06 mayo 2009

A Comunidade de montes de Fozara (Ponteareas) cede os terreos para a Casa Cultural

PONTEAREAS (MORRAZO-tribuna) .-A Comunidade de montes de Fozara cede os terreos para a Casa Cultural : A Comunidade de Montes Veciñais e Man Común de Fozara, no concello de Ponteareas, informou do acordo tomado na Asemblea de comuneiros, polo cal, aprobaron a cesión dos terreos necesarios para a construcción da casa cultural da parroquia. Con esta decisión, os veciños/as facilitan a ubicación desta infraestructura básica no monte comunal, ante a carencia de lugares públicos de propiedade municipal.

Os veciños/as de Fozara levan máis de dez anos reclamando ao concello de Ponteareas a construcción dunha casa cultural, que satisfaga as necesidades de contar con espazos dignos nos que desenvolver actividade social e cultural da parroquia.

En Fozara existen varias colectivos culturais, veciñais e sociais, que veñen realizando unha intensa actividade na última década; exposicións, xeiras micolóxicas, rastrexos, magostos, actuacións musicais e de baile, xogos tradicionais, etc.Unha das entidades dinamzadoras da parroquia é a Asociación Cultural Pedra da Garza, que na organización do sexto serán congregou a máis de mil persoas, ao redor desta actividade. Este grupo folclórico, formado por decenas de xóvenes, leva sufrindo a necesidade dunha infraestructura dende hai 11 anos, tendo que ensaiar nunha antiga granxa, en condicións infrahumanas.

A Comunidade de Montes de Fozara espera que a Casa Cultural satisfaga as demandas de todos os veciños/as, como lugar de encontro e ocio, tal e como lle trasladaron ao concello, conxuntamente coas demais asociacións da parroquia.