COMPOSTELA (MORRRAZO-tribuna) .-O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, afirmou que o desenvolvemento do Plan de Infraestruturas de Galicia e o impulso da vivenda protexida serán dous dos retos prioritarios do seu departamento. Hoxe tomaron posesión os dous altos cargos que terán a responsabilidade de desenvolver as políticas relacionadas con ambos sectores: a enxeñeira Isabel Vila, como nova directora xeral de Infraestruturas, e o arquitecto Antonio José Boné, novo director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo.
Hernández destacou o feito de que por primeira vez en Galicia, a Dirección Xeral das Infraestruturas será xestionada por unha muller. Isabel Vila será a encargada de coordinar as grandes obras públicas que se desenvolverán na nosa comunidade nos vindeiros anos, e terá tamén a misión de facer o seguimento dos prazos do AVE co obxectivo de garantir que dende o Ministerio de Fomento se cumpran os compromisos adquiridos con todos os galegos.
Como novidade, o conselleiro anunciou que a Dirección Xeral de Infraestruturas incorporará a xestión das obras que actualmente desenvolven Urbanismo e Transportes, de forma que se optimizará o funcionamento de ambas direccións xerais, que se centrarán nos seus respectivos ámbitos competenciais, profesionalizando e especializando o control das infraestruturas.
Agustín Hernández anunciou tamén a creación dunha Unidade de Inspección, que velará pola calidade, o cumprimento dos prezos e dos prazos das obras que desenvolva a consellería. “Todas as licitacións, contratacións, expropiacións, modificacións de crédito, recepcións de obras e liquidacións pasarán por unha unidade técnica de inspección que controlará a correcta xestión dos recursos públicos”, anunciou o conselleiro.
VIVENDA E SOLO
A nova estrutura orgánica da Consellería recupera o Instituto Galego de Vivenda e Solo como organismo autónomo encargado de xestionar a política de vivenda da Xunta de Galicia. Á súa fronte sitúase dende hoxe Antonio José Boné Piña, arquitecto cunha experiencia de máis de 24 anos na xestión de vivendas de promoción pública, especialmente na provincia de Lugo.