10 septiembre 2009

Como cada jueves, completa referencia en MORRAZO-TRIBUNA del Consello de la Xunta

REFERENCIA DO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA
QUE TIVO LUGAR NO PAZO DE RAXOI
O DÍA 10 DE SETEMBRO DE 2009,
BAIXO A PRESIDENCIA DO
SR. D. ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO


ACORDOS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

• Acordo polo que se aproba e elaboración do Plan director de Telecomunicacións para o despregamento da banda larga

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

• Acordo polo que se autoriza a subscrición do convenio de colaboración entre o organismo Augas de Galicia e o Concello de Miño para a execución da actuación: saneamento integral do concello de Miño, 2ª fase por importe de tres millóns catrocentos noventa e un mil trescentos oitenta e sete euros (3.491.387 euros)

• Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de adhesión á Axencia Galega de Protección da Legalidade Urbanística que se subscribirá co Concello de Meaño (Pontevedra)

• Acordo polo que se autoriza o gasto por unha contía de corenta e oito millóns setecentos sete mil cento sesenta e oito euros con vinte e tres céntimos (48.707.168,23 céntimos), do servizo de operación, mantemento e limpeza da planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible (PRTE) en Cerceda.

• Acordo polo que se aproba a colaboración técnico-financeira da Xunta de Galicia co Concello de Tomiño para a execución da obra: auga e territorio na bacía do río Cereixo, en Tomiño (Pontevedra), clave OH.336.913, por un importe de dous millóns noventa mil douscentos trinta e dous euros con cincuenta e un céntimos (2.090.232,51 euros)


CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

• Acordo polo que se autoriza a adquisición de compromisos de gastos de carácter plurianual e ampliación dos límites de gasto por parte da Consellería de Economía e Industria, en relación coas axudas convocadas nos anexos I, II e III da Orde da Consellería de Innovación e Industria pola que se establecen as bases para a concesión das axudas correspondentes ás prórrogas que se inician no ano 2009 dos programas Isidro Parga Condal (adxudicación do ano 2005), María Barbeito e Isabel Barreto (adxudicacións no ano 2007), ao abeiro das accións de formación de investigadores do Programa de Recursos Humanos do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica– Incite (2006-2010) para o ano 2009, e se procede á súa convocatoria

• Acordo polo que se autoriza o Igape para establecer condicións especiais de subsidiariedade e excepcionar as beneficiarias da achega de garantías reais nas operacións que se aproben ao abeiro do convenio que se instrumentará coas entidades financeiras, polo que se establecerá unha liña de avais do Igape para facilitar ás empresas galegas o acceso ao financiamento operativo adicional

• Acordo polo que se autoriza o compromiso plurianual derivado da convocatoria para o exercicio 2009 das axudas do Igape para a habilitación dunha liña de financiamento de circulante subsidiado e avalado para autónomos e microempresas instrumentada mediante convenio de colaboración entre o Igape, as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

• Acordo polo que se autoriza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a adquisición de compromisos de gasto de carácter plurianual derivados da orde pola que se establecen as bases e se procede á convocatoria de axudas destinadas ao cofinanciamento dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións das nais e pais de alumnos/as de centros públicos non universitarios

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

• Acordo polo que se autoriza a adquisición de compromisos de gastos de carácter plurianual ao abeiro do artigo 58.1.b) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Orde pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria de bolsas para a realización de prácticas nos centros de atención a menores dependentes da Consellería de Traballo e Benestar

• Acordo polo que se autoriza a adquisición de compromisos de gasto de carácter plurianual ao abeiro do artigo 58.1.b9 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Orde pola que se modifica a do 30 de decembro de 2008, pola que se se regula a concesión de subvención para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego

• Acordo polo que se autoriza a Consellería de traballo e Benestar para establecer, na Orde pola que se aproba a convocatoria e subvencións para o financiamento de plans de formación intersectoriais dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenio de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento, anticipos superiores ao 10% do importe de subvencións no momento da súa concesión e compromisos de gastos de carácter plurianual, ao abeiro do artigo 58.1 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

• Acordo polo que se sanciona “O NOSO VIÑO DA CASA S.L.”, cunha multa de trinta mil un euros (30.001 euros), pola comisión dunha infracción moi grave tipificada no artigo 40.1.e) da Lei 24/2003, do 10 xullo, da viña e do viño

INFORMES

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

• Informe sobre o primeiro balance de resultados do sector turístico Verán 2009

CONSELLERÍA DO MAR

• Informe sobre a situación xurídico-administrativa da acuicultura


A XUNTA ELABORARÁ ESTE TRIMESTRE O PRIMEIRO PLAN DIRECTOR DE BANDA LARGA DO QUE DISPORÁ GALICIA, PARA O QUE INVESTIRÁ 102 MILLÓNS DE EUROS ATA 2013

• Un dos principios reitores dos orzamentos da Xunta para 2010 será o impulso das TIC, a I+D+i e a modernización dos sectores produtivos de Galicia
• O obxectivo é que cidadáns e empresas galegas dispoñan dun acceso de calidade á banda larga no horizonte de 2013
• Enmárcase na estratexia global de telecomunicacións que o Goberno galego porá en marcha entre 2009 e 2013, con máis de 260 millóns de euros para consolidar o despregamento da TDT e modernizar as redes de telecomunicacións e investigación galegas
• Pretende dar acceso á banda larga aos galegos cunha capacidade de servizo e custo axeitados, así como a vertebración do noso territorio como elemento de inclusión social e de loita contra a fenda dixital
• Nace nun momento en que, segundo os últimos informes, Galicia segue a ser unha das comunidades menos desenvolvidas no acceso aos servizos de telecomunicacións e, polo tanto, en progreso da sociedade da información
• A Xunta actuará como elemento tractor e dinamizador, fomentando a coordinación de todos os axentes implicados, e asegurando un despregamento ordenado e eficiente

A Xunta de Galicia elaborará durante o último trimestre deste ano o primeiro Plan Director de Banda Larga do que disporá a nosa comunidade, para o que investirá 102 millóns de euros ata o ano 2013. A elaboración do plan, aprobada hoxe polo Consello, definirá o mapa de infraestruturas de telecomunicacións de banda larga así como a estratexia de despregamento máis axeitada para que a maior parte dos cidadáns e as empresas galegas teñan acceso de calidade á banda larga no horizonte de 2013.

De feito, o Goberno galego establecerá como un dos principios reitores para a elaboración dos orzamentos da Xunta de Galicia para 2010 o impulso da competitividade, mediante investimentos en I+D+i, TIC e modernización dos sectores produtivos de Galicia. Esta directriz parte do firme convencemento de que o investimento en novas tecnoloxías é rendible para a sociedade, porque permite promover a equidade, sustentabilidade e a calidade dos servizos públicos, potencia o equilibrio socioeconómico e territorial e mellora a competitividade dos sectores produtivos.

