07 mayo 2009

A Guarda : O BNG presenta unha moción en defensa da lingua galega

A GUARDA (MORRAZO-tribuna) .“Dende o BNG faise un chamamento a toda a cidadanía para que apoie e asista á manifestación do 17 de maio en defensa da lingua galega en Santiago de Compostela”

O portavoz municipal do BNG na Guarda, Xan Lois Lomba, presentou no rexistro do concello unha moción en defensa da Lingua Galega para ser debatida no próximo pleno ordinario de maio.

Para o BNG resulta evidente que o proceso de normalización de usos do galego foi lento e, até hoxe, insuficiente para garantir o dereito a vivir na nosa lingua.

"Asistimos nos últimos tempos a unha situación esperpéntica, por canto existen sectores –políticos e mediáticos– que pretenden trasladar á opinión pública a idea de que o idioma castelán corre perigo en Galiza por mor da suposta discriminación a que se ven sometidas as persoas que falan nesta lingua. Un contundente informe do Consello de Europa elaborado a finais do pasado ano, advertía que no noso País non se están a dar garantías para o uso normal do galego en sectores tan importantes como a educación, a xustiza, os servizos públicos ou os medios de comunicación; incumpríndose de feito os tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos. Na mesma liña, un recente informe da Real Academia Galega sinala que en doce anos reduciuse á metade a cantidade de persoas que falan habitualmente en galego", afirma o BNG.

Para o BNG resulta preocupante as declaracións de persoas con cargos de alta responsabilidade no novo Goberno Galego que supoñen un ataque contra do galego e mesmo poden supoñer un perigo de confrontación e de fractura social; á marxe de ir contra de acordos unánimes do Parlamento Galego, nomeadamente contra o recollido no artigo 5 do Estatuto de Autonomía, que sinala o galego como lingua propia de Galiza e a obriga dos poderes públicos de potenciala nos diferentes ámbitos de uso.

A formación nacionalista solicita un posicionamento claro e contundente a prol do galego na liña dos acordos adoptados no Parlamento Galego, apoiar o ‘Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego’.

Dende o BNG faise un chamamento a toda a cidadanía para que apoie e asista á manifestación que se vai celebrar o próximo domingo 17 de maio en Santiago de Compostela, coincidindo co Día das Letras Galegas, en Defensa do Idioma Galego.