VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, solicitou a comparecencia urxente do Secretario Xeral do Mar, Juan Carlos Martin Fragueiro, para que acuda á Cámara a explicar por que razón aínda non se aprobaron as Ordes Ministeriais de concesión de axudas aos mariñeiros afectados polos amarres forzosos de tres meses dictados polo Ministerio.
Neste sentido, a deputada nacionalista lembra ao Goberno, nunha iniciativa parlamentar, a proposición non de lei do BNG aprobada do 14 de abril que instaba ao Goberno a establecer con urxencia as Ordes Ministeriais correspondentes que permitan a imediata convocatoria da concesión de axudas aos tripulantes e armadores afectados pola paralización temporal das súas respeitivas frotas pesqueiras.
Unha demora inaceitábel
“A qué se debe o retraso na aprobación destas axudas?, Vai cumprir o Ministerio co acordo aprobado na Cámara Baixa a instancias do BNG? Cando pensa o Goberno dar luz verde a ditas Ordes Ministeriais?”, son algunhas das cuestións que a deputada nacionalista dirixe ao Ministerio.
Davila dirixiuse en numerosas ocasións ao Goberno para demandarlle a axilización do pago das axudas aos mariñeiros das frotas do Gran Sol e de arrastre de litoral. “Pero a pesar da necesidade de solucionar estes pagos canto antes, resulta que os mariñeiros continúan agardando a percepción de ditas axudas”, “situación, recalca, que non sofren os armadores que en cambio si recibiron xa as subvencións”.
Para a parlamentar do BNG “resulta inaceitábel o retraso e a demora á hora de outorgar unhas axudas comprometidas polo Ministerio, precisamente cando se trata de traballadores que son os que máis o precisan”.
“Non cre que nunha situación de crise económica como a actual, demostra moi pouca sensibilidade por parte do Goberno retrasar estas axudas? Non cre que se debería priorizar o pago aos mariñeiros posto que deixan de ter ingresos cando se paraliza a súa actividade?”.