Este plan de banda larga enmárcase dentro da estratexia global de telecomunicacións en Galicia que o Goberno galego prevé poñer en marcha para o período 2009-2013, con investimentos por riba dos 260 millóns de euros para abordar diversas liñas de actuación: o propio plan director de banda larga, o despregamento da infraestrutura de TDT, a modernización das redes de telecomunicacións da Administración galega, así como da rede de investigación de Galicia.

O Plan director de banda larga ten como obxectivo proporcionar a capacidade de acceder á banda larga aos galegos cunha capacidade de servizo e custo axeitados, así como a vertebración do noso territorio como elemento de inclusión social e de loita contra a fenda dixital. A este respecto o Goberno galego ten unha visión clara, baixo o convencemento de que a mellora dos servizos básicos da poboación en aspectos coo a sanidade, a educación, as comunicacións ou as novas tecnoloxías constitúen a mellor ferramenta fronte ao despoboamento no medio rural galego.

De igual xeito, contribuirá á modernización dos servizos públicos esenciais, empregando toda a potencialidade que ofrecen as novas tecnoloxías. Neste eido, a Xunta actuará como elemento tractor e dinamizador, fomentando a coordinación de todos os axentes implicados, e asegurando un despregamento ordenado e eficiente.

Galicia, no vagón de cola
A través deste plan de banda larga, Galicia será unha das primeiras comunidades autónomas en dar cumprimento ao chamamento feito pola CE aos Estados membros e gobernos rexionais para que adopten, non máis tarde de 2010, programas específicos orientados ao desenvolvemento das TIC no eido rural.

Nese sentido, este plan nace nun momento en que, segundo os últimos informes, Galicia segue a ser unha das comunidades autónomas menos desenvolvidas en materia de acceso aos servizos de telecomunicacións e, polo tanto, en progreso da sociedade da información. Segue á cola na porcentaxe de fogares con banda larga e de empresas con acceso á internet.

Ata o de agora, Galicia careceu dunha estratexia global para o despregamento de infraestruturas de telecomunicacións que canalizase os investimentos nunha mesma dirección e que integrase os esforzos dos distintos axentes, tanto públicos como privados. Ademais, non existe unha converxencia real co conxunto do Estado e coa UE, senón que a fenda medrou nos últimos tres anos, e seguen medrando as diferenzas entre o medio rural e o urbano no tocante ao acceso á sociedade da información e ás novas tecnoloxías.

Segundo os datos do Observatorio Galego da Sociedade da Información (OGSI) a diferenza entre a media de fogares galegos con conexión á internet e o resto de Estado era de 6,8 puntos en 2005 e de 9,2 en 2009. E, con respecto á UE, pasou de 10,4 en 2005 a 12,6 puntos en 2008. Tamén é salientable que na nosa Comunidade aumentou a cobertura de banda larga en sete puntos nos concellos urbanos entre 2007 e 2008, e só tres puntos nos concellos rurais, onde case o 40 por cento da poboacións dos concellos de menor tamaño non tiñan acceso á banda larga.




MEDIO AMBIENTE INVISTE UN MILLÓN DE EUROS NAS OBRAS DA SEGUNDA FASE DO SANEAMENTO INTEGRAL DO CONCELLO DE MIÑO

• A Xunta xa interveu neste concello con varias obras de mellora na rede saneamento e distintas actuacións en varias parroquias, por importe de 1,5 millóns de euros, co fin de dotar Miño dunha infraestrutura adecuada de saneamento e depuración
• O obxectivo destas actuacións é o de mellorar e completar a rede de saneamento do concello de Miño e minimizar o impacto no ambiente das augas residuais vertidas
• Constituirase unha comisión formada por un representante de cada unha das partes para o seguimento, desenvolvemento e interpretación deste convenio
• O convenio será efectivo a partir da data da súa sinatura e terá a duración precisa para a completa execución das actuacións nel recollidas

O Consello da Xunta autorizou na súa reunión desta mañá a sinatura do acordo polo que se aproba un convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do organismo Augas de Galicia, e o Concello de Miño para levar a cabo as obras da segunda fase das actuacións de saneamento integral neste municipio coruñés.

O orzamento total das actuacións ascende a máis de 3.491.000 euros, dos cales a Xunta de Galicia achegará un millón de euros, dividido en tres anualidades.


ANUALIDADES
IMPORTE
2009 586.062,12 €
2010 313.937,88 €
2011 100.000 €
TOTAL 1.000.000 €

O obxectivo destas actuacións é o de mellorar e completar a rede de saneamento do concello de Miño e minimizar o impacto no ambiente das augas residuais vertidas.

Así, o organismo autónomo Augas de Galicia está obrigado a participar no financiamento das actuacións recollidas neste convenio e reserva para si o dereito de inspeccionar as obras, tanto durante a súa execución como cando remate.


Obrigas do concello
Pola súa banda, o Concello de Miño levará a cabo a redacción do proxecto técnico; realizará as xestións pertinentes para a obtención dos permisos, licenzas e autorizacións regulamentarias, segundo a normativa vixente que sexa aplicable, asumindo os custos que se xeren por estes conceptos, entre os que non haberá liquidación ningunha de tributo municipal a que puider dar lugar a execución das obras, ao ser o concello o promotor e beneficiario destas actuacións; levará a cabo as actuacións de contratación, execución, dirección, control e recepción das obras descritas no documento técnico e formalizará os actos de recepción das mesmas, así como asumirá as obrigas económicas que excedan o importe consignado; e comunicará a Augas de Galicia a data de recepción das obras para o efecto de que se envíe un representante, que estará presente para o efecto do previsto no artigo 30.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, o concello asume a total responsabilidade das execucións ante Augas de Galicia. Tamén se compromete a establecer ao contratista ou contratistas encargados de executar as obras a obriga da colaboración; realizará ante Augas de Galicia a correspondente rendición da conta xustificativa do cumprimento das condicións e consecución dos obxectivos da axuda; e facilitará, se for o caso, toda a documentación que requira a Intervención da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas de Galicia, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas obxecto deste acordo, entre outros asuntos.

En relación a este convenio, constituirase, po iniciativa de calquera das partes, unha comisión formada por un representante de cada unha das partes para o seguimento, desenvolvemento e interpretación deste convenio. No marco da mencionada comisión resolveranse as posibles controversias que puideren xurdir na súa aplicación. Todas as incidencias que puideren xurdir deste convenio serán formuladas a través da comisión de seguimento, que resolverá de mutuo acordo.

Esta comisión reunirase as veces que se consideren oportunas para o cumprimento deste convenio. O incumprimento por calquera das partes das cláusulas do presente convenio poderá dar lugar á denuncia deste.

O convenio será efectivo a partir da data da súa sinatura e terá a duración precisa para a completa execución das actuacións nel recollidas. En todo caso, a eficacia deste convenio estenderase ata o 31 de decembro de 2011.

Actuacións anteriores
A Xunta xa interveu neste concello con varias obras de mellora na rede saneamento e distintas actuacións en varias parroquias da zona, co fin de dotar Miño dunha infraestrutura adecuada de saneamento e depuración.

