03 septiembre 2009

Xunta : otra vez advierte, preparados para la gripe porcina

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, e o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, avanzaron os protocolos que se activarán nos centros escolares galegos, nos centros de educación especial e nas escolas infantís por mor da gripe A. Ambos responsables autonómicos insistiron en destacar que os centros educativos e os seus profesionais iniciarán o curso escolar preparados e que, dende o Ministerio se asegura que non hai ningún motivo para modificar o inicio das clases.
Estes documentos, que serán distribuídos nos centros escolares, funcionarán como unha guía de actuacións a seguir para o control da infección por gripe A nos centros, así abordan nocións xerais para coñecer os síntomas fronte aos que haberá que estar alerta para tomar as decisións axeitadas (como febre ou tose) e cómo é a transmisión do virus. Os protocolos tamén ofrecen datos útiles sobre cómo debe prepararse o centro, cómo actuar durante a pandemia, cómo reducir a dispersión da infección, qué medidas tomar cando un neno cae enfermo, ou cómo transmitir todas estas mensaxes aos rapaces.
Entre outros aspectos, os docentes vixiarán o absentismo escolar de cara a poñer en marcha os protocolos de actuación. Ademais, os centros deben asegurar que hai material para a limpeza suficiente, asegurar que o necesario para a hixiene de mans está dispoñible e funciona correctamente e ter suficiente stock de panos, toallas de papel e xabón, ou instalar as solucións hidroalcohólicas para o lavado de mans.
Durante a pandemia, convén insistir nunha hixiene de mans frecuente con auga e xabón; minimizar o contacto das mans coa boca, ollo e nariz a menos que estas se lavaran previamente; cubrir o nariz e a boca cando se tuse ou esbirra; ou usar un pano de papel cando sexa posible e desbotalo axeitadamente. Ademais, os docentes deben ensinar e animar aos nenos na medida do posible, segundo a súa idade, a que adopten as medidas de hixiene de mans e respiratorias.

Para incidir en todos estes aspectos, a Xunta de Galicia iniciará unha campaña informativa repartindo carteis e folletos con datos prácticos sobre a nova gripe a as medidas de prevención a levar a cabo. A partir do 14 de setembro, os centros escolares comezarán a recibir este material que tamén servirá para dar apoio aos docentes.
A Consellería de Educación insiste na necesidade de manter a calma ante o comezo do curso escolar, que tal e coma se indicou dende o Goberno Central non se retrasará porque iso non axudaría a que os posibles contaxios diminúan. Jesús Vázquez Abad recordou que ao longo desta semana esta a manter encontros cos inspectores, sindicatos, directores de centros non universitarios, así como coas asociacións de pais e nais: Confapa e Congapa. representantes de centros públicos e privados, e asociacións de alumnos. Nestes encontros o conselleiro comunicará os protocolos a seguir nos centros escolares ante posibles casos de gripe A.
Novos grupos de vacinación
Pilar Farjas e Jesús Vázquez insistiron esta mañá en destacar o especial interese da Galicia en protexer a saúde dos menores. Así llo transmitiron Pilar Farjas Abadía e Jesús Vázquez Abad, en nome do Goberno galego, ao Consello Interterritorial e á Conferencia Sectorial de Educación celebradas estes días coa ministra de Sanidade e Política Social e o Ministro de Educación.
Nesta liña, a conselleira de Sanidade afirmou que a nosa comunidade autónoma valora positivamente a posibilidade de incluír aos menores de 14 anos na poboación diana, segundo evolucione a situación epidemiolóxica e seguir avanzando no estudo doutros grupos diana. Un punto que o Conselleiro de Educación apoia xa que considera que todo o colectivo educativo é un grupo de risco que debe ser vacinado, e que dende o Goberno Central mostrouse unha certa desidia neste punto. Jesús Vázquez Abad considera que deberíase seguir os pasos de Francia, Reino Unido e Estados Unidos onde serán vacinados os escolares e o entorno educativo.
Pilar Farjas lembrou que o pasado luns, o Consello Interterritorial aprobou a vacinación para os grupos diana nos que hai acordo unánime (persoas con enfermidades crónicas, embarazadas, traballadores sanitarios, forzas de seguridade) que representan un 20 por cento da poboación. Por iso, segundo destacou a titular da Sanidade pública galega, hai flexibilidade para reforzar a vacinación en novos grupos.
Campaña de vacinación da gripe estacional
A conselleira de Sanidade destacou que outro dos acordos adoptados no Consello Interterritorial foi anticipar a campaña de vacinación da gripe estacional, que en Galicia iniciarase o vindeiro 28 de setembro, como xa anunciara Pilar Farjas a pasada semana. Deste xeito, segundo a estimación do Ministerio de Sanidade e Política Social, a campaña coa nova vacina para a gripe A podería comezar en novembro, unha vez que a Axencia Europea e a Axencia Española do Medicamento teñan autorizada a vacina. Neste contexto, Galicia reforza a súa preparación para afrontar esta vacinación atendendo aos tempos actuais estimados polo Ministerio de Sanidade e Política Social.
Pilar Farjas destacou que todo o Goberno galego continuará traballando na unificación de criterios de información, e ratificando a información epidemiolóxica baseada nos sistemas de vixilancia de incidencia semanal. Ademais, continuará a coordinación co resto de servizos de saúde de todas as comunidades autónomas, tal e como se ven facendo ata o de agora, para potenciar os servizos de atención á cidadanía a través das plataformas telefónicas, das páxinas web oficiais e unificando a publicación de protocolos.
Situación actual
Así mesmo, Pilar Farjas incidiu en que a incidencia da gripe A na nosa comunidade é media e que os cadros clínicos son maioritariamente leves; así mesmo, a mortalidade é moi baixa e case dez veces menor que a mortalidade asociada á gripe estacional.
Tamén salientou que todos os protocolos recomendan que se o cadro clínico non é grave, como sucede na maioría dos casos, o tratamento para o novo virus trátase en domicilio, con coidados a través da hidratación, reposo e toma de medicamentos que alivien os síntomas (baixar a febre, tose ou dores musculares).