01 septiembre 2009

Vigo : o tenente de alcalde defende que o Plan de Usos do Porto debe incluír a recuperación do frente do Berbés

Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O tenente de alcalde, Santi Domínguez, defendeu este martes a ampliación do túnel de Beiramar e a desaparición do tráfico rodado do frente de O Berbés, que ao seu xuízo deben figurar no Plan de Usos do Porto. A preguntas dos xornalistas, o nacionalista fixo propias as suxestións da Asociación de Veciños do Casco Vello nas que piden a ampliación do túnel e o incremento das zonas peonís entre o mar e a Praza de O Berbés.

“O debate sobre o Porto non se debe limitar á ampliación do peirao de Trasatlánticos, senón que debe tratar o que vai a recuperar a cidade co Plan de Usos”, explicou o tenente de alcalde. Neste sentido subliñou que é “imprescindible que a fachada de O Berbés se recupere para a cidade”. Segundo Santi Domínguez, “hai que unir os tuneis e sacar o tráfico rodado do frente de O Berbés e a recuperación desta fachada ten que ser un elemento fundamental no plan de usos”.

O tenente de alcalde salientou que comparte cos veciños e veciñas do Casco Vello a necesidade de “facer un esforzo de coordinación entre as administracións” , polo que retou á presidenta da Autoridade Portuaria a deixar feita a planificación portuaria e non utilice somentes eses posto como trampolín para a súa candidatura á alcaldía.