23 septiembre 2009

Otra de auto-propaganda de F-009

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, remarcou hoxe que o Goberno da Xunta está a tomar medidas para facer fronte á crise e para iniciar o camiño da recuperación económica. “O Goberno está a tomar medidas para minimizar o impacto da crise que herdamos e para tentar iniciar o camiño lento, difícil e complexo da recuperación”, indicou subliñando que en tan só cinco meses “adoptamos máis de 20 importantes medidas económicas”.

Entre elas e en primeiro lugar, concretou, un Plan de austeridade, “amosando que este Goberno lle sae máis barato aos galegos”; en segundo lugar, “reafirmando e recompoñendo os orzamentos no 11 por cento da totalidade dos orzamentos anteriores” (1.100 millóns de euros) e plantexando once medidas no Plan de choque. Tamén –engadiu-, apoiando ao sector lácteo con máis de 11 millóns de euros e ao sector do automóbil, tendo en conta –dixo- que Galicia é hoxe, xunto con Navarra, a comunidade autónoma que máis ten incrementado as axudas.

Xunto con isto, Núñez Feijóo lembrou que o actual Goberno da Xunta ten desbloqueado o sector acuícola, avanzou que aprobará nos vindeiros días o proxecto de Lei de pesca, e que ten dedicado o maior plan de avais da historia de Galicia para xerar 400 millóns de euros de liquidez ás empresas galegas, investido máis de 100 millóns de euros en I+D+i; ademais de destinar 30 millóns de euros para as persoas que acabaron o desemprego e os seus subsidios, rebaixar os impostos nun 50 por cen, e presentando os plans e a planificación que necesita Galicia ata o ano 2013, 2015 e 2017”.

“Sen ir a ningunha consultoría -puntualizou o presidente-, nos primeiros catro meses de goberno sacamos adiante o Plan de mobilización de infraestruturas, o Plan de saneamento e infraestruturas hidráulicas, o Plan de infraestruturas xudiciais e por último, negociando, acordando co Goberno de España, desbloqueamos o tren de alta velocidade que non estaba”, aseverou.

“Un político distinto”
Fronte a isto, o presidente galego contrapuxo a actitude do líder do PSdeG, ao que cualificou como “un político distinto” por ser, dixo, “un socialista que fala de paro nun momento como o actual e un político tan distinto que lle di a Galicia que lle sobran cartos e llos ten que devolver ao Estado”.

“Unha das razóns polas que vostedes perderon as eleccións é por negar que había paro, crise e recesión económica”, recriminoulle Feijóo ao voceiro socialista para lembrarlle que cando o PP deixou o Goberno galego en 2005 “nos fomos cunha Galicia que crecía e que creaba emprego”. “Vostedes no 2009 vanse cunha Galicia en recesión económica e con máis de 210.000 parados, máis de 55.000 parados nos últimos dous anos”, apostilou o mandatario autonómico. A este respecto, aludiu aos datos da OCDE que prevén que a taxa de paro acade o 20 por cento o ano que vén e sinalou que tamén a Unión Europea advirte que no ano 2010 España será dos últimos países en comezar a recuperar o ritmo de crecemento económico.

Na mesma liña, Feijóo lembrou que o goberno bipartito “abandonou o Goberno da Xunta deixando unha débeda de 2.000 millóns de euros” ao Estado. “No ano 2010 o Goberno de España anticípamos unha baixada dos ingresos na comunidade do 18 por cen e ¿iso non é nada?”, ironizou o presidente galego ao respecto.

Feijóo insistiu en que Galicia “está farta” do tratamento diferenciado das comunidades autónomas “que cando unha levanta a man lle fan un traxe a medida para o financiamento” e criticou a actitude do PSdeG que, dixo, “cando nós dicimos que non podemos pagar o que non temos o PSdeG en Galicia nos di que temos que pagar o que non temos”. “Non estamos de acordo”, apostilou, exemplificando a súa negativa: “Hai comunidades autónomas que cando o Tribunal Constitucional lle toca un pelo do seu Estatuto plantexan un conflito co Estado; pero non estamos dispostos a pagar os erros do señor Zapatero”, abondou lembrando que “Zapatero invita, e Galicia paga”. “Como vostede siga así –advertiulle Feijóo ao voceiro do PSdeG-, vaise converter no cobrador do frac do PSdeG”.

Orzamentos realistas e control do gasto
O presidente da Xunta finalizou a súa intervención aseverando que o Goberno galego vai tomar as medidas necesarias para saír da actual recesión económica e asegurando que “non imos negar a crise, porque existe” e que tampouco “imos facer uns orzamentos falsos, senón realistas. Non imos descontrolar o gasto, senón que o axustaremos e, por suposto, non imos deslocalizar as empresas galegas, senón a concentralas en Galicia”, concluíu.