Así, a Administración hidráulica de Galicia levou a cabo en anos anteriores dúas actuacións de saneamento no ámbito deste concello coruñés, concretamente nunha obra denominada "rede de colectores en Perbes, Bemantes, Castro e Leiro. Ademais, traballouse na rede de captacións de pluviais no núcleo de Miño".

Esta obra foi obxecto de licitación por parte da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (EPOSH); resultou adxudicataria a empresa "Espina y Delfín, S.L" e o orzamento de adxudicación ascendía a 1.227.000 euros.

Tamén se levou a cabo unha mellora da EDAR de Miño e se licitouse a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (EPOSH); resultou adxudicataria dela Cotragua, S.L. e o orzamento de adxudicación ascendía a 229.192,34 euros.

Razóns da colaboración
A Xunta de Galicia colabora e rubrica, a través de Augas de Galicia, este tipo de colaboración coas entidades locais debido á escasa capacidade financeira dos concellos. Ademais, estas obras –obxecto da proposta- sempre deben corresponder á construción de infraestruturas en concellos con orzamentos insuficientes para financialas e sobre todo, cando a actuación é para dar continuidade, como é este caso, ao saneamento do concello.


A XUNTA DE GALICIA ASUMIRÁ AS COMPETENCIAS URBANÍSTICAS NO CONCELLO PONTEVEDRÉS DE MEAÑO

• Para isto, asinarase un convenio entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o dito concello para a súa adhesión á Axencia da Legalidade Urbanística (APLU)
• En virtude deste convenio, o concello de Meaño delega neste organismo o exercicio das competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística
• Con esta adhesión son 46 os convenios autorizados polo Consello da Xunta, e 40 os acordos xa asinados

O Consello da Xunta anunciou a sinatura dun convenio entre o Concello pontevedrés de Meaño e a Axencia da Legalidade Urbanística, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. O obxectivo principal deste acordo é a colaboración no restablecemento da legalidade urbanística que corresponda neste concello. Con esta adhesión serían 46 os convenios autorizados polo Consello da Xunta, e 40 os acordos xa asinados.

A Axencia da Legalidade Urbanística é un ente público de natureza consorcial para desenvolver, en común pola Xunta de Galicia e os concellos que se integren de maneira voluntaria nela, as funcións de inspección, restauración da legalidade e sanción en materia de urbanismo e o desempeño de cantas outras competencias lle asignan os seus estatutos.

A través deste acordo, axústanse as súas relacións recíprocas aos deberes de información mutua, colaboración, coordinación e respecto polos ámbitos competenciais de ambas as administracións.

Condicións
En virtude deste convenio, o Concello de Meaño delega na Axencia da Legalidade Urbanística o exercicio das competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística en relación coas obras e usos do solo que se executen sen licenza urbanística ou sen axustarse ás súas condicións, sempre que estean situadas nalgunhas das seguintes clases de solo: solo rústico, solo urbanizable mentres non sexa aprobado o correspondente plan parcial ou de sectorización, así como no ámbito dos núcleos rurais delimitados.

Nesta delegación de competencias non se inclúe a reposición da legalidade nin a potestade sancionadora en relación coas obras completamente rematadas antes da publicación deste convenio, que serán exercidas polo concello. A resolución dos recursos administrativos interpostos contra os actos emitidos pola Axencia en exercicio de competencias delegadas corresponderá ao concello.

Entre outras disposicións, o Concello de Meaño terá que prestar a cooperación e asistencia activa que o organismo autonómico lle solicite para o eficaz exercicio das súas competencias; facilitarlle ao persoal da Axencia o acceso inmediato aos expedientes de planeamento, xestión e disciplina urbanística, así como canta información, documentación e axuda material precise para o adecuado cumprimento das súas funcións; e contribuír ao sostemento económico da Axencia nos termos que establece o convenio de adhesión.

MEDIO AMBIENTE INVISTE 48 MILLÓNS DE EUROS NA CONTRATACIÓN DA EXPLOTACIÓN DA PLANTA DE RECICLAXE, TRATAMENTO E ELABORACIÓN DE COMBUSTIBLE DERIVADO DE RESIDUOS DE SOGAMA

• Nesta instalación lévase a cabo a primeira fase de tratamento á que se someten os residuos urbanos procedentes da recolla domiciliaria da denominada bolsa negra
• A empresa adxudicataria deberá garantir, durante as 24 horas do día, o fluxo de alimentación de combustible para o correcto funcionamento das caldeiras da planta termoeléctrica
• Así mesmo, garantirá o procesamento de 500.000 toneladas anuais de residuos urbanos. De non ser o caso, establécese unha penalización de 10 euros por cada tonelada procesada de menos con respecto ás comprometidas

O Consello da Xunta, na súa reunión desta mañá, autorizou o gasto de máis de 48 millóns de euros para a operación, mantemento e limpeza da planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible derivado de residuos (PRTE), instalación dependente da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama).

Nesta instalación lévase a cabo a primeira fase de tratamento a que se someten os residuos urbanos procedentes da recolla domiciliaria da denominada bolsa negra, (aquela que está formada polos restos orgánicos e non reciclables depositados pola cidadanía no contedor xenérico). Unha vez transportada ao complexo de Sogama en Cerceda, por tren ou estrada, sofre unha separación por tamaños, desviando aos centros recicladores a parte susceptible de ser recuperada, fundamentalmente materiais férricos e aluminio, e acondicionando un combustible derivado de residuos (CDR) coa parte non reciclable. Este CDR alimenta a planta termoeléctrica (PTE) para xerar enerxía eléctrica suficiente coa cal abastecer preto de 100.000 fogares.

O prezo máximo de licitación é de 20 euros/tonelada de residuos urbanos (IVE excluído), polo que o orzamento total desta contrata ascende a un total de 48.707168 euros. Establécense 3 anos de servizo desde a sinatura do contrato, que se poderá prorrogar, de forma expresa, por un período de 1 ano máis, ata un máximo de 4.

Un dos compromisos que debe asumir a empresa adxudicataria é garantir en todo momento, durante as 24 horas do día e os 365 días do ano, o fluxo de alimentación de combustible derivado de residuos (CDR), nunha cantidade e calidade óptima, para o correcto funcionamento das dúas caldeiras da planta termoeléctrica (PTE). No caso de que esta última estea parada ou sexa incapaz de absorber todo o combustible producido, a planta dispón dun almacén, con 47.000 metros cúbicos de capacidade, para almacenar o CDR, que será utilizado naqueles momentos en que sexa necesario.

Así mesmo, debe garantir o procesamento de 500.000 toneladas anuais de residuos urbanos, e establécese unha penalización de 10 euros por cada tonelada procesada de menos con respecto ás 500.000 previstas, sempre que sexa por causas imputables ao adxudicatario. Por outro lado, as toneladas xestionadas por riba da dita cifra recibirán unha prima que se sumará ao prezo contratado de 2 euros/t (IVE excluído).

