03 septiembre 2009

En agosto : 2.382 parados más en Galicia

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz López, destacou que Galicia enfrontase a un “outono complexo” tras analizar as cifras do paro do mes de agosto, que reflicten unha subida respecto a xullo dun 1,24%, é dicir, de 2.382 persoas máis. En concreto, agosto pechou as listas do desemprego cun total de 195.241 persoas paradas.

Neste senso, Díaz López explicou que “as nosas expectativas para os próximos meses non poden ser optimistas”, xa que amosou que probablemente os datos de desemprego serán maiores. “Por este motivo non podemos estar tranquilos”, apunto Díaz, aínda que lembrou que a Xunta puxo en marcha un Plan de choque fronte a crise co obxectivo de suavizar a tendencia á alza do desemprego e de por en marcha fórmulas que permitan modificala. “Esperamos, así, enfrontarnos mellor a un outono duro con cifras negativas”, subliñou.

Ao respecto, a directora xeral resaltou que as medidas para atacar ao paro comezaron en agosto e que, por iso, espera poder recoller pronto os seus froitos, “especialmente no que se refire á mellora da situación dos desempregados sen prestación, dado que un dos apartados máis salientables do plan é a contratación de 4.000 persoas sen subsidios, os que máis están a padecer a crise”, concretou.

Ademais, deixo claro que desde a Xunta faranse todos os esforzos posibles en atopar instrumentos para impulsar o tecido produtivo e fomentar o emprego e, por iso, anunciou que en breve manteranse encontros cos axentes sociais.

Subliñou tamén o comportamento interanual do número de parados que rexistrou un incremento de 42.804 persoas, un 28,08% máis con respecto á cifra que tiña Galicia en agosto de 2008. Polo que respecta á evolución anual, a cifra de desempregados incrementouse en 5.338 persoas, o que representa en valores porcentuais o 2,81%.

“Tras catro meses de descenso do desemprego, a suba neste mes amosa que no último cuatrimeste estábamos a falar dunha baixada estacional, derivada da actividade que se xenera na época estival”, valorou a directora xeral.

Ana María Díaz López tamén destacou que a evolución dos últimos anos reflicte que agosto é un mes no que, en orde xeral, as cifras do paro suben, aínda que amosou que “si nos preocupa que estemos no peor comportamento dun mes de agosto desde 2001, excepto o pasado ano no que o desemprego medrou en máis de 3.000 neste mesmo mes”.

Por provincias, o paro rexistrado medrou en todas as provincias, agás en Ourense, onde diminuíu en 36 persoas. O maior incremento sitúase na provincia de A Coruña con 1.605 parados máis.

Por sexos, o número de mulleres paradas incrementase en 1.994 fronte ao aumento de 388 homes. Neste senso, Díaz López explicou que esta diferenza pode vir determinada porque o colectivo feminino é maioritario na contratación dentro de sector servizos na épica estival.

Desagregado por idades, o paro aumentou nos maiores de 25 anos en 2.306 persoas e nos menores de 25 en 76 persoas. Por sexo e idade, houbo aumentos en todos os tramos, agás nos homes menores de 25 anos. A maior suba prodúcese nas mulleres maiores de 25 anos con 1.784 paradas máis.

Prodúcese un aumento do paro rexistrado no sector servizos (+1.462), no colectivo sen emprego anterior (+508), na construción (+296) e no sector industrial (+179), mentres que na agricultura hai un descenso mínimo de 63 persoas .

Polo que respecta á evolución dos contratos feitos, hai un descenso no ámbito estatal de 458.200 contratos rexistrados menos que no mes anterior. En total, rexistráronse no mes de agosto un total de 944.823 dos que 68.735 foron indefinidos (7,27%) e 876.088 temporais (92,73%). En Galicia, houbo un total de 54.628 contratos, 27.853 menos que no mes anterior. Do total, 4.127 foron indefinidos (7,55%) e 50.501 temporais (92,45%).