02 septiembre 2009

Pesca potenciará la comercialización de los productos de las Cofradías

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, realizou na xornada de hoxe unha visita institucional ás confrarías de Aguiño e Ribeira. En Aguiño, Rosa Quintana referiuse ás previsións da Xunta de construír na zona unha depuradora de augas residuais lembrando que “é unha aposta do goberno galego ter todas as rías saneadas ao final desta lexislatura” e garantiu que esta infraestrutura farase sen prexudicar a explotación dos bancos naturais “para garantir a conservación dos recursos marisqueiros”. Neste senso resaltou que na elaboración do proxecto construtivo da depuradora teranse en conta “en todo momento” as opinións do sector “posto que son os que máis coñecen as zonas onde menos dano se lle fai para o exercizo do seu traballo”.

A responsable do departamento do mar valorou positivamente o labor da confraría de Aguiño a prol da mellora nos sistemas de comercialización dos produtos pesqueiros e lembrou a necesidade de coordinar esforzos co sector en temas coma o control da trazabilidade dos produtos procedentes das lonxas galegas, “o que permitirá garantir a procedencia e a calidade do noso produto nos mercados fronte aos doutros países”.

Outras das reivindicacións expostas á conselleira polos representantes do pósito barbancés foi a necesidade de intensificar os controis contra o furtivismo. Neste senso Rosa Quintana reiterou a súa colaboración para axudar a eliminar esta lacra e lembrou o empeño da Consellería do Mar en reivindicar que o furtivismo se tipifique coma delito.

Ribeira
Na súa visita á confraría de Ribeira, Rosa Quintana recibiu de mans dos responsables do pósito un informe coas súas principais necesidades. Entre elas destaca a reivindicación dos mariscadores para que se lles permita extraer reló dos bancos marisqueiros da confraría. A este respecto a conselleira comprometeu o apoio da súa Consellería diante da Unión Europea para tentar que se modifique a actual normativa europea e se poda permitir a extracción deste molusco dos bancos marisqueiros ribeirenses.

A creación dun centro regulador de marisco nesta confraría foi outro dos puntos que abordaron os representantes do sector e a conselleira. Neste senso a responsable do Mar lembrou que os proxectos tendentes a mellorar a comercialización e o valor engadido dos produtos pesqueiros galegos “serán sempre un dos estandartes desta consellería” e avanzou que a Consellería estudará a viabilidade do proxecto presentado polo pósito ribeirense.