Anualmente, e na data determinada por Sogama, realizarase unha parada técnica programada de todo o complexo ambiental (que en ningún caso poderá exceder un mes; prevese que se realice durante o mes de maio) para a revisión, reparación e/ou substitución de todos os equipamentos e compoñentes que sexan necesarios. Deste xeito, asegúrase que o sistema queda en perfectas condicións de funcionamento para os seguintes 11 meses.

Cómpre sinalar que durante o ano 2008, Urbaser, firma que actualmente se encarga da explotación da PRTE e instalacións asociadas a ela, xestionou un total de 482.030 toneladas de bolsa negra.

A planta de reciclaxe
Na planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible (PRTE) elabórase o denominado combustible derivado de residuos (CDR), de modo que acade unhas condicións adecuadas que permitan a súa posterior valorización enerxética na planta termoeléctrica (PTE). A PRTE –na súa primeira fase- consta de dous fosos de recepción dos residuos urbanos, desde os cales se alimentan as tolvas de entrada ata tres liñas de proceso. Concretamente, dúas liñas están en funcionamento continuo, mentres que unha terceira está parada, e entra en funcionamento só en caso de fallo nalgunha das outras dúas.

Así mesmo, tras a recuperación mecánica dos metais férricos e aluminio, nesta instalación realízase a separación dos residuos por tamaños, triturando a fracción grosa (superior a 120mm) e secando a fina (inferior a 120mm) coa enerxía procedente da planta de coxeración. Esta última sométese a unha nova clasificación en fraccións superiores e inferiores a 40mm, permitindo con isto retirar os inertes (vidro, cerámica, pedras). Finalmente, a parte grosa, fina e moi fina únense tras os correspondentes procesos, constituíndo o CDR.

A XUNTA APROBA A COLABORACIÓN TÉCNICO-FINANCEIRA CO CONCELLO DE TOMIÑO PARA A RECUPERACIÓN AMBIENTAL DO RÍO CEREIXO, E ACHEGA MÁIS DE 2 MILLÓNS DE EUROS

• A actuación céntrase na mellora da rede de colectores de núcleos como Tebra, Lubián, O Casal, O Porto, O Carballal, A Igrexa ou A Bouzafría
• O saneamento nestes lugares realízase a través de fosas sépticas individuais, sen que exista unha rede de recollida de augas residuais que permita a súa depuración
• O proxecto tamén pretende a rehabilitación da Ponte Taborda e o acondicionamento da área recreativa de Lago de Pedra
• O prazo de execución é de doce meses
• Augas de Galicia executou obras como a explotación da depuradora de Tomiño, cun orzamento de 1.847.827 €; a primeira fase da rede de saneamento na parroquia de Estás, cun importe de 408.885 euros e un colector xeral, achegando un total de 1.185.083 euros.

O Consello da Xunta aprobou esta mañá un acordo de colaboración técnico- financeira da Xunta de Galicia co concello de Tomiño para a execución dunha obra na bacía do río Cereixo, en Tomiño, na provincia de Pontevedra.

Cómpre salientar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas financiará o 100% da actuación, achegando un importe total de 2.090.232 euros, distribuídos en dúas anualidades.

As obras obxecto da dita proposta corresponden á construción de infraestruturas en concellos que teñen un orzamento insuficiente para financialas. No caso de Tomiño, preténdese a recuperación ambiental do río Cereixo mediante unha tripla actuación: unha rede de saneamento de fecais que supón unha lonxitude total de 17.153 metros; actuacións ambientais e recuperación do patrimonio cultural e etnográfico, que comprenden a rehabilitación dun muíño e a restauración da Ponte Taborda, así como o acondicionamento da área recreativa de Lago da Pedra.

A Xunta definirá a rede de colectores necesaria para recoller os núcleos de Tebra, A Igrexa, A Bouzafría, O Carballal, O Porto, O Casal e Lubián. Esta rede verterá a un colector principal que discorre pola marxe dereita do río, levando as augas ao colector xeral de Tomiño.

A rede de colectores estrutúrase a través dun colector principal e un ramal discorre pola berma da PO-334, cunha lonxitude de 3.840,21 metros e 111 pozos de rexistro que recollen as augas do resto dos ramais.

As citadas actuacións supoñen un importante beneficio para a poboación do concello de Tomiño, xa que actualmente o saneamento dos asentamentos de poboación da bacía do río Cereixo se realiza a través de fosas sépticas individuais, sen que exista unha rede de recollida de augas residuais que permita a súa depuración.

Por outra banda, as obras de mellora significarán a posibilidade de desfrute e coñecemento desta área de importante valor paisaxístico e ambiental por parte dos cidadáns, feito dificultoso ata o momento, debido aos impedimentos de acceso a algúns tramos das marxes do río.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas pevé un prazo de execución das obras de doce meses.

Outras actuacións en Tomiño
Augas de Galicia, departamento pertencente á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, realizou un investimento total de 3.441.795 euros en actuacións para o concello de Tomiño. Así, executou outras obras como a explotación da depuradora, cun orzamento de 1.847.827 €. Ademais, levouse a cabo a posta en marcha da primeira fase da rede de saneamento na parroquia de Estás, cun importe de 408.885 euros. A Xunta tamén incorporou un colector xeral ao dito concello, achegando un total de 1.185.083 euros.



ECONOMÍA E INDUSTRIA SUBVENCIONARÁ CON 5,6 MILLÓNS A PRÓRROGA DOS CONTRATOS DE INVESTIGADORES E AXENTES DE I+D NO SISTEMA PÚBLICO DE I+D+i

• A convocatoria encádrase no Programa de Recursos Humanos, unha acción destinada a contribuír á formación do persoal investigador e axentes de I+D así como incrementar o persoal cualificado dedicado a tarefas de I+D+i
• O departamento que dirixe Javier Guerra leva investidos ata o de agora máis de 80 millóns de euros para reforzar o sistema galego de I+D+i en todos os aspectos

O Consello da Xunta de Galicia deu a súa aprobación aos compromisos de gasto asociados á convocatoria das prórrogas do Programa de Recursos Humanos do Plan Galego de I+D+i 2006-2010 (INCITE), en concreto dos programas específicos Isidro Parga Pondal, María Barbeito e Isabel Barreto.

A través desta convocatoria, realizaranse 174 prórrogas a investigadores e tecnólogos xa contratados no sistema público galego de I+D+i. O investimento da Consellería de Economía e Industria é de 5.616.680 para o período 2009-2010.

O obxectivo do Programa de Recursos Humanos é incrementar o número de investigadores e tecnólogos a través da formación e da consolidación dos postos de traballo. En liñas xerais, poden optar a estas subvencións as universidades galegas, organismos públicos de investigación e centros tecnolóxicos con sede en Galicia e outras entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan actividades de investigación.

A carreira científica
O Programa establece dúas carreiras, a científica e a tecnolóxica, e estrutura cada unha delas en diferentes programas segundo a fase en que se atope o investigador ou axente de innovación. O Programa María Barbeito é o primeiro chanzo e corresponde coa fase de formación da carreira científica. A través desta liña contrátanse titulados superiores en etapa predoutoral, cunha retribución bruta anual e os pagamentos dos custos sociais de 20.440 euros por contrato. Con esta convocatoria, renovaranse por seis meses 74 prazas da convocatoria de 2007, cun investimento de 756.280 euros.

