa Casanova, o alcalde- presidente do Concello de Lugo: José Clemente López Orozco, o subdelegado do Goberno José Vázquez Portomeñe, o Vicepresidente primeiro da Deputación Provincial Antón Bao Abelleira, a Delegada Territorial da Xunta Raquel Arias Rodríguez, a Delegada de Economía e Facenda da Deputación Provincial Regina Pollín Rodríguez, e o Xefe Territorial da Consellería de Educación en Lugo, José Jesús Ramos Ledo, entre outras autoridades.
Volta ás aulas o luns
En A Coruña, un total de oito centros comezarán as clases o vindeiro luns tamén debido ás obras. Deste xeito, o CRA-Escola de Silvoso de Bergondo, no CEIP Graxal II de Cambre, no CEIP Alfredo Brañas de A Laracha, no CEIP Martagona de Melide e no EEII Capela de Ribeira, a demora afectou a todo o alumnado de Infantil e Primaria.

Porén, as clases comezaron con normalidade no CPR Fogar de Santa Margarida de A Coruña, agás no segundo ciclo de Educación Infantil, onde os alumnos se incorporarán o luns 14 de setembro. O mesmo día volverán á escola os nenos e nenas de Infantil do CEIP O Mosteirón de Sada. No CEIP Quiroga Palacios de Santiago de Compostela, os rapaces de Primaria comezarán o curso o vindeiro luns, mentres que os de Infantil farano o martes 15 de setembro.

Malia as obras existentes no centro, o alumnado do CRA-Escola de Casalonga de Teo puido volver ás clases, acudindo en transporte escolar facilitado pola Consellería de Educación á Escola de Solláns.

No CEIP Tarrío de Culleredo as clases comezaron con normalidade, aínda que as obras no comedor farán que ese servizo non poida empezar a prestarse ata o mes de outubro.

A única incidencia rexistrada na provincia foi a petición dos pais e nais do colexio público de Boimorto a raíz do reagrupamento do alumnado de tres unidades de Educación Infantil en dúas, en cumprimento do acordado entre a Consellería de Educación e os Sindicatos na mesa sectorial. Por este motivo, os nenos e nenas de 4 anos foron agrupados cos grupos de 3 e 5 anos, sempre respectando o número máximo de alumnos pactado coas organizacións sindicais.

No tocante aos profesores que deixaron de ser necesarios nese centro debido á diminución de aulas, serán recolocados noutros centros educativos nos que o número de alumnos e alumnas así o requira.

Esforzo para apertura de Castro Mos
O xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Augusto Pérez, confirmou onte que o CEIP Castro Mos recibirá aos nenos e nenas o próximo luns, 14 de setembro. Deste xeito, os trámites burocráticos pendentes da administración autonómica, que, inicialmente, retrasarían a apertura do centro situado no concello de Mos para o próximo 17 deste mes, quedarán resoltos con dous días de antelación.
Tamén volverán ás aulas o vindeiro luns os alumnos do CEIP do Castrillón-Coiro en Cangas, nas que o inicio do curso se demorou tamén por mor dos traballos de mellora nas instalacións.
Por outra banda, a baixa por maternidade dunha mestra na escola unitaria de Soutomaior será reparada cunha substitución o día 14 deste mes.
Por último, a Xefatura Territorial de Ourense non rexistrou ningunha incidencia en centros educativos da provincia.