10 septiembre 2009

Lete anuncia una nueva Ley del Deporte en Galicia para este siglo XXI

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa compareceu hoxe a petición propia no Parlamento de Galicia para dar conta da actividade do seu departamento para a presente lexislatura. Nos prolegómenos do seu discurso, Lete salientou o actual posto xerárquico da súa Secretaría Xeral (dependente directamente da Presidencia da Xunta) como mostra da importancia que o deporte ten para o actual goberno da Xunta. Tamén destacou o absoluto compromiso do seu departamento coas propostas do programa electoral do seu partido, máis engadiu que este compromiso pode ser perfectamente compatible cun “frutífero diálogo con todos os grupos”.

José Ramón Lete aproveitou a súa comparecencia parlamentaria para pór de relevo a importancia de reformular a actual regulación e anunciou a súa reforma para adecuala o século XXI. Considera que a Lei xeral do Deporte de 1997 “non parece ofrecer un marco adecuado e suficientemente garantista”, tendo en conta os moitos cambios que se teñen producido nestes doce anos no deporte galego. Remarcou “asociacionismo, financiamento, xustiza deportiva ou as propias competencias das administracións públicas” como os aspectos nos que centrar esta reforma e estableceu como obxectivo prioritario de “optimizar os mecanismos de colaboración e coordinación co tecido deportivo”, en definitiva se recollerá e satisfará as necesidade e particularidades do sector.

Xeneralización da práctica deportiva como investimento en saúde
Á marxe do apoio ao deporte federado, o obxectivo prioritario da Secretaría Xeral para o Deporte, segundo explicou o seu titular será “ a xeneralización da práctica deportiva” co Plan Galego de Fomento da Actividade Física “Galicia Sostible”. Á hora de desenvolver as características deste plan, Lete Lasa quixo facer fincapé no investimento en “saúde e calidade de vida” que supón o fomento da práctica do deporte e da actividade física.

Dentro deste plan enmarcaranse, segundo Lete, “os puntos Móvete, o Observatorio da práctica deportiva e a alimentación saudable, as axudas a entidades sen ánimo de lucro para a promoción do deporte en determinados colectivos, as dirixidas á organización dos proxectos deportivos de centro e as destinadas a concellos para instalacións e espazos deportivos saudables”. Estes “espazos saudables”, segundo avanzou despois, consistirán en rutas de sendeirismo e bicicleta ou circuítos para camiñar, inversións pequenas que, porén, poden repercutir no fomento da actividade física de todo tipo de poboación.

O secretario xeral para o Deporte tirou de estatísticas para sinalar que Galicia lidera o ranking nacional na proporción de rapaces obesos, que é a terceira comunidade autónoma en obesidade en adultos ou que o 66% dos galegos non practica ningún deporte, mentres que do 33% que o fai, case a metade practícao tan só unha ou dos veces por semana. Á luz destes datos, Lete evidenciou a necesidade da posta en práctica deste novo plan, co obxectivo final de acadar para Galicia as recomendacións da OMS (Organización Mundial da Saúde): 30 minutos diarios de actividade física moderada e 60 para os rapaces.

Deporte en idade escolar
Precisamente no eido xuvenil marcou Lete o grupo específico de maior relevancia para o traballo do seu departamento, pola súa importancia para a creación e consolidación de hábitos de vida saudables. O secretario xeral remarcou o vencello do contacto coa práctica deportiva na escola co futuro estilo de vida da poboación, o que motiva á Xunta a traballar nestas idades con garantía de éxito na consecución dos obxectivos.

Lete Lasa fixo unha retrospectiva da man de datos estatísticos, na que amosou o descenso no número de escolares mutualizados nos últimos catro anos (64.240 na tempada 2004-2005 e 47.165 na 2008-2009). Por outra banda, os datos de participación nos programas Deporte na Escola e Competición Deportiva arroxaban un balance de participación de apenas un 2,51% e un 21,60% respectivamente dentro do total de poboación escolar galega de educación primaria e secundaria. Lete afirmou que estes datos movérono a reflexionar para adoptar unha profunda revisión do actual modelo e, tendo constituído unha Comisión de Expertos no seno da Secretaría Xeral, avanzou as características de XOGADE, o novo programa deportivo de próxima implantación.