Tamén se prorrogarán por un ano 37 contratos da convocatoria de 2005 do Programa Parga Pondal. Este programa é a ferramenta para a contratación de doutores cunha formación investigadora acreditada en organismos científicos estatais ou estranxeiros. A axuda bruta anual (máis os pagamentos dos custos sociais) por investigador é de 36.000 euros, polo que o custo total é de 1.332.000 euros.



A carreira de tecnólogo e xestores de proxectos
O Programa de Recursos Humanos define tamén unha carreira de tecnólogos e xestores de proxectos de I+D+i co obxectivo de aumentar e diversificar a capacidade en recursos humanos dos centros de I+D públicos e privados. Con este propósito establecéronse os programas Lucas Labrada e Isabel Barreto.

Dentro da convocatoria aprobada hoxe polo Consello da Xunta, realizaranse 63 prórrogas a contratos concedidos en 2007. A retribución bruta anual e os pagamentos dos custos sociais supoñen unha contía por contrato que oscila entre os 24.000 e os 36.000 euros segundo o grao académico da persoa contratada. A axuda da Consellería de Economía e Industria varía en función da natureza da entidade beneficiaria, cun orzamento total para estas prórrogas de 3.528.400.

A Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento, convocou até o momento no ano 2009 axudas por preto de 81,7 millóns euros para reforzar o sistema galego de I+D+i en todos os aspectos: investigación básica e aplicada, innovación empresarial, propiedade industrial, dotacións para investigación, accións de divulgación da ciencia e da tecnoloxía e de dinamización da innovación e formación de investigadores.

As convocatorias publicadas no que vai de ano son: fomento da investigación e da innovación empresarial; programas sectoriais; promoción xeral da investigación; propiedade industrial; estadías do Programa de Recursos Humanos; consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas; mobilización, dinamización e sistematización da innovación, e comunicación e divulgación científica e tecnolóxica (Diverciencia).



ECONOMÍA E INDUSTRIA REACTIVA O TECIDO EMPRESARIAL GALEGO CON AVAIS POR VALOR DE 150 MILLÓNS DE EUROS PARA XERAR NOVAS OPERACIÓNS DE FINANCIAMENTO DE 400 MILLÓNS

• O Goberno da Xunta dá o visto e prace a dous plans da Consellería de Economía e Industria para, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), apoiar garantías de pagamento que permitan acceder a operacións de crédito novas
• Os convenios asinados con entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca para compartir riscos mellorarán o acceso ao circulante a empresas, microempresas e autónomos
• O Igape implicará 14 técnicos na supervisión e axilizará ao máximo a xestión das solicitudes, máis de 5.000 nos dous plans en conxunto segundo as primeiras previsións

O Consello da Xunta de Galicia deu hoxe o seu visto e prace a dous plans de mellora do acceso ao circulante para reactivar o tecido empresarial galego que mobilizarán avais conxuntos por valor de 150 millóns de euros para xerar operacións de financiamento por valor de 400 millóns de euros instrumentadas coa colaboración de entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca. Esta iniciativa, apadriñada pola Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), conforma o plan máis ambicioso do departamento que dirixe Javier Guerra para facer fronte ás dificultades derivadas da crise económica e que asfixian as empresas, microempresas e autónomos galegos.

O primeiro dos plans, que mobilizará garantías de pagamento por importe de 100 millóns de euros para operacións de financiamento por valor de 200 millóns de euros aproximadamente, facilitará o acceso a liñas de financiamento adicional a empresas a través de liñas de crédito, de desconto, e para o adianto de efectos comerciais e facturas e de xestión de pagamentos a provedores.

O obxectivo deste plan é garantir operacións de financiamento novas, cubrindo entre un 40 e un 60% do importe do préstamo ou do crédito. O importe do aval do Igape oscilará entre os 120.000 euros e os 2,1 millóns de euros, acadando ata o 40% do concedido para circulante, o 50% no crédito por adianto de efectos comerciais e o 60% polo adianto para o pagamento a provedores. As garantías achegadas serán compartidas entre o Igape e as entidades financeiras adheridas a este plan. As características do financiamento fixan un importe de entre 300.000 e 3,5 millóns de euros, instrumentado a través dunha póliza de crédito ou de préstamo. O prazo do financiamento non excederá os dous anos.

Os trámites administrativos para poder optar a esta liña de acceso ao circulante iniciaranse coa presentación da solicitude ante o Igape por parte do beneficiario, achegando a documentación requirida. Os técnicos do Instituto dependente da Consellería de Economía e Industria destinados ao estudo da documentación (4) revisarán nun prazo de 25 días que se cumpren as condicións e que a información do solicitante está completa. As operacións serán aprobadas por un comité de investimento que se reunirá quincenalmente. A resolución será logo asinada polo presidente do Igape e informarase o Consello da Xunta. A Consellería de Economía e Industria prevé que o proceso administrativo desde a chegada da solicitude ao Igape pode estar listo en 45 días aproximadamente, e agarda un número de solicitudes de entre 50 e 150 para acollerse a esta liña de financiamento de circulante.

Microempresas e autónomos
O segundo plan mobilizará liñas de acceso ao circulante para as microempresas (aquelas que teñen menos de 10 empregados e un volume de negocio non superior aos dous millóns de euros) e os autónomos con aval dunha sociedade de garantía recíproca (SGR) con garantías de pagamento por importe de 50 millóns de euros que xerarían operacións de financiamento por valor aproximado de 200 millóns de euros.

O obxectivo desta iniciativa é tamén facilitar operacións de financiamento novas, avalando ante as SGR un 25% do seu risco para que elas, pola súa vez, avalen ante as entidades financeiras un 90%. O Igape subsidiará todos os custos derivados do aval da SGR e reavalará un 25% do risco avalado pola SGR. As características do financiamento fixan un importe de entre 3.000 e 40.000 euros, e a súa instrumentación será tamén a través de póliza de crédito ou de préstamo, cun prazo de financiamento un ano superior ao primeiro plan: de tres anos.

Os trámites administrativos para poder optar a esta liña de financiamento, en que se calcula superar as 5.000 solicitudes, tampouco deberían ir máis alá dos 45 días aproximadamente, despois da presentación da solicitude ante o Igape por parte do beneficiario e unha vez aprobada a operación pola entidade financeira (suxeita á aprobación do aval do 90% por parte da SGR). A análise da documentación implicará 10 técnicos do Igape, que no prazo aproximado de 10 días darán conta do cumprimento das condicións e de que a información está completa. O seguinte paso será a análise da operación por parte da SGR e o Igape notificará a resolución nun prazo aproximado de entre 10 e 15 días.

