COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna) .O anterior conselleiro de Medio Ambiente e actual secretario xeral dos socialistas galegos, Manuel Vázquez, autorizou o enterramento irregular no vertedoiro da Areosa (Cerceda) dos residuos perigosos procedentes do dragado do porto de Vigo, sen tratamento descontaminante algún, malia que, polas características deste tipo de produtos, deberían ter sido procesados de acordo cun protocolo específico, semellante ao dos residuos industriais tóxicos e perigosos.
Así, o PPdeG ten constancia (acompáñanse documentos acreditativos nesta entrega aos medios de comunicación) de que o anterior equipo directivo da Consellería de Medio Ambiente, a través da empresa contratada por Sogama para a xestión do vertedoiro da Areosa, enterrou en Cerceda 6.495,19 toneladas de residuos procedentes do dragado do Porto de Vigo, como consta nun certificado emitido o 25 de febreiro de 2009. Outro documento cuantifica o volume depositado en 15.000 toneladas.
Para enterrar os residuos na Areosa, a autoridade ambiental fixo a “vista gorda” e permitiu que se efectuase unha clasificación irregular dos residuos, omitindo a toxicidade e perigosidade dos mesmos. Deste xeito, e a pesar de que a lama resultante do dragado portuario contén metais pesados e outro tipo de produtos nocivos, o documento de aceptación na Areosa clasifica este material como “Outros residuos, incluídas (mesturas de materiais), procedentes do tratamento mecánico de residuos, distintos dos especificados no código 19.12.11”, evitando calquera referencia á perigosidade dos mesmos.
Desde hai varios meses, o PPdeG séguelle a pista aos residuos procedentes do dragado do porto de Vigo e sospeitaba desde entón que poderían ter sido depositados na Areosa. Diferentes empresas que operan en Galicia no sector dos residuos industriais e perigosos rexeiteron facerse cargo dos mesmos dada a súa elevada toxicidadeo.
O PSOE NON MERECE DIRIXENTES COMO PACHI VÁZQUEZ
Á vista destes feitos, o PPdeG conclúe que o principal partido da oposición en Galicia non debería estar dirixido por un político que despreza a natureza e vulnera a normativa ambiental.
Ademais, recordan os populares galegos, sobre a conciencia de Pachi Vázquez, tamén pesan os 11 imputados pola presunta comisión dun delicto continuado contra o medio ambiente e os recursos naturais, que investiga un xulgado da Coruña, a raíz dos vertidos ao río Lengüelle efectuados desde o vertedoiro de Sogama da Areosa.