Os Xogos Galegos Deportivos Escolares (XOGADE) integrarán nun único programa a actividade deportiva e as xornadas lúdico-recreativas. Búscase o acceso de todos os escolares, sen ningún tipo de discriminación, á práctica de actividades físico-deportivas. As características fundamentais pasan pola liberdade de elixir modalidade deportiva, a adaptación da actividade aos escolares, a posibilidade de heteroxeneidade nos grupos e a flexibilidade das actividades no tocante ao seu desenvolvemento, técnica, táctica, organización e regras, concibidas como un elemento facilitador da actividade.

Especialización nas infraestruturas
José Ramón Lete afirmou que a primeira acción do seu departamento está sendo a elaboración dun Plan de Infraestruturas Deportivas de Galicia. Tras avaliar o mapa existente, con 5.216 instalacións e 9.833 espazos deportivos, o secretario xeral considera que este está “amplamente desenvolvido”.

Nese senso, Lete aposta por conservar o existente, grazas á colaboración da Xunta coas entidades locais no mantemento destas instalacións. No tocante aos investimentos futuros, o secretario xeral afirmou que as necesidades actuais obrigan a “redefinir as prioridades” cara a “especialización”. Concluíu que “é hora de, conservando a liña de dotación e mantemento das infraestruturas básicas, camiñar cara ao investimento nos centros e instalacións especializados e de referencia”.


Mellora da actividade subvencionadora
Lete quixo dar conta ante a cámara galega dos pasos que nestes catro meses se teñen dado para garantir a mellora da actividade subvencionadora da Secretaría Xeral para o Deporte. Recordou a publicación no DOG da Resolución pola que se regulan as auditorías ás federacións deportivas galegas e a Resolución pola que se aproban as Normas de Bo Goberno das federacións. Este marco normativo mellorará a transparencia, xa que, “todas e cada unha das federacións presentarán as súas contas anuais auditadas” e ademáis estas entidades adxuntarán unha carta de recomendacións do auditor onde este deberá establecer as medidas que considere necesarias para corrixir ou paliar as deficiencias que podan ser atopadas.

As Normas de Bo Goberno das federacións, por outra banda, servirán segundo Lete como “indicador para a concreción das axudas a conceder pola administración deportiva galega”. Estas normas afectarán tanto ao control e xestión económica dos fondos, públicos ou privados, das federacións como á transparencia no seu funcionamento interno. Unha terceira disposición encamiñada á mellora das subvencións, engadiu o secretario xeral, é a aprobación do sistema de anticipos no pagamento das subvencións ás federacións. Lete considerou que este sistema “permitirá un maior e mellor control das xustificacións pola periodicidade nas súas presentacións” e avanzou que o sistema de dous pagamentos do 50% establecido este ano transformarase nun de tres (50%, 25% e 25% respectivamente) a partir de 2010.

O secretario xeral para o Deporte valorou o recente Informe de Fiscalización do Consello de Contas no que se valúan a concesión de axudas durante dúas administraccións e reiteró a súa conformidade coas alegacións presentadas polos seus predecesores nas que destacaban que o sistemas de concesión de axudas son conforme á lexislación vixente no momento de publicación e conforme coas prácticas habituais na administración e que os beneficiarios xustificaron coa documentación que se lle solicitou na forma establecida. Nesas alegacións faise fincapé que en ningún momento se produciu falla de dilixencia por parte do centro directivo. Nesta situación, Lete anunciou que xunto as resolucións antes referidas o próximo reforzamento do servizo de control de subvencións, no convencemento da súa indispensable concorrencia para a mellora no axeitado control das subvencións e das súas xustificacións.