Estes dous plans, que estara´n dispoñibles a fin de mes, unha vez se teñan superados os trámites administrativos e burocraticos, son un paso máis alá no camiño de axudar o tecido empresarial galego a superar a actual crise financeira, caracterizada por dificultades na obtención de crédito operativo e que asfixia o tecido empresarial. Para paliar esta situación, o Igape vén realizando un esforzo coas principais entidades financeiras que operan en Galicia, subvencionando gastos mediante programas como as liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das Pemes.

Estas axudas, ben que supoñen un importante apoio na redución de custos financeiros, deben ser completadas de xeito que o Igape, tal e como ocorrerá nestes dous plans, comparta riscos coas entidades financeiras en determinadas operacións mediante o afianzamento parcial de liñas de financiamento operativo.


O CONSELLO DA XUNTA APROBA A CONVOCATORIA DE BOLSAS PARA O COFINANCIAMENTO DOS COMEDORES ESCOLARES XESTIONADOS POLAS ANPAS

• Para a súa concesión, terase en conta a promoción de hábitos saudables nos comedores

O Consello da Xunta autorizou hoxe o compromiso de gasto plurianual correspondente á orde pola que se convocan axudas destinadas ao cofinanciamento dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais (ANPAS) de alumnos e alumnas de centros públicos non universitarios.

O obxectivo destas axudas é financiar, apoiar e potenciar a prestación do servizo de comedor escolar xestionado polas ANPAS de centros públicos non universitarios dependentes da consellería. Educación destina un total de 1.000.000 de euros a este fin, repartidos en dúas anualidades, con cargo aos exercicios dos anos 2009 e 2010.

Poderán ser beneficiarios das axudas as asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnos e alumnas que xestionen, directa ou indirectamente, o servizo do comedor no centro escolar correspondente; e as que, por non existiren as instalacións axeitadas no centro, oferten o servizo nun local hostaleiro próximo á escola.

A subvención sufragará como máximo o 50% do custo do servizo de comedor. As axudas económicas irán destinadas a cofinanciar o custo do menú, a vixilancia e coidado dos alumnos, en especial aqueles con necesidades específicas, e o desenvolvemento de programas de promoción da saúde e habilidades persoais nos comedores.

Contarán como criterios de valoración para a concesión das subvencións a implicación dos concellos no financiamento do servizo a través de bolsas ou axudas. Por outra banda, terase en conta que os solicitantes leven a cabo programas de promoción da saúde e hábitos alimentarios saudables e de desenvolvemento de habilidades persoais do alumnado nos comedores. A contía final da axuda determinarase, respectando o importe máximo do 50% do custo total, en base na valoración destes criterios.

As ANPAs poderán presentar as solicitudes no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións para a mesma finalidade. A resolución de concesión das axudas será publicada no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Educación, http:/www.edu.xunta.es/ea.

BENESTAR CONVOCA 35 BOLSAS PARA A REALIZACIÓN DE PRÁCTICAS NOS CENTROS DE MENORES DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

• O Consello da Xunta aprobou hoxe a convocatoria desta iniciativa que conta cun orzamento dun total de 49.350 euros

A Consellería de Traballo e Benestar convoca un total de 35 bolsas para a realización de prácticas nos centros de internado de menores que dependan do departamento autonómico. Nesta acción, o Goberno galego destinará unha contía económica que ascende a 49.350 euros, repartida en dúas anualidades. Así, a Xunta reserva para este ano 24.150 euros e os 25.200 euros restantes para o próximo ano. O Consello da Xunta aprobou hoxe a convocatoria desta iniciativa.

As bolsas de prácticas están destinadas a estudantes con dificultades económicas e así estas axudas pretenden ser un medio de apoio para o desenvolvemento dos seus estudos de ciclos formativos de grao superior de formación profesional, universitarios o de doutoramento, así como os técnicos superiores de formación profesional. A finalidade é acadar experiencia no eido educativo e no asistencial nos centros de atención de menores.

Para optar a esta acción da Xunta de Galicia é imprescindible non ter cumpridos os 25 anos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes e estar cursando ou ter rematados estudos de formación profesional de grao superior en animación sociocultural, animación de actividades físicas e deportivas e integración social ou estudos universitarios de psicoloxía, pedagoxía, psicopedagoxía, mestre de educación primaria ou educación física, traballo social e educación social.

Tamén son requisitos non ter aproveitado en anteriores convocatorias estas ou outras bolsas de similares características por un período superior a un ano e non ter realizado actividades profesionais remuneradas por conta propia ou allea nin ter recibido bolsas similares ás desta convocatoria.


O GOBERNO GALEGO AMPLÍA EN 630.000 EUROS O CRÉDITO DAS SUBVENCIÓNS PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE INFORMACIÓN, ORIENTACIÓN E BUSCA DE EMPREGO DO ANO 2010

• O Goberno galego investirá un total de 3.355.000 euros a estas accións despois de que o Consello da Xunta autorizara hoxe a modificación do gasto da orde do 30 de decembro de 2008 que regula a concesión destas axudas
• Poderán ser beneficiarias destas subvencións as entidades que teñan personalidade xurídica propia e carezan de fins lucrativos como son as universidades públicas, as corporacións locais, as confederacións e asociacións empresariais de Galicia

A Consellería de Traballo e Benestar ampliará en 630.000 euros a contía das subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego de 2010. Así, o Goberno galego investirá un total de 3.355.000 euros a este fin durante o próximo ano. O Consello da Xunta autorizou hoxe a modificación do gasto da Orde do 30 de decembro de 2008 que regula a concesión destas axudas.

O obxectivo desta acción é promover a inserción laboral en Galicia. A iniciativa está dirixida a entidades que conten cos recursos humanos, técnicos e materiais necesarios e que estean interesadas en colaborar en materia de información e orientación laboral cos usuarios do Servizo Público de Emprego de Galicia.

Desta forma, a orde establece as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións ás entidades que realicen accións de información, orientación e busca de emprego articuladas en itinerarios personalizados de inserción profesional e encamiñadas a mellorar as posibilidades de ocupación dos demandantes de emprego inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades que teñan personalidade xurídica propia e carezan de fins lucrativos, como son as universidades públicas, as corporacións locais, as confederacións e asociacións empresariais e sindicais de Galicia, así como as entidades especializadas en atención a determinados colectivos, preferentemente os que traten con persoas discapacitadas físicas, psíquicas ou sensoriais que precisen de accións de información e orientación profesional.

Tamén poderán ser beneficiarias destas subvencións as fundacións dependentes das organizacións empresariais e sindicais de Galicia especializadas na realización de accións de información e orientación laboral.

