01 septiembre 2009

Santi Domínguez insta á Xunta a abandonar o partidismo e colaborar para potenciar o Camiño Portugués pola Costa

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O tenente de alcalde de Vigo e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, criticou hoxe a actuación que a Xunta está a manter a respecto do Camiño Portugués pola Costa. O nacionalista manifestou “o esprírito de colaboración do Concello de Vigo para que o Camiño Portugués pola Costa sexa un referente”, polo que instou a Xunta a traballar conxuntamente para impulsar as súas potencialidades. “Gustaríame que se deixasen atrás cuestións partidistas, que non se utilizara só para facer a foto e que se deixase traballar aos técnicos”, salientou o nacionalista.

“Como concelleiro de Turismo estou preocupado por que algúns se esquecen de que o Camiño Portugués pola Costa pasa pola cidade máis importante de Galiza”, manifestou Santi Domínguez. Neste sentido lamentou que dende a Secretaría Xeral de Turismo da Xunta “ninguén se puxo en contacto co responsable de Turismo de Vigo para traballar ao unísono”, pese a que si teñen mantido xuntanzas co presidente e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra. “Queremos traballar conxuntamente pero non nos están deixando”, sinalou. “Seica o Camiño Portugués pola Costa só ten unha cor e se chama Camiño Portugués do Partido Popular”, comentou ironicamente.

Santi Domínguez salientou que é preciso desenvolver unha acción conxunta entre as distintas administracións para potenciar o Camiño que pasa por Vigo, sobre catro liñas de traballo. En primeiro lugar indicou que é preciso “delimitar claramente o camiño, con rigor patrimonial e histórico e non en función do que digan os colectivos”. Manifestou tamén a necesidade de “coordinar aos concellos do Camiño” para desenvolver iniciativas de cara a súa promoción. En terceiro lugar indicou a pertinencia de establecer un “directorio de infraestruturas”, xa que segundo recordou, “o Xacobeo comeza en tres meses e podemos ter un serio problema se non contamos con este directorio”. E finalmente, salientou que hai que planificar as actuacións que se leven a cabo nas infraestruturas do Camiño, “para que estean nas mellores condicións”.

Asemade, o tenente de alcalde lamentou que “caíran en saco roto” as declaracións que fixo o pasado 11 de agosto, nas que expresaba precisamente a necesidade de traballar conxuntamente para potenciar o Camiño Portugués pola Costa. Apuntou que se está a esquecer os miles de cruceiristas que recibe a cidade ao longo do ano, o cal pon de manifesto a necesidade de desenvolver unha actuación coordinada levada a cabo polos técnicos. Neste sentido, indicou que o vindeiro venres 4 de setembro á xuntanza que se celebrará en Baiona asistirá “a xefa do departamento de Turismo e non o concelleiro de Turismo, porque é o momento de que traballen os técnicos”.