VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A cabeza de lista do BNG ás eleccións europeas, Ana Miranda, participou esta mañá presentación da candidatura “Europa dos pobos-Verdes”, que tivo lugar en Madrid. Miranda asegurou que os nacionalistas galegos “imos devolverlle a voz a Galiza en Europa”.
Asegurou que “os eurodeputados galegos do PP e do PsdeG-PSOE non defenderon a Galiza até agora, non actuaron para modificar a Política Pesqueira Común ou a Política Agraria Común no relativo aos nosos sectores produtivos”.
Nesa liña, Miranda expresou a solidariedade e o apoio do BNG aos produtores de leite e aos traballadores da industria de transformación ante os difíciles momentos que está pasando o sector.
Interlocutores ante as institucións comunitarias
A candidata nacionalista expresou a vontade do BNG de exercer como “interlocutor” ante as institucións comunitarias, para “decidir en favor das nosas explotacións lácteas ou da nosa industria naval”. Así mesmo, quixo lembrar que o Parlamento Europeo “é a única institución democrática da Unión Europea, con poder para rexeitar ou aprobar o orzamento comunitario” e que o BNG está disposto a decidir “en favor de Galiza”.
Manifesto electoral da coalición
As forzas políticas representadas na coalición Europa dos Pobos presentaron hoxe tamén unha declaración conxunta baixo o título: Polo dereito a decidir dos pobos e unha Europa máis social, democrática e sostíbel, á cal deron lectura Oriol Junqueras, de Esquerra Republicana de Catalunya,
O manifesto reclama “unha Europa institucional que nos debe permitir estar presentes en Europa de xeito directo, obtendo o recoñecemento da nosa identidade nacional e do dereito a decidir que queremos ser como pobo”.
Nesa liña, o manifesto, aposta por “agora máis que nunca, afortalar o Estado do benestar como un elemento identificador da UE e garantir á cidadanía da UE de igualdade de oportunidades” e “un cambio no modelo económico vixente que abandone dunha vez por todas os modelos especulativos e que derive cara un novo paradigma de crecemento sostíbel”.