A XUNTA APROBA A CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA PLANS DE FORMACIÓN INTERSECTORIAIS DIRIXIDOS PRIORITARIAMENTE A PERSOAS TRABALLADORAS OCUPADAS

• O Consello da Xunta autorizou hoxe o financiamento que suma 17,4 millóns de euros. Inclúe tamén axudas para accións formativas dirixidas a autónomos e a socios da economía social sempre que acheguen actividade económica
• Os traballadores desempregados tamén poderán acceder aos cursos e optar a axudas de transporte, manutención, aloxamento e conciliación familiar

O Consello da Xunta aprobou a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación intersectoriais dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas que ofrezan unha formación axustada ás necesidades do mercado laboral. O Goberno galego destinará un total de 15.660.000 euros para este fin, que ten por obxectivo a aprendizaxe de competencias transversais a varios sectores de actividade económica ou de competencias específicas dun sector para a reciclaxe e recualificación de traballadores doutros sectores

Trátase dunha orde que tamén inclúe axudas para plans de formación intersectoriais dirixidos a autónomos (870.000 euros) e a traballadores e socios da economía social sempre que acheguen actividade económica (outros 870.000 euros), pero os colectivos prioritarios en acceder a estas axudas serán os traballadores ocupados en pequenas e medianas empresas (menos de 250 persoas cun volume de negocio anual que non exceda os 50 millóns de euros); mulleres, afectados e vítimas do terrorismo e da violencia de xénero, maiores de 45 anos, traballadores con baixa cualificación e persoas con discapacidade.

Os traballadores desempregados tamén poderán acceder aos plans (cun límite máximo dun 40% do total de participantes) e optar a unhas liñas de axudas sempre e cando se teñan que trasladar ás sesións formativas.

Así, poderán recibir unha bolsa consistente no 75% do importe do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente no mes os alumnos con discapacidade e aqueles demandantes non perceptores de prestacións do Servizo Público de Emprego Estatal que participen nunha acción formativa vinculada ao seu itinerario de inserción.

Ademais, poderán solicitar axudas de transporte, manutención e aloxamento. No primeiro caso, os que utilicen a rede de transportes públicos urbanos para asistir ao curso terán dereito a percibir 1,5 euros cada día de asistencia. Os alumnos que residan nun concello distinto ao da impartición do curso poderán recibir 6 euros ao día de se desprazaren en transporte público interurbano. No caso de que a distancia entre o seu domicilio e o lugar das accións formativas sexa como mínimo de 50 quilómetros e non exista medio de transporte público ou un horario regular compatible co das clases, poderase optar a unha axuda por desprazamento en vehículo propio que terá unha contía máxima por día de asistencia de 0,10 euros por quilómetro. Neste caso, os cursos deberanse impartir nos centros da Consellería de Traballo e Benestar.

As axudas de aloxamento e manutención concederanse cando a distancia entre a residencia do alumno e o lugar do curso sexa, como mínimo, de 50 quilómetros.

Por último, a orde ten previsto axudas á conciliación co obxecto de que as persoas desempregadas poidan conciliar a súa asistencia aos cursos de formación co coidado de fillos menores de 6 anos ou de familiares dependentes ata o segundo grao. Neste caso, un dos requisitos é non ter rexeitado ofertas de traballo axeitadas nin terse negado a participar en actividades de promoción, formación ou reconversión profesional no ano anterior ao inicio da acción formativa.

Os plans de formación poderanse executar desde o día 1 de setembro do 2009 ata o 31 de agosto de 2010. As accións formativas non poderán ter unha duración inferior a 10 horas nin superior a 270 salvo por causas debidamente xustificadas, e a participación do traballador ou traballadora non poderá ser superior a 8 horas diarias, calquera que sexa a modalidade de impartición.

Ademais, na totalidade das actividades formativas financiadas pola Consellería de Traballo e Benestar introducirase un módulo formativo sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e sobre corresponsabilidade familiar e doméstica.

Ao remate dos cursos, os alumnos recibirán un diploma expedido pola Dirección Xeral de Formación e Colocación. Os que non teñan dereito ao título formativo poderán solicitar ao departamento autonómico unha certificación polas horas e módulos que realizou.

As subvencións previstas estarán cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e pola Administración xeral do Estado.

A XUNTA SANCIONA CON 30.001 EUROS A EMPRESA O NOSO VIÑO DA CASA S.L. POR INFRACCIÓN MOI GRAVE DA NORMATIVA LEGAL

• Coa súa negativa á actuación dos servizos públicos de inspección, esta firma incumpriu a obriga tipificada no artigo 40.1 da Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño

Por proposta da Consellería do Medio Rural, o Consello da Xunta acordou hoxe impoñerlle unha multa de trinta mil un euros (o importe mínimo establecido para unha infracción tipificada como ‘moi grave’) á sociedade “O Noso Viño da Casa”, por incumprir a obriga establecida no artigo 40.1 da Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño, coa súa “negativa absoluta á actuación dos servizos públicos de inspección”.

Esta mesma lei, no seu artigo 33, establece que as persoas físicas ou xurídicas teñen, entre outras, a obriga de “subministrar toda clase de información sobre instalacións, produtos, servizos ou sistemas de produción ou elaboración, permitindo a directa comprobación dos inspectores”. Ademais, neste mesmo artigo tamén son obrigados a “exhibir a documentación que sirva de xustificación das transaccións efectuadas” e, en xeral, a “consentir a realización de visitas das inspeccións e dar toda clase de facilidades para iso”.

Os devanditos incumprimentos son constitutivos dunha infracción cualificada como moi grave, que se sanciona con multa comprendida entre 30.001 e 300.000 euros.

Por non apreciarse reincidencia por parte da empresa en infraccións da mesma natureza, a lexislación establece que a sanción que se impoña débese constrinxir ao grao mínimo determinado pola norma, é dicir, os referidos trinta mil un euros.



A CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO INFORMOU O CONSELLO DA XUNTA DOS RESULTADOS DO PRIMEIRO BALANCE TURÍSTICO DO VERÁN

• A Consellería de Cultura e Turismo informou hoxe no Consello da Xunta do primeiro balance dos datos de ocupación rexistrados no que vai de verán
• Os datos deste primeiro balance foron interpretados como satisfactorios xa que as previsións de xuño apuntaban a un descenso nas reservas de entre o 15 e o 20%, que se resolveu cunha caída en xullo do 1% e en agosto de entre o 2 e o 4%
• Dedúcese que a campaña de urxencia implementada desde a S. X. para o Turismo, a través de Turgalicia, conseguiu o seu obxectivo de maneira satisfactoria, ao inverter a tendencia manifestada polo sector a inicios de xuño
• Realízase por primeira vez esta sondaxe desde o IET (Instituto de Estudos Turísticos) para poder dar un avance de resultados do sector
• A ocupación hoteleira sitúase en Galicia entre o 76 e o 78%; a ocupación en campamentos de turismo subiu dez puntos con respecto ao mesmo período de 2008 mentres que o turismo rural rexistrou 125.000 pernoitas fronte ás 138.000 do mes de agosto de 2008. Os resultados foron presentados en conxunto coa Confederación de Hosteleiros de Galicia, CEHOSGA

A Consellería de Cultura e Turismo informou hoxe o Consello da Xunta do primeiro balance de datos turísticos do verán, 2009. Malia que os datos son provisionais á espera de que remate o verán e os resultados definitivos poderán coñecerse a finais de setembro ou primeiros de outubro, en principio os resultados son satisfactorios en opinión dos responsables de Turismo da Xunta de Galicia. Segundo a consellería, os datos de ocupación hoteleira son positivos xa que a comezos do verán as previsións apuntaban cara a un descenso de entre o 15 e o 20%. Finalmente as estatísticas das que se dispón neste momento avanzan que a ocupación en Galicia se sitúa no 76,2% fronte ao 74,6% de agosto de 2008 segundo a enquisa do Instituto de Estudos Turísticos de Galicia. Segundo os datos que manexa CEHOSGA, a ocupación hoteleira en agosto de 2009 rolda o 78% fronte ao 82% do mesmo período do ano pasado.

Así mesmo, explícase no informe que as dúas campañas (a rexional: Galicia, coñécela? E a nacional: Galicia,ven, siéntela) conseguiron salvar a época estival; agora está sendo avaliado de maneira mais rigorosa o seu impacto, a través da enquisa de verán na que se inclúen preguntas específicas sobre esta para tratar de descubrir se esta é unha boa ferramenta para seguir utilizándoa no futuro en contextos semellantes. Cultura e Turismo informou tamén da necesidade de dotar de oferta complementaria as casas de turismo rural, xa que existen experiencias na actualidade que lograron incrementar nun 50% as súas cifras de ocupación desde o mes de maio grazas á oferta de actividades complementarias e á paquetización do produto turismo rural de Galicia.

Do mesmo xeito, sinalouse a importancia de homoxeneizar os sistemas de recollida de datos e de atopar unha metodoloxía rigorosa e exhaustiva para traballar en sintonía e facer que os datos sexan unha “ferramenta tanto para a toma de decisións inmediatas para a Administración, como para o propio sector e para que os medios e a sociedade dispoñan de datos rigorosos”.

Tamén se puntualizou que, ademais dos datos de ocupación e de pernoitas, cómpre dispor dos datos relativos ao gasto medio e aos ingresos do sector para avaliar con rigor a tempada estival. Estes datos só serán coñecidos a finais de setembro.

Datos de xullo de 2009 do INE para Galicia
Galicia rexistrou en xullo de 2009 un total de 400.778 viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros da Comunidade, un 1% menos que no mesmo período de 2008. Esta lixeira caída é, no entanto, inferior á media nacional, pois no conxunto do Estado a cifra de viaxeiros diminuíu un 4,8%.

En canto ao volume de pernoitas en establecementos hoteleiros, Galicia experimentou unha caída do 1% interanual en xullo de 2009, porcentaxe inferior á media estatal que se situou ao redor do 4,8%. Un 84% das pernoitas son de turismo nacional e o 16% restante corresponde aos estranxeiros. Se tomamos como referencia as pernoitas dos viaxeiros nacionais, as cifras amosan un lixeiro pero significativo aumento interanual do 0,5%, rompendo desta maneira a tendencia rexistrada en meses anteriores. Tamén a ocupación media dos hoteis en xullo descendeu un punto con respecto aos datos de 2008, pero no conxunto de España a caída rexistrada foi de 4 puntos porcentuais. En xullo o turismo rural experimentou, no entanto, un crecemento con respecto ás cifras de ocupación de xullo de 2008 do 14,57%.

Índice de prezos e gasto turístico en xullo
Segundo os datos do INE, os prezos hoteleiros caeron de media en Galicia un 1,1% no pasado mes de xullo. En termos interanuais, os prezos medios descenderon algo máis do 4% respecto a xullo do ano pasado. No tocante ao índice de ingresos, como consecuencia do anterior, os ingresos hoteleiros caeron tamén no pasado mes de xullo un 2,4% respecto a xullo de 2008. Segundo datos de EGATUR (Enquisa de Gasto Turístico), o gasto total dos turistas estranxeiros que viñeron a Galicia o pasado mes de xullo foi de 6.650.000 euros, o 6% menos que en xullo de 2008. Similar comportamento experimentaron as cifras do gasto medio por persoa, que descendeu case un 3%, e do gasto medio diario, que baixou un 3,4%.

Volume de peregrinos
O pasado mes de xullo rexistráronse un total de 26.194 peregrinos na Oficina do Peregrino, cifra que supón un incremento de case o 25% respecto a xullo de 2008. No que vai de ano a cifra de peregrinos ascende a un total de 75.180, un 16% máis que no mesmo período de 2008. En agosto de 2008 viñeron a Santiago de Compostela 60.697 peregrinos e en 2009 63.827, isto é un 5,16% máis.

A enquisa de ocupación de albergues do Xacobeo amosa que un total de 245.279 peregrinos pernoitaron ata o 31 de agosto nos albergues de todos os Camiños.


A CONSELLERÍA DO MAR INFORMA O CONSELLO DAS ACCIÓNS QUE REALIZARÁ EN MATERIA DE ACUICULTURA

• A Consellería presenta un informe en que se analiza a situación actual da acuicultura en Galicia
• Mar iniciou xa os trámites para cambiar o réxime de acceso á propiedade do Plan Galego de Acuicultura
• As actuacións reservan 140 millóns de euros de fondos FEP dos cales non se executou nada na pasada lexislatura

O Consello da Xunta analizou hoxe a situación xurídico-administrativa da acuicultura na Comunidade Autónoma de Galicia con base nun informe elaborado pola Consellería do Mar. No documento recóllese a situación actual do Plan Galego de Acuicultura e descríbense as actuacións que a Xunta comezará a desenvolver de cara á súa regularización definitiva e cara á constitución dun marco xurídico que dea firmeza aos investimentos empresariais en Galicia.

O informe recolle a necesidade de abordar a modificación do Plan do 2008 no relativo ao sistema de acceso á propiedade. Entende que non se debe facer baixo réxime de concesión administrativa, polo que a consellería comezou os trámites para que a expropiación de terreos en que se desenvolverán os proxectos dedicados á acuicultura prevexa a posibilidade de adquirilos por parte da empresa como garantía do seu investimento.

Así mesmo, recolle que se continúe co recurso de casación contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no procedemento interposto no seu día pola empresa Insuiña, S.L. contra o acordo adoptado polo Consello da Xunta de avalar o Plan Acuicola do 2005 feito polo bipartito no 2006 na cal se procedía á revisión do Plan sectorial dos parques de tecnoloxía alimentaria na costa galega.

Dos 20 proxectos presentados polas empresas para novas instalacións e ampliación de plantas acuícolas xa instaladas, dáselles luz verde ás plantas proxectadas sobre polígonos non afectados pola modificación para que poidan saír da situación de bloqueo en que se atopan.

O investimento aproximado dos proxectos presentados ascende a preto de 350 millóns de euros. Segundo a documentación achegada polos solicitantes, estas instalacións e ampliacións xerarían uns 1.501 postos de traballo (654 directos e 847 indirectos).

A estas actuacións están reservados 140 millóns de euros de fondos FEP 2007-2013 dos cales, durante a anterior lexislatura, non se executou nada. A idea da Xunta é avanzar canto antes nestes investimentos para evitar a perda deste